O PSdeG esixe á Deputación que publique "xa" as bases do novo plan para os concellos

Din que un total de 59 orzamentos municipais na provincia están parados á espera de que se desvele a "letra pequena" do financiamento
Os deputados socialistas, ás portas da Deputación nunha recente foto de arquivo. DAVID FREIRE
photo_camera Os deputados socialistas, ás portas da Deputación nunha recente foto de arquivo. DAVID FREIRE

O grupo socialista na Deputación de Pontevedra esixiu onte ao goberno popular da administración provincial a publicación inmediata das bases que rexerán para o novo plan de financiamento dos concellos. Segundo din, os 59 concellos da provincia seguen á espera da "letra pequena" desta ferramenta económica para elaborar definitivamente os seus orzamentos para 2024.

Para os socialistas, "os cinco meses transcorridos dende que o Partido Popular accedeu ao goberno da Deputación tralas últimas eleccións municipais son tempo máis que suficiente para que o novo plan provincial de financiamento dos concellos tivese sido aprobado, publicado e convocado".

Os 18 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia de menos de 50.000 habitantes veñen de asinar un manifesto para lamentar este atraso e reclamar que se aproben "dunha vez por todas" as devanditas bases do plan denominado agroa Máis Provincia.

O voceiro socialista, Carlos Font, sinalou que trátase "dunha situación insólita" pois o ano está piques de rematar e "nada se move na Deputación". "Se pode ser antes das uvas estaría ben, porque hai que lembrar que o período de presentación dos proxectos ao anterior plan Concellos abriuse sempre o 1 de xaneiro".

Carlos Font explica que as bases e a convocatoria do Plan Concellos foron sempre aprobadas no pleno provincial antes de novembro, en paralelo cos orzamentos Orzamento provinciais. O ano pasado publicáronse no Boletín Oficial da Provincia o 30 de outubro. E, ademais, suliña que "sempre se remitiu unha carta informativa a tódolos concellos coa asignación prevista a cada un".

O atraso deste ano, segundo dí Font, "está a espertar unha gran preocupación toda vez que se teñen anunciado cambios xenéricos, pero nada se sabe oficialmente sobre os criterios de reparto".

O voceiro do Partido Socialista na Deputación subliña que un total de 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes (todos excepto Vigo e Pontevedra) teñen os seus orzamentos municipais parados á espera de coñecer cantos fondos e en que condicións vai achegar a Deputación co cambio de modelo anunciado polo Partido Popular. Algo que non ten precedentes recentes.

O manifesto dos socialistas está rubricado polos alcaldes de Vilagarcía, O Grove, Caldas de Reis, Cambados, Forcarei, A Illa de Arousa, Redondela, Rodeiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Nigrán, Fornelos de Montes, A Cañiza, Meis, Silleda, Cuntis e Gondomar.

Todos eles recordan que foron convocados a unha presentación xenérica o pasado 16 de outubro, "xa con moito atraso dende o nomeamento do novo presidente provincial, Luis López", e, dende entón, "a opacidade é total".

Os responsables municipais reivindican o "gran avance" que supuxo o nacemento do Plan Concellos en 2016, o primeiro gran plan regrado na historia da Deputación, que garantiu que tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes, goberne quen goberne, recibiran unha achega anual da Deputación estable en función dunha fórmula matemática nas que se valora poboación, extensión e dispersión. E, ademais, "repartindo a dotación total a partir da subdivisión da provincia en concellos de menos de 10.000 habitantes, de ata 20.000 habitantes e de ata 50.000 habitantes co obxectivo de garantir o financiamento preferente aos concellos máis pequenos, tal e como establece a lei".

O Plan Concellos financiou nos seus oito anos de vixencia, entre 2016 e 2023, máis de 3.000 obras, fixo posible a contratación de máis de 9.000 persoas para prestar temporalmente servizos municipais e garantiu servizos e subministracións en toda a provincia, converténdose nun instrumento vital, especialmente para os concellos máis pequenos, que financiaron a práctica totalidade dos seus investimentos con esta ferramenta.

Comentarios