O PSOE denuncia actos vandálicos por parte de "comandos de Ence"

Fernández asegura que "a campaña de acoso, intimidación e escraches incitada pola pasteira supón unha agresión contra a democracia"

Carteis do PSOE cubertos por outros a favor da permanencia de Ence e contra os candidatos socialista e do Bloque. DP
photo_camera Carteis do PSOE cubertos por outros a favor da permanencia de Ence e contra os candidatos socialista e do Bloque. DP

O PSOE de Pontevedra volveu denunciar este martes publicamente que está sendo víctima dunha "campaña de acoso, intimidación e escraches" incitada "por algúns sectores sindicais de Ence" contra a candidatura que encabeza Tino Fernández.

Despois da rotura dos vidros da sede socialista cun martelo, da aparición de pintadas ameazantes na porta de entrada e nas paredes da mesma, dos insultos que o candidato recibiu pola rúa e, máis recentemente, da "presenza intimidante dun grupo de traballadores ante a carpa informativa instalada na Praza de Ourense", agora súmanse tamén unha serie de danos nos carteis e nas pancartas dos socialistas, un feito que o partido atribúe a "comandos de empregados" que perpetraron os feitos "durante a pasada noite", segundo sinalou a candidatura.

Os socialistas instan á Xunta Electoral a tomar cartas no asunto para frear estes actos incívicos "antes de que sucedan cousas peores"

Tal e como denunciou o propio Tino Fernández, "un importante grupo de traballadores, dunhas 30 persoas, adicouse a esnaquizar os nosos carteis, a curtar as bridas que sostiñan as nosas pancartas e a queimalas" en diversas rúas e estradas de Pontevedra.

Segundo sinalou, ademais de arrincar os carteis de propaganda electoral do PSOE, estes "hooligans e intolerantes" pegaron por enriba outros coas xa coñecidas mensaxes de O voto obreiro vaite desauciar e PSOE=Paro e outros igual de insultantes, como Tino, de sindicalista liberado a cacique declarado".

Na súa opinión, "esta constante campaña de ataques e ameazas" supón "unha inaceptable agresión contra a liberdade de expresión e contra a democracia".

Tal e como subliñou, "resulta incomprensible que os traballadores a tomen contra o único partido que ten capacidade de poñer sobre a mesa unha solución á situación ilegal de Ence en Lourizán", xa que "o Goberno de Pedro Sánchez amosou a súa disposición a sentarse para negociar o traslado da pasteira dentro da comarca de Pontevedra. Nós somos a solución a este problema", afirmou.

O PSOE, que xa denunciou no seu día ante a Policía Nacional a rotura dos cristais da sede e as pintadas ameazantes, cre que a Xunta Electoral debería de tomar cartas no asunto "para frear este tipo de actos incívicos antes de que sucedan cousas moito peores".

Proposta. Os socialistas pretenden destinar as vivendas baleiras de Pontevedra a aluguer social

A posta en marcha dun Programa de Vivendas de Alugueiro Social e de Xestión do Parque Inmobiliario será un dos eixos das políticas do PSOE. Entre os obxectivos do partido que lidera Tino Fernández inclúese o de pechar un convenio coas entidades financieiras e a Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) para destinar a alugueiro social as vivendas baleiras existentes en Pontevedra.

Os socialistas tamén queren impulsar fórmulas como o ‘cohousing’ e o cooperativismo, de xeito que se poida "favorecer coa concesión de terreos municipais a cooperativas que pretendan desenvolver a construción de inmobles en réxime de concorrencia competitiva". O candidato do PSOE á Alcaldía tamén anuncia a creación dunha liña de axudas "que permitan aos mozos a súa emancipación máis temperá e o seu acceso á vivenda, incentivando de xeito especial a ocupación de inmobles baleiros dentro do casco histórico", dixo.

Neste sentido, Fernández considera urxente "a creación ou a rehabilitación dalgunha edificación de propiedade pública da cidade para a posta en funcionamento dunha residencia de estudantes". Tal e como sinala, ante a forte demanda existente, "é necesario promover fórmulas que permitan o acceso dos estudantes a vivendas de alugueiro con prezos asequibles".

O líder do PSOE pontevedrés considera que, dada "a parálise na xeración de vivenda pública por parte da Xunta", a Administración local debe asumir o papel de ofrecerlle á cidadanía espazos onde residir que se adapten ás súas posibilidades económicas. "Instaremos á Xunta a que, atendendo ás reservas de solo para vivenda social coas que conta a nosa cidade, se poña en marcha coa máxima urxencia a construción de novos inmobles de carácter público, destinándoos de xeito preferente ao alugueiro social", insistiu Fernández.

VIVENDAS TURÍSTICAS. Outras das medidas prometidas polo PSOE para o vindeiro mandato é a creación dunha ordenanza municipal que regule as condicións de uso dos apartamentos turísticos en Pontevedra.

Segundo sinalou Tino Fernández, a elaboración desta normativa irá precedida "dun estudo previo da lexislación fiscal aplicable neste eido".

Comentarios