O PSOE pisa a fondo o acelerador electoral no comenzo da campaña

Pontevedra acollerá actos esta fin de semana co ex ministro Ángel Gabilondo e coa vicesecretaria xeral do partido, Adriana Lastra

Os socialistas da provincia aproveitarán ao máximo o comezo da campaña electoral e arrancan pisando forte. Esta fin de semana organizan tres mitins en Pontevedra, Ponteareas e Vigo e contarán coa presencia do ex-ministro de Educación, Ángel Gabilondo, e da vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra.

A fin de semana comeza o sábado, ás 14 horas, cunha comida-mitin no hotel Galicia Palace da capital. O aforo está limitado a 220 persoas e hai que reservar na sede local do partido ou no teléfono 986 843704. Xunto a Ángel Gabilondo ocupará a tribuna de oradores o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; e o secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades.

Pola noite, en Ponteareas celébrase outro mitin no que, de momento, están confirmadas Chus Garrote, tenente de alcalde e a candidata ao Senado Vanesa Fernández. Barállase tamén a presencia de Ángel Gabilondo.

O domingo, día 3, a campaña socialista céntrase na cidade de Vigo, que acollerá un mitin no que participará, como oradora principal, a vicesecretaria xeral, Adriana Lastra.

Durante a fin de semana serán moitas as localidades da provincia na que os socialistas celebrarán pequenos actos e reparto de material electoral polas rúas, co obxectivo de acadar a máxima mobilización social de aquí ao 10 de novembro.

David Regades, subliña que as últimas enquisas, que outorgan unha posibilidade clara de alcanzar o cuarto deputado pola provincia de Pontevedra (os socialistas xa teñen agora 3 dos 7 deputados que se reparten) e de ampliar así a distancia sobre o Partido Popular, animan esta recta final da precampaña e o comezo dunha campaña que, pola súa duración de só unha semana, obriga a concentrar esforzos.

Comentarios