O proxecto da Vía Verde aínda latexa

A covid non rematou co plan de senda verde sobre o antigo trazado ferroviario que a cidadanía e as institucións pontevedresas levan anos esperando 
2020080911264856869
photo_camera Marcha en defensa da Vía Verde. RAFA FARIÑA

A irrupción da covid na axenda institucional supuxo moitos cambios e aprazamentos. Un deles, a prioridade que o Ministerio de Transportes tiña previsto dedicarlle ao plan de reaxuste do mapa ferroviario galego, e que viña a resolver en gran medida o novo uso que se lle daría aos tramos de vía que, debido á entrada en vigor dos novos trens, tiñan pasado a un segundo plano. Un plan que, após a renuncia manifesta de Adif ao emprego desas vellas vías, tal e como anunciou a subdelegada do Goberno na provincia Maica Larriba a este medio en febreiro, a priori incluía dar o visto bó aos 32 kilómetros que unen os concellos de Pontevedra e Vigo para a conversión dese trazado do ferrocarril, maioritariamente en desuso na actualidade, nun corredor peonil e de bicicletas kilométrico que aproveite e revalorice os tramos xa construídos. Algo que leva anos sendo unha reivindicación latente entre gran parte da provincia, tanto desde a poboación, que xa ten realizado marchas cidadás a modo de reivindicación, como por parte dos organismos municipais implicados.
escritorio

Na cidade olívica, punto de partida desta senda verde que xurde no sur, o desenvolvemento do proxecto atópase á espera de que o goberno municipal adxudique de novo as obras após a marcha atrás da anterior empresa. Con todo, o consistorio non ten previsto desbotar o proxecto, cuxas obras se retomarán de forma máis ambiciosa. Así, a vía verde viguesa que conectará as zonas de Urzaiz e Teis polas antigas vías ferroviarias contará finalmente con 3,6 kilometros de lonxitude, cun carril de cinco metros de longo, dos que tres estarán destinados á calzada para as bicicletas e os outros dous para a senda peonil.

Porén, este trazado non rematará na fin do termo municipal. Ao chegar a Chapela, o concello de Redondela tomará un relevo 'sen fisuras' estéticas no paseo que chegará até Rande, se ben o deseño de ambos proxectos non será exactamente igual, tal e como fixeron constar os alcaldes de ambos municipios nunha reunión mantida meses atrás. O tramo de Chapela ten unha loxitude prevista de 1,6 kilómetros, para cuxo acondicionamento o concello contaría cun orzamento superior aos 800.000 euros. Desde o consistorio prevén que as obras poidan comezar antes do remate deste ano.

Non será así, a priori, no tramo que vai de Arcade a Pontevedra, que se presenta como o máis conflitivo de todo o trazado porque, malia o interese que xa no pasado amosaron os concellos de Pontevedra, Vilaboa e Soutomaior por darlle unha nova vida ás vías, na actualidade estas continúan en uso fundamentalmente para o transporte de mercancías. Amais, na propia Vilaboa existe actualmente un choque de trens, xa que como lle indicaron fontes do consistorio a este xornal, o maior coñecedor do proxecto era o alcalde socialista 'Kiko' Costa, que vén de presentar a súa dimisión nun pleno extraordinario celebrado na tarde de venres. Ante a incertidume de quen o relevará no cargo e as súas intencións respecto da Vía Verde, o plan atópase paralizado no municipio.
Captura

Unha situación de parálise que, en consecuencia, condiciona á propia capital da provincia. Secasí, Pontevedra observa con esperanza as decisións que se tomen nos municipios precedentes, xa que era o propio alcalde da Boa Vila quen, nada máis coñecer a restruturación ferroviaria, poñía sobre a mesa a posibilidade da reconversión en Vía Verde das vías de tren en desuso, apremiando a Adif para que procedese á súa cesión. Amais, desde mediados de 2018, o goberno municipal conta coa luz verde para poder aproveitar a antiga ponte do tren que cruza o Lérez á altura de Monte Porreiro co fin de unila ao concello de Portas nun proxecto tamén de senda verde.

Porque, de conseguir desbloquear todo o tramo de Arcade a Pontevedra, e após a realización das obras proxectadas en todos os municipios contemplados no traxecto, a senda verde que parte de Vigo en dirección a Redondela podería chegar a unirse, nun futuro e na propia capital da Provincia, coa obra anunciada en febreiro de 2016 como un corredor de 10 kilometros para camiñantes e bicicletas que comeza en Vilagarcía de Arousa rumbo ao concello de Portas, artellando no vello trazado ferroviario unha rede de até 50 kilometros que crearía a primeira Gran Vía Verde do país.

Comentarios