sábado. 25.09.2021 |
El tiempo
sábado. 25.09.2021
El tiempo

PSOE e BNG rexistran unha moción para esixir que a Xunta o manteña a unidade de Primaria en Verducido

Un aula de la EEI de Verducido. GONZALO GARCÍA
Un aula de la EEI de Verducido. GONZALO GARCÍA

A iniciativa tilda de exercicio de "hipocrisía" que Feijóo escenifique alegatos a prol de fixar poboación no rural ao tempo que "desmantela" as súas escolas

Os grupos municipais do PSOE e o BNG rexistraron este venres unha moción conxunta na que lle esixen á Xunta de Galicia que reconsidere o seu posicionamento en relación á EEI de Verducido e manteña aberta a súa unidade de Primaria, permitindo que o colexio siga a funcionar como o fixo desde os anos 60.

A proposta asinada polo socialista Tino Fernández e a nacionalista Carme da Silva, que o equipo de Goberno levará ao vindeiro Pleno ordinario para a súa aprobación, cualifica como "un verdadeiro acto de hipocrisía" que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, protagonice alegatos en favor de fixar poboación no rural e, en paralelo, se dedique a "desmantelar un dos elementos máis importantes de cohesión comunitaria nos contornos rurais, como é a escola pública".

AULAS DE INFANTIL. Para Tino Fernández, concelleiro de Educación, os populares deben escoitar dunha vez ás familias, deixar de actuar "sibilinamente e con falsidade" e abandonar definitivamente "a súa campaña de acoso e desmantelamento encuberto do colexio de Verducido". O tenente de alcalde tamén lle solicita á Xunta que reconsidere a súa postura sobre as aulas de Infantil, "xa que o colexio debería ter dúas unidades de Infantil se non se tivese pechado pola forza unha delas no curso 2018-2019".

"O centro tiña 17 alumnos en Infantil nese momento, coas matrículas á alza, o que é un dato a destacar nunha escola rural. De feito, este centro educativo non contara cun nivel tan alto de matrículas nos anteriores 20 anos", sinala o edil do PSOE.

POLÉMICA CON PRIMARIA. Tal e como se lembra na moción, "a operación para desartellar o colexio proseguiu ao ano seguinte, no curso 2020-2021, co intento de pechar Primaria, pero unha sentenza xudicial obrigou a mantela, ao considerarse que a Xunta lesionara os dereitos fundamentais dos menores matriculados en Primaria nese ano". "Lamentablemente, o xuíz non ditara con carácter previo as medidas cautelares que terían permitido aos rapaces matriculados en Primaria quedar no centro escolar de Verducido, o que os obrigou a cambiar de colexio", sinala o concelleiro socialista.

Ademais, segundo afirma Tino Fernández, "lonxe de corrixir esta inxusta situación, a Xefatura Territorial de Educación da Xunta volveu actuar unha vez máis dun xeito ladino e aproveitouse da baixa matrícula en Primaria para facer o que quería facer desde un principio, que era pechar esta unidade, obviando que fora precisamente a súa decisión arbitraria e ilegal a que provocara a saída dos nenos de Primaria". "A Xunta –apunta a moción de PSOE e BNG– estaría pois aproveitándose dunha "trilaría legal" para continuar coa súa inaudita campaña de acoso contra este centro. Resulta aínda máis incomprensible cando a matrícula segue a crecer, cunhas nove matrículas máis en Infantil este ano e máis xente interesada en matricular aos seus fillos en Primaria". 

PSOE e BNG rexistran unha moción para esixir que a Xunta o manteña...
Comentarios
ç