Denuncian un brote de sarna no Avelino Montero

A deputada socialista Patricia Vilán advertiu que o centro de menores non activou o protocolo para enfermidades altamente contaxiosas

Patricia Vilán na rolda de prensa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Patricia Vilán na rolda de prensa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A vicevoceira do PSdeG no Parlamento Galego, Patricia Vilán Lorenzo, denunciou a detección hai unhas semanas dunha epidemia de sarna no Centro de Reeducación Especial Avelino Montero, en Pontevedra, que afectou a "entre catro e cinco persoas".

A dirección do centro de menores, segundo Patricia Vilán, non tería aplicado "o protocolo para enfermidades altamente contaxiosas, coma esta, que se pode transmitir simplemente a través do contacto".

Denunciou, ademais, que houbera "tanto traballadores, coma nenos afectados" e que o "desfasado" que estaría este centro é unha "exemplificación da situación na que se atopa a sanidade pública". Por este motivo, o seu grupo parlamentar vén de rexistrar unha iniciativa respectiva ao estado do centro.

A deputada, tras unha visita ao Avelino Montero, concluíu que as infraestruturas adoecen da falta dalgún tipo de "reparación potente" dado que se mantiñan "nas mesmas condicións, senón peores, que nos anos 80, cando se construíu".

A tamén secretaria de Organización da Executiva en Pontevedra do partido realizou este anuncio no marco dunha comparecencia ante a prensa na que fixo balance do traballo do seu grupo parlamentar no presente período lexislativo.

"Os deputados do PP rexeitan case todas as iniciativas que se centren nun concello que non estea gobernado por eles"

Avanzou que avaliaban "positivamente" o feito de teren rexistrado 1.410 iniciativas para a comarca de Pontevedra, 145 das cales atinxían á Boa Vila, pero que o balance sobre o labor do Goberno de Núñez Feijóo era "malo" debido a que deixaba na bisbarra pontevedresa "unha situación idéntica á que había hai un ano, igual de negativa". "O traballo que fai a Xunta pódese cualificar de conxunto baleiro", agregou Patricia Vilán.

"O Goberno galego dá mellor trato aos concellos rexidos polo PP", criticou a deputada socialista. "A diferenza é notable, toda iniciativa que se centre nun concello que non estea gobernado por eles é rexeitada de forma case automática", lamentouse.

Vilán Lorenzo fixo tamén referencia ás subvencións da Consellaría de Medio Ambiente publicadas no DOG o 4 de xuño para cuxa solicitude se abría un período de tres días, durante os cales a páxina da Consellaría permaneceu unha boa cantidade de tempo caída. "Presentamos xa queixas por esta pésima xestión e pedimos unha relación dos concellos que si puideran ter acceso á solicitude das axudas. Todo apunta a que a inmensa maioría están gobernados polo Partido Popular", protestou a secretaria de organización local.

TRASVASE E OBRAS. Outras das propostas destacadas pola deputada socialista que tamén foron rexeitadas na súa totalidade polo grupo parlamentario popular, son a relativa ao trasvase do río Verdugo, así como ao inicio das obras da PO-234 en Ponte Caldelas ou a do acondicionamento dos portos de Covelo e Raxó.

Vilán Lorenzo lamentábase de que estas cuestións respectivas a concellos nos que o Partido Popular non goberna "teñan sido rexeitadas de forma taxante". Criticaba tamén o feito de que os populares non aceptasen "practicamente ningunha" das propostas respectivas á política social.

Varias das iniciativas xa rexistradas mencionadas pola vicevoceira do PSOE na Cámara non foron aínda debatidas no Pleno e polo tanto reactivaranse proximamente. Patricia Vilán tamén afirmou que as próximas iniciativas do seu grupo se centrarán en "temas locais", xa co horizonte das municipais.

Sanidade. Principais iniciativas
Un ámbito no que os socialistas teñen presentado "bastantes" iniciativas no Parlamento é o de Sanidade. Entre estas, Vilán destaca esixencia ao Executivo de Feijóo de presentar un proxecto en firme para o Gran Montecelo, a denuncia do "precario estado" das instalacións do Fogar Residencial de Cerdedo-Cotobade ou iniciativas respectivas aos centros de saúde de Forcarei, criticando tanto o seu peche polas tardes como a "escaseza de pediatras".

Por outra banda, no ámbito de Patrimonio, Patricia Vilán destacou a solicitude de restauración do Pazo de Lourizán, sobre a que o PPdeG tería votado en contra. A Deputación é a propietaria desta casa señorial, mais mantén un convenio coa Xunta que a coloca como inquilina, trasladándolle a obriga de mantela. "Estamos seguros de que o que busca a Xunta é agardar a 2019, ano no que vence o convenio co Goberno autonómico, para devolver o Pazo en estado lamentable á Deputación e que sexa a Administración provincial a que se encargue del", afirmou a vicevoceira socialista.