O PSOE afea ao BNG a supresión da campaña 'Volta ao cole' e o sorteo de vales de compra

A iniciativa buscaba incentivar que os pontevedreses realizasen as compras de material escolar en tendas da cidade
A campaña buscaba incentivar que os pontevedreses realizasen as compras de material escolar en tendas da cidade. BEATRIZ CÍSCAR (ADP)
photo_camera Material escolar. BEATRIZ CÍSCAR (ADP)

O Grupo Municipal do PSOE afea ao Goberno do BNG "a súa absoluta falta de sensibilidade" co comercio local e co peto das familias ao suprimir as "imprescindibles e exitosas campañas de Volta ao cole" que a socialista Yoya Blanco desenvolvera estes anos na Concellería de Promoción Económica e Turismo.

"Xusto cando as economías familiares deben afrontar unha volta ao cole especialmente cara, cun gasto medio de 500 euros por neno", os nacionalistas deciden "racanear" en iniciativas de dinamización "cruciais para a caixa do comercio de proximidade", afirma.

En opinión de Blanco, "esta ausencia de empatía co pequeno comercio e as familias pontevedresas contrasta de xeito moi chamativo co posicionamento que vén de expresar a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, reclamando o impulso dunha tarxeta escolar de entre 250 e 500 euros para que as familias con rentas inferiores a 12.000 euros poidan acadar material escolar". "Coincidimos con Pontón no diagnóstico que fai sobre a total desidia e desprezo que o PP e a Xunta amosan sobre a sofocante situación que deben afrontar as familias neste inicio de curso, pero non estaría de máis que tamén lles esixa aos membros do seu partido un pouco de sensibilidade neste eido. Mentres o PP reflexiona sobre a importancia da educación pública e universal e do pequeno comercio, o BNG pode comezar predicando co exemplo alí onde goberna e botar unha man ás economías familiares e aos comerciantes de Pontevedra", sostén a concelleira do PSOE.

A campaña, á que o ano pasado se adheriron máis de 400 comercios, pretendía fomentar que as compras de material escolar e outros enseres relacionados se levaran a cabo en negocios da Boa Vila. Tamén incluía un sorteo de vales de 70 euros entre os clientes para incentivar a compra.

"Ademais –sinala Yoya Blanco–, dado que o buzón para depositar os recibos de compra e participar no sorteo estaba no Mercado de Abastos, o círculo da dinamización comercial ampliábase aínda máis, de xeito que moitos pontevedreses aproveitaban este período para achegarse ata a Praza e levar a casa produtos frescos".

Comentarios