O PSOE insta á Xunta a buscar solucións á seca de xeito consensuado cos concellos

A deputada do grupo socialista Paloma Castro esixe ao Goberno galego unha solución "equitativa" para todos os municipios
Présa do río Lérez, no que o caudal de auga é baixo a causa da seca. B. CÍSCAR
photo_camera Présa do río Lérez, no que o caudal de auga é baixo a causa da seca. B. CÍSCAR

A parlamentaria do grupo socialista Paloma Castro rexistrou unha iniciativa para pedirlle á Xunta que estableza medidas a longo prazo contra a seca que está a sufrir Galicia. Desta maneira responde ante o plan do Goberno galego de transvasar auga ao río Lérez dende o Concello de Forcarei, afectado tamén polo desabastecemento de auga.

Castro pronunciouse ante o anuncio de que o executivo galego anunciou que analizará a auga dunha antiga mina do concello de Forcarei para derivala ao Lérez. "A situación agrávase cando no propio municipio pediuse este mesmo verán aos veciños que tentaran facer un uso responsable da auga polo risco de desabastecemento que sofren", indicou o grupo socialista.

A parlamentaria do PSdeG sinala que a actual situación que está padecendo Galicia nesta tempada estival, coa suba das temperaturas e a falta de choivas, non é unha situación puntual e mesmo hai a perspectiva de que se agrave nun futuro. Por isto, reclama á Xunta que deixe de "buscar parches" e que achegue solucións definitivas para o abastecemento de auga.

Do mesmo xeito, sinala que é preciso un maior investimento que permita unha planificación e un emprego da auga máis eficiente.

Outro feito que lamenta a socialista é que a Xunta "non tome a decisión de acordo cos concellos, polo que, ao tratarse dun problema que afecta a toda Galicia en maior ou menor medida, é preciso chegar a solucións consensuadas".

Ante a perspectiva de que a crise climática converta as secas nun feito inseparable do verán no futuro, "faise indispensable" un plan común entre as distintas administracións para garantir o abastecemento de auga, insistiu.