O proxecto O teu cole na historia convértese nun libro que suma historia e ilustración

Polo Correo do Vento edita este volume de 184 páxinas, promovido pola Concellería de Educación, que inclúe os 21 murais
Quique Mauricio, Carlos Taboada e Tino Fernández. DP
photo_camera Quique Mauricio, Carlos Taboada e Tino Fernández. DP

Os 21 murais doutros tantos centros de Infantil e Primaria de Pontevedra saltan da parede ao papel coa edición do libro O teu cole na historia, no que se exhiben e explican todas estas ilustracións. A obra compilatoria foi presentada onte no Concello durante un acto no que participaron os creativos de Polo Correo do Vento, Quique Mauricio e Carlos Taboada, e o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, quen asegurou que este é un dos seus proxectos estrela.

Editado por Polo Correo do Vento e maquetado por Lela Edicións, este libro de 184 páxinas recolle ademais información de interese e curiosidades sobre os colectivos, edificios, elementos patrimoniais e etnográficos, espazos naturais e personaxes ligados á historia dos centros e dos seus contornos. Os que participaron no proxecto O Teu Cole na Historia, e que agora protagonizan esta publicación, son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde (Mourente) e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.

Esta primeira edición do libro conta cunha tirada de 2.000 exemplares, que serán distribuídos entre os centros escolares. O seu reparto complementarase cunha exposición itinerante que irá visitando os colexios e que tamén se exhibirá en diferentes espazos públicos do concello.

Así mesmo haberá unha exposición itinerante que se desenvolverá ao longo deste curso, rematando cunha mostra nas rúas da cidade. Destacaron algunhas das "sorpresas" acadadas durante a elaboración do proxecto, como que "onde hoxe está o colexio Álvarez Limeses, hai moitos anos se xogaba ao hóckey", a existencia do Entroido propio de Marcón, que se recuperou, ou as biografías do metres represaliado Vidal Portela, ou da mestra Crespo Rivas.

Comentarios