Rueda: "O PSOE non foi quen de dar unha soa boa noticia á provincia de Pontevedra"

O PP presenta en Vigo a súa lista ao Congreso e ao Senado ▶ "Somos un equipo gañador que fixo incorporacións moi potentes", subliña Rueda
Presentación da candidatura do PP este martes en Vigo. PP
photo_camera Presentación da candidatura do PP este martes en Vigo. PP

O PP presentou este martes as súas listas ao Congreso e ao Senado nas eleccións do vindeiro 10 de novembro. O presidente provincial, Alfonso Rueda, fíxoo no Museo do Mar de Vigo, asegurando que, no ano e medio que pasou desde a moción de censura que apartou da Presidencia do Goberno de España a Mariano Rajoy, "o Partido Socialista non foi quen de dar unha soa boa noticia á provincia de Pontevedra".

Xunto a Rueda estiveron os membros da candidatura ao Congreso (María Ramallo, Diego Gago, Javier Bas, Elena Suárez, Juan Constenla, Miguel García e Cristina Pérez) e ao Senado (Javier Guerra, Pilar Rojo e Santiago Rodríguez Davila). "Somos un equipo que sempre sae a gañar. Por iso fixemos incorporacións moi potentes á candidatura, cunha presenza moi potente de Vigo e do resto de territorios da provincia", afirmou Rueda a través dun comunicado de prensa.

O presidente provincial destacou que "tras meses de parálise en España, en Galicia e na provincia de Pontevedra non temos nada que agradecerlle ao PSOE". "De feito, este tempo serviu para que xente que no mes de abril confiaba en que as cousas podían ser doutra maneira vira que o PSOE non lle deu unha soa boa noticia a Galicia e a Pontevedra e que dividir o voto no centro dereita serve para que o partido socialista saia gañando", engadiu.

Ramallo amosou a súa ilusión ante este novo reto. "Eu ofrezo a miña xestión, o meu traballo e a capacidade de tódolos concellos que están constituídos e gobernando desde maio, a diferenza do Goberno. A xente demanda que sexamos capaces de poñernos de acordo, de ter un goberno e de desbloquear moitos temas que levan tempo parados", dixo.

Pola súa banda, o candidato ao Senado, Javier Guerra, marcouse o obxectivo de que o PP acade tres escanos na Cámara Alta. "Estamos nun momento crítico na historia de España. Teremos que defender máis e mellor o noso ámbito comercial e industrial", subliñou.

Comentarios