O PSOE promete reducir nun 100% as taxas do lixo e a auga ás rendas máis baixas

O candidato socialista anunciou a rebaixa do IBI ata o 90% para as vivendas do rural que carecen de servizos básicos

Reparto electoral en Campañó. VÍCTOR MORENO - PSOE de Pontevedra
photo_camera Reparto electoral en Campañó. VÍCTOR MORENO - PSOE de Pontevedra

O PSOE anunciou este martes que de chegar ó Goberno a partir do vindeiro 26-M establecerá unha redución de até o 100% na cota tributaria das taxas de auga, lixo e sumidoiros para os pontevedreses que non acaden determinados niveis de renda. A proposta é un dos puntos esenciais do programa económico dos socialistas e pretende evitar que as obrigas tributarias empeoren a situación de persoas e unidades familiares que atravesen por dificultades económicas ou carezan dos suficientes Recursos.

Tal e como lembra o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, "estas tres taxas esíxense pola prestación de servizos aos que os contribuíntes non poden renunciar, ben porque se trata de servizos de recepción obrigatoria, como a recollida de lixo ou a xestión da rede de sumidoiros, ou ben porque teñen un carácter esencial, como é o caso do abastecemento de auga". Por este motivo, na súa opinión, "o que parece máis xusto e lóxico é que existan tamén certos beneficios fiscais baseados na capacidade económica dos contribuíntes".

Segundo apunta Fernández, "a redución nas taxas será dun 100% cando os que teñan o seu domicilio habitual nese inmoble teñan rendas demasiado baixas para afrontar este tipo de gastos". "Existen familias que están nunha situación económica moi complicada –engade o número un dos socialistas– e a Administración municipal ten o deber moral de non afogalas con impostos e taxas", engadiu o candidato socialista.

Por outra banda, o PSOE rebaixará até nun 90% a cota tributaria do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as vivendas situadas en asentamentos que carezan dun axeitado nivel de servizos públicos. Con esta medida, os socialistas pretenden non só fomentar a fixación de poboación no rural pontevedrés, senón tamén equilibrar "unha situación fiscal que resulta moi inxusta, mentres non se acometen as actuacións precisas para dotar estas áreas das axeitadas infraestruturas e canalizacións".

Comentarios