A provincia gañará 340.000 metros cadrados "para as persoas" grazas a Ágora

A día de hoxe executáronse 14 proxectos que supuxeron un investimento de 9 millóns de euros
Participantes no acto de celebración dos tres anos da Rede Ágora, onte no Pazo Provincial.   DP
photo_camera Participantes no acto de celebración dos tres anos da Rede Ágora, onte no Pazo Provincial. DP

A Deputación fixo onte balance da recuperación de espazo público realizado grazas á Rede Ágora e, segundo resumiu, cando na provincia se executen todos os proxectos subvencionados con esta iniciativa, teranse transformado máis de 620.000 metros cadrados de espazo público, dos que 340.000 serán gañados para as persoas restándollos aos vehículos, o que supón multiplicar por cinco o espazo existente na actualidade.

Os datos foron aportados polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, no acto de celebración dos tres anos da Rede Ágora, ao que asistiron máis de 140 representantes de concellos e persoal técnico, e no que participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicepresidente, César Mosquera; a secretaria da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, e tamén os catedráticos José Fariña Tojo (arquitecto) e María Ángeles Durán (socióloga), que estiveran como relatores nas conferencias da Facultade Ágora en 2021.

Ademais do balance de datos, tamén se presentou o libro que recolle os relatorios da mencionada Facultade, e entregáronse as Distincións Ágora aos concellos adheridos á rede en recoñecemento das súas boas prácticas.

Benítez destacou que a Rede Ágora naceu cun obxectivo principal en 2021, incrementar de maneira substancial e medible o espazo público da provincia con coñecemento e base teórica. "Todo o mundo está de acordo coa filosofía de recuperar os espazos para as persoas, pero queriamos facer as cousas ben e que os resultados fosen medibles, que a final de mandato puideramos ver se poñer a andar a Rede Ágora valeu para algo", subliñou. Neste sentido, indicou que Ágora concedeu preto de 5,8 millóns de euros en subvencións nos últimos dous anos e medio e que grazas a iso se van redactar 206 proxectos de recuperación de espazos públicos cun investimento total de 94 millón de euros.

"Hai vontade de recuperar o espazo público, os concellos están xa lanzados", explicou Benítez, que tamén fixo conta de resultados das obras xa executadas. A día de hoxe, son xa realidade 14 proxectos que supuxeron un investimento de 9 millóns de euros, transformaron máis de 50.000 metros cadrados e gañaron para as persoas 22.000 metros. Todo isto, explicou, tendo en conta que cada proxecto tiña a condición de que debía recuperar polo menos o 50% do espazo para as persoas, cun mínimo de 300 metros cadrados retirados aos vehículos.

Transformación

 "Seguramente, esta é a provincia que ten feito a transformación máis potente" para recuperar espazo público, subliñou a presidenta, Carmela Silva, na apertura do acto.

"Para nós trátase dun dereito. Estamos a falar de patrimonio da xente; é a súa propiedade", afirmou, ao tempo que recordou que esta liña estratéxica arrancou cun modelo de mobilidade amable nas estradas provinciais e que, coa posta en marcha da Rede Ágora, deu un paso máis para trasladar esta filosofía aos proxectos municipais.

Pola súa banda, César Mosquera salientou que Ágora buscou as mellores solucións para axudar aos concellos a recuperar o espazo público e engadiu que os gobernos locais deben ter "fe, crenza e empuxe" para avanzar por este camiño.

Expertos

A secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, foi a encargada da presentación do libro da Facultade Ágora, máis de 360 páxinas que concentran os relatorios das persoas conferenciantes desta Facultade, entre elas as convidadas na cerimonia de onte, José Fariña Tojo e María Ángeles Durán.

O primeiro subliñou que Ágora é das mellores experiencias en canto a formación de persoas políticas e técnicas que coñece nos últimos tempos. Destacou que a recuperación do espazo público como un dereito -tal como defende a Rede- non debe converterse nun "eslogan", senón que ten que seguir na práctica, ante o que salientou que é máis fácil facelo para as vilas pequenas que para as grandes. Subliñou que ademais da implicación política e técnica, debe tamén haber unha terceira pata, que "é a xente, que debe esixir que se recupere o seu espazo público".

Pola súa banda, María Ángeles Durán destacou que Ágora é para ela unha "alegría", xa que "ante o dito de que o que é común non é de ninguén, Ágora plantexa o contrario: se non é común, ninguén ten nada". Para a socióloga do CSIC, o proxecto da Deputación de Pontevedra ten un alto grao de exportabilidade, e sinalou que podería chegar a lugares como México ou outros moito máis complexos.

Comentarios