A provincia xa suma 44 empresas co selo de calidade turística SICTED

A Deputación subliña o papel embaixador das Rías Baixas destas firmas, ao acadar este distintivo de calidade, que avala o seu compromiso coa excelencia turística a nivel nacional
Turistas por las calles de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Turistas por las calles de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un total de 36 empresas de Caldas, Cuntis, Marín, Moraña, Poio, Pontevedra e Vilaboa renovaron o distintivo de calidade do Sistema Integral de Calidade Turística En Destino (SICTED), un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherida a Deputación de Pontevedra. Oito destas firmas reciben por vez primeira o distintivo que avala o seu compromiso coa excelencia turística.

O ente provincial destaca o papel de embaixadores 100% Rías Baixas destas firmas. En concreto trátanse de 18 empresa do municipio das cales tres conseguen por vez primeira o recoñecemento e 15 o renovan. As tres que o logran por vez primeira son Albergue Aloxa Hostel, Bulezen Urban Hostal e Hotel Madrid, nas modalidades de albergues e hoteis e apartamentos turísticos. As quince que renovan son o Museo de Pontevedra, Aurelio Taxi, Casa Sada, Galicia Guiada, Guiados Pontevedra, Isabel Sanjuan, Lola Food and Drinks, Maiskeexperiences, Pazo San Román -A Cámara, Promoción y Gestión Cultural Trisquelia, Rei Zentolo Pontevedra, Restaurante O Eirado da Leña, Turismo de Pontevedra, Viajes Arany e Viajes Darío, enmarcados nas categorías de museos, taxis, comercios, guías de turismo, restaurantes e empresas turísticas de catering, organizadores e congresos, información turística e axencias de viaxes.

De Caldas conseguen por vez primeira tres firmas e renovan o distintivo de calidade cinco. Reciben por vez primeira o Albergue O Cruceiro, Hotel O Cruceiro e Nuova Travel, e renovan o Balneario Dávila, Casa Rural Torre do Río, Celtic Viajes, Hotel Dávila e Hotel Pousada Real, nas categorías de turismo de benestar, aloxamentos rurais, axencias de viaxes e hoteis e apartamentos turísticos.

No caso de Cuntis renovan o distintivo do Sistema Integral de Calidade en Destino (SICTED) sete entidades: Artesanía Cerámica de Castrolandín, Balneario Torniños-Termas de Cuntis, Casa A Pedreira, Centro de Interpretación do Xacemento de Castrolandín, Hotel Castro do Balneario-Termas de Cuntis, Hotel La Virgen -Termas de Cuntis e Punto de información turística de Cuntis.

Pola súa banda, cinco entidades de Poio renovaron o distintivo. Trátase de Deck Marina Combarro (restaurante), Hotel Don Pepe (hoteis e apartamentos turísticos), Hotel Gran Proa (hoteis e apartamentos turísticos), Marina Combarro (portos deportivos) e Tierra y Mar Raxó (turismo activo). Mentres que Xeitoxiña, un aloxamento rural, conségueo por vez primeira.

De Vilaboa son tres as entidades que renovan o distintivo: A Casa de Rosa de Mazaroca Restaurante e os aloxamentos rurais Casa do Americano e Casa Rural Os Areeiros. No caso de Moraña renova o aloxamento rural Casa A Camboa e en Marín obtén por vez primeira o distintivo a empresa de turismo activo Imua Wind Club Aguete.

Plan Estratéxico de Turismo

A Deputación acaba de adxudicar o Plan Estratéxico de Turismo, que terá vixencia ata o 2027, con posibilidade de amplialo ata o 2030. Este plan vertebrará os seus eixos arredor da calidade, a sostibilidade, a desestacionalización e a creación de novos produtos turísticos máis diversificados. A finais do mes de abril comezarán a celebrarse mesas de traballo para avanzar na redacción do plan, co obxectivo de sumar sinerxías e integrar nel as diferentes visións do sector.

Neste 2024 a Deputación está a destinar máis de 5,6 millóns de euros ao impulso do turismo na provincia, un 2% máis que o consignado o pasado ano. Con estes recursos cuadriplícase o investimento para difundir Rías Baixas e as subvencións destinadas a actividades turísticas e a entidades relacionadas co sector medran un 80% e 17%, respectivamente. Ademais estanse a mellorar infraestruturas nos castelos de Soutomaior e Sobroso e no Palacete das Mendoza e a impulsar novas iniciativas relacionadas coa intelixencia artificial, coa explotación das praias como escenarios para propostas familiares ou deportiva, oa promoción da cultura ou co apoio a grandes eventos deportivos.

"O selo proporciona igualdade de condicións en calidade, pero non por telo a xente me vai buscar"

Cando José Manuel Aragunde abriu o Hotel Posada Real de Caldas xa contaban con varios procedementos e manuais, o que lles facilitou a entrada no SICTED. "Pola nosa idea de negocio xa contabamos con distintos manuais", explica o empresario.

Aínda que o distintivo de calidade ofrece a quen o ostenta publicidade nos principais portais dixitais do sector, Aragunde conta que "polo de agora" non nota un aumento nos clientes; "non por ter este distintivo a xente me vai buscar, o que me achega é unha diferenciación do resto de establecementos do mercado, por iso nos decidimos a solicitalo". Ademais do SICTED, a Posada Ral de Caldas conta coa 'S' de sostibilidade polo seu compromiso de negocio.

"O SICTED axuda a reflexionar sobre como facemos as cousas e a estandarizar procesos"

Bulezen Urban Hostel vén de recibir o selo de calidade SICTED por vez primeira. "Recomendaría que as persoas que poidan soliciten este selo, porque é un distintivo máis que recoñece o ben que facemos as cousas", explica a súa propietaria, Noemí González que considera que, "ao final os usuarios saben que nos establecementos que luzan este selo hai unha calidade común". Para esta empresaria pontevedresa "a formación obrigatoria para conseguir o distintivo axuda a reflexionar sobre o modo en que facemos as cousas e a estandarizar procesos". Noemí González subliña que nas últimas semanas o seu establecemento "está completo todos os días" aínda que "non sabemos canto deste aumento é froito do selo".

Comentarios