O PSOE di que o 'informe de avaliación interna' da Deputación "non existe"

Carlos Font, no Pleno de aprobación do Orzamento provincial.  D. FREIRE
photo_camera Carlos Font, no Pleno de aprobación do Orzamento provincial. D. FREIRE

O grupo provincial do PSOE asegurou este domingo que "non existe" o informe de avaliación interna que o presidente da Deputación, Luis López, anunciou que encargara para coñecer o estado financiero da institución tras o cambio de Goberno. Nunha rolda de prensa ofrecida no mes de setembo, López dixera que, tras oito anos de Goberno do bipartito, o PP herdaba unha Deputación cunha situación económica "precaria e inestable".

Sen embargo, os socialistas aseguraron agora que ese informe "non existe". "Así se desprende da resposta por escrito que vén de remitir o presidente tralas insistentes preguntas do grupo provincial do PSdeG-PSOE", dixeron a través dun comunicado.

"López, que chegou a afirmar publicamente naquela rolda de prensa que houbo unha xestión descontrolada, que non hai cartos nos caixóns e que comparecía para dar conta con transparencia do estado real das contas, vén, por fin, de responder, obrigado polo Regulamento orgánico da Deputación. Na súa resposta, de dúas liñas, négase a entregar o suposto informe de avaliación económica e di que, en todo caso, trataríase dun documento de traballo interno", detallou o PSOE.

O voceiro do grupo socialista e anterior deputado de Economía, Carlos Font, considera que a "escalada antidemocrática, en tan só tres meses, da Deputación do PP dá vergoña allea" e pregúntase como é posible que un "suposto documento de traballo interno sexa utilizado para facer unha comparecencia pública diante dos medios de comunicación".

O PSdeG-PSOE da Deputación considera necesarias unhas desculpas públicas "dun presidente da Deputación, que perdeu pé no seu papel institucional e utilizou aos medios de comunicación para espallar bulos, comportándose así como un hooligan partidista".

O grupo socialista dá así por pechado este "desafortunado capítulo", no que "as mentiras de López xa quedaron ao descuberto cando o PSOE exhibiu a acta de arqueo do traspaso de poderes, datada o pasado mes de xuño, e na que se reflectía con claridade, coa sinatura do interventor e o tesoureiro provinciais, que había case 200 millóns de euros en caixa". "Ese documento si que é público e transparente", insistiu Font.

Comentarios