A provincia do turismo que innova

Cinco proxectos foron recoñecidos na primeira xornada TurisTIC de Pontevedra por promover, apostar e mellorar a provincia como destino turístico para que o escollan os visitantes de todo o mundo

Os premiados posaron xuntos logo da entrega de galardóns. DP
photo_camera Os premiados posaron xuntos logo da entrega de galardóns. DP

O CASTELO de Soutomaior acolleu o pasado mércores unha interesante primeira xornada dos Premios TurisTIC de Pontevedra, os galardóns que recoñecen o labor –en diversos ámbitos– de empresas da provincia. O evento, organizado pola Deputación de Pontevedra, contou coa presenza de máis de cen persoas que asistiron a diversas conferencias e debates sobre turismo, tecnoloxía e innovación. A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, estivo presente na cita e comunicou que, no primeiro trimestre do vindeiro ano, Pontevedra será a sede dos eventos Demoday de Turismo e TICS do Noroeste.

Nesta ocasión, os premios estiveron divididos en cinco categorías: Talento Turístico Gastronómico, TIC, Sostible, Experiencial e Innovador. O primeiro galardón foi para o Ecohotel Nós de Silleda. O recoñecemento chégalle ao establecemento porque traballa coa cociña experimental, empregando no seu menú produtos típicos da zona e de provedores locais ecolóxicos e sustentables.

Estas instalación, atópanse a só dous quilómetros de Silleda e contan con 6.000 metros cadrados de finca onde, con tan só seis habitacións, os hóspedes gozan dunha experiencia única cuxa compañía é a natureza. María Nieves López Neira dirixe o establecemento, que se presenta como a alternativa perfecta para descansar e repoñer forzas na penúltima etapa do Camiño de Santiago.

Seguindo nesta liña, o hotel Bosque Mar recibiu o premio Talento Sostible. Este negocio de restauración atópase nas Rías Baixas, máis concretamente en Reboredo, no concello de O Grove. Conta co emprazamento perfecto xa que ten a praia a menos de 300 metros. O directivo do negocio, Óscar Álvarez, recolleu de mans de Carmela Silva a distinción que premia a súa aposta polo medio ambiente.

ENERXÍA LIMPA. O hotel Bosque Mar dispón de máis de 70 paneis solares, diminuíndo o uso de combustibles fósiles. Ademais, emprega recursos propios da terra, cultivando unha horta libre de fertilizantes artificiais, e dispón de dous cargadores para vehículos eléctricos.

O negocio de Álvarez ten tamén spa, piscina e, actualmente, atópase no medio dun proxecto de construción dunha planta de enerxía fotovoltaica. En prol da enerxía limpa e de ter as mellores materias primas, Bosque Mar tamén cultiva os alimentos que logo lle ofrece aos seus hóspedes.

Víctor Longo recolleu a figura que o acreditou como vencedor na categoría de Talento TIC pola súa aplicación Partee. Esta plataforma virtual foi recoñecida por ser unha ferramenta de grande utilidade tanto para viaxeiros e viaxeiras como para empresarios e empresarias turísticos. Permite o check-in en liña para aloxamentos turísticos e xera partes de entrada de hóspedes, ademais de envialos directamente ao corpo policial correspondente xunto coa información ou firma do viaxeiro ou viaxeira.

Esta startup xestiona na actualidade centos de establecementos en toda a xeografía española e xa creou partes de turistas dos cinco continentes. Víctor Longo aposta por chegar aos 5.000 aloxamentos neste ano para conseguir estar en 20.000 no 2019.

O director executivo de Partee tamén formou parte dun dos debates que tiveron lugar mesta xornada en Soutomaior. Longo propuxo algunhas claves para mellorar as experiencias dos visitantes á provincia e expuxo diferentes ideas para fidelizar a clientela.

Pola súa banda, o blog especializado en gastronomía Alvientooo, do xornalista Alberto Ribas, foi o elixido para recibir o premio ao Talento Experiencial. A través da rede, Ribas relata viaxes, experiencias e plans nos que mestura eventos, turismo e gastronomía. Coas entradas ao seu blog, o comunicador realiza unha acción de promoción turística que xa xerou máis de 15 millóns de impactos en redes sociais.

Ademais dunha multitude de artigos publicados de diferentes países arredor do mundo, Alventooo tamén conta con plans para realizar na provincia, en diferentes municipios pontevedreses. Así, sempre cun contido no que destaca a calidade tanto do escrito como do visual, contou a experiencia na Rapa das Bestas de Sabucedo, como chegar ás Illas Cíes ou que ver en Vilaboa ou Ponte Caldelas.

DESCUBRIR AREOSO. O último galardón foi o do Talento Turístico-Innovador e foi recollido por unha das responsables de Piragüilla Ocio e Aventura, Marta Iglesias. A empresaria foi recoñecida polo seu compromiso coa innovación e pola calidade turística do seu negocio. Iglesias puxo en marcha unha aplicación móbil propia para que os seus e as súas visitantes descubran máis sobre o entorno que están visitando.

Esta app conta cun sistema de seguridade que busca garantir o benestar dos e das participantes en calquera das súas actividades. A arousá Piragüilla ofrece navegar en kaiak ata o illote de Areoso para coñecer as súas fermosas praias de area branca ou, para os amantes das profundidades mariñas, propón practicar snorkel. Rutas en bicicleta ou ‘paddle stand’ na Illa de Arousa son outras das actividade das que dispón o emprendemento premiado pola Deputación.