O PSOE acada o respaldo unánime da Corporación á súa moción de apoio a #EmerxenciaFeminista

A concelleira de Igualdade, Paloma Castro, explicou que a fachada do edificio consistorial será iluminada de morado este venres pola noite, coincidindo coa concentración da Praza de España
A edil de Igualdade, Paloma Castro. CONCELLO
photo_camera A edil de Igualdade, Paloma Castro. CONCELLO

Todos os grupos da Corporación municipal de Pontevedra respaldaron a moción de apoio a #EmerxenciaFeminista, unha campaña impulsada polas organizacións de mulleres e á que a Concellería de Igualdade quixo sumarse. 

A edil socialista Paloma Castro lembrou que “este verán negro esixe unha maior responsabilidade e compromiso e unha resposta contundente por parte de tódalas administracións”, xa que “estamos nunha situación de alerta, de verdadeira emerxencia”.

Castro está convencida de que “se esta situación de terrorismo machista afectase a outros colectivos ou se estivese a producir noutros ámbitos, estariamos falando dun país perigoso, en estado de excepción”. Segundo explicou a concelleira de Igualdade, ademais da iluminación da fachada da antiga Casa Consistorial, a moción impulsada polo PSOE tradúcese nun pronunciamento público da Corporación contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres e contra a normalización da mesma, así como nunha posición de rexeitamento frontal “contra todas aquelas campañas e mensaxes que contribúen á xustificación da violencia de xénero e que promoven a súa minusvaloración ou cuestionamento”.

Neste sentido, Paloma Castro lamentou que, ao contrario do que aconteceu este xoves no Concello de Pontevedra, existan grupos políticos “negacionistas, que nos sorprenden cada día con afirmacións máis e máis aberrantes mentres acontecen traxedias como a de Valga”. “Ogallá que o PP asuma os contidos desta proposta tamén a nivel estatal e deixe de ir da man de Vox. É unha verdadeira vergoña que nin sequera se sumasen ao minuto de silencio polo triple asasinato machista de Valga”, criticou a edil do PSOE.

Paloma Castro animou a toda a cidadanía a vestirse de negro e a sumarse á concentración deste venres, “para amosar que o terrorismo machista non ten ningún tipo de cabida nunha sociedade decente”.

Comentarios