O PSdeG de Vilaboa apostará por César Poza para revalidar a Alcaldía

Leva dous anos sendo primeiro edil, pero non encabezaba a lista anterior, senón que tomou o relevo de Quico Costa. O alcalde destacou os logros "en dous anos" e a capacidade de diálogo
Poza, en un dos viais arranxados nesta etapa, na subida de Pazos a Sobreira. DP
photo_camera Poza, en un dos viais arranxados nesta etapa, na subida de Pazos a Sobreira. DP

O alcalde de Vilaboa César Poza, acaba de ser ratificado pola asemblea ordinaria da agrupación local socialista como candidado do PSdeG para revalidar a Alcaldía do municipio.

O PSOE anunciou o resultado do seu encontro coa militancia, celebrado o domingo con uns 30 participantes. A Casa da Cultura acolleu este acto, no que non houbo máis candidaturas e estiveron presentes moitos dos históricos como Luís Poceiro, Paco Barcala ou José Luís Madrazo para dar apoio á proposta de César Poza, co que compartiron responsabilidades de Goberno na súa anterior etapa política.

O actual rexedor aproveitou o encontro para expor ante a asemblea cales foron as súas liñas de traballo nos dous últimos anos e cales dos resultados obtidos considera máis valiosos de cara a darlle continuidade ó seu labor.

Poza destacou o feito de que conseguiu darlle continuidade ao papel do seu equipo no Goberno local, pese a que tomou a Alcaldía cando ían xa dous anos de mandato, ao asumir o relevo de Quico Costa. Ao mesmo tempo, nese momento, rompeuse o pacto de Goberno co BNG e este tramo final o PSdeG manexou o timón do Concello cun goberno en minoría.

Foron dous anos nos que gobernamos en minoría, pero dialogamos con todas as forzas polítias para sacar os proxectos"

"Foron dous anos que aproveitamos facendo todo tipo de actuacións, algunhas delas moi importantes. Gobernamos en minoría, dialogamos con todas as forzas políticas para sacar proxectos adiante. Puideron ser máis, obviamente, pero os que sacamos adiante son moi importantes", destacou, para lembrar, entre todos eles, "o Forno do Cal, que foi un fito polo tempo récord, polo calado do investimento e polo significado especial que ten para a nosa veciñanza. A nivel de viais fixéronse moitos investimentos orientados a reforma e humanización de estradas e camiños, que ata o de agora non se facía, e que permite incorporar rmoitas medidas de seguridade e recuperar os espazos públicos". Destacou tamén o traballo en eficiencia enerxética e a aposta pola compostaxe que quere levar a este concello a manterse como o máis avanzado da provincia en materia de cumprimento da axenda 2030.

O socialista informou tamén á militancia do seu concepto de Concello da importancia "de ter un plan que articule todas as nosas obras" e de promover un núcleo de centralidade na zona do Toural onde xa se concentran moitos servizos "o que axudará a mudar definitivamente a tónica de desenvolvemento en Vilaboa".

Comentarios