O PSOE lembra que os clubes deportivos levan dous anos sen subvencións municipais

Fernández califica o feito de "vergoñento", atribúeo a "unha arroutada de Lores" e di que a situación é límite para algúns equipos como o Teucro

"É unha vergoña que un Goberno local que non para de presumir de superávit nas súas contas e que inviste un pastizal nuns Mundiais de Triatlón teña aos clubes deportivos da cidade sen cobrar as súas subvencións dende hai máis de dous anos". Así se referiu o candidato do PSOE á Alcaldía pontevedresa, Tino Fernández, á "intrasixente e incomprensible postura que o BNG mantén cos equipos de Pontevedra, aos que lles debe cartos que son esenciais para a súa supervivencia", dixo.

Segundo explicou Fernández, as subvencións anuais que o Concello capitalino "ten a obriga de pagarlles aos clubes" van dende os 8.000 ata os 23.000 euros (a meirande parte deles debería percibir entre 12.000 e 14.000 euros por tempada). Sen embargo, o atraso no abono das mesmas "está a asfixiar" a clubes históricos como o Teucro, o Cisne ou o Marcón Atlético, aos que "por suposto, non se lles perdoa o pago das instalacións e que, ao chegar o mes de setembro, teñen que facer fronte obrigatoriamente aos gastos de fichas e seguros", insistiu.

As axudas anuais que o Concello ten a obriga de pagarlles aos clubes van dende os 8.000 ata os 23.000 euros, sinala o PSOE

O líder dos socialistas atribuíu "a unha nova arroutada de Lores" o feito de que, a estas alturas, aínda non se pagasen as subvencións do ano 2017, "en eterno proceso de resolución", e nin sequera se fixesen públicas as convocatorias de 2018 e 2019.

"A cantidade que se está a deixar de aboar aos clubes deportivos é de 300.000 euros por tempada", subliñou, o que significa unha débeda acumulada duns 900.000 euros, unha cifra que se aproxima aos 1,4 millóns que o Goberno local investiu na celebración dos Mundiais de Triatlón, dixo.

Fernández sinalou que, se ben o PSOE está "moi a favor" de que se organicen grandes eventos deportivos en Pontevedra, "a prioridade deben ser sempre os nosos deportistas e equipos, o noso deporte base, xa que son precisamente eles os que permiten vender esa imaxe de Pontevedra como un lugar cheo de deporte".

Tal e como denunciou, no caso dalgúns clubes, como o Teucro, "os directivos xa tiveron que investir unha morea de cartos propios para poder afrontar os seus gastos, o que debería facer que ao Concello se lle caese a cara de vergoña", reiterou. "En maio de 2019, os equipos aínda non cobraron as subvencións xerais do ano 2017. A situación é límite para algunhas entidades e iso debería causarlle cando menos rubor ao señor Lores. Cando os socialistas estivemos gobernando xamais se produciu esta situación", afirmou Tino Fernández.

Comentarios