Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

O PSOE propón 'supermazás' ó estilo de Vitoria e Barcelona

Fernández e membros da súa candidatura repartindo propaganda electoral este mércores en Pontevedra Leste. DP
Fernández e membros da súa candidatura repartindo propaganda electoral este mércores en Pontevedra Leste. DP

Iván Puentes sostén que "é a única opción válida para proseguir cun modelo amable e sostible, porque a peonalización está esgotada"

"A cidade desenvolveu e consolidou durante os últimos anos un modelo de peonalización que, agora mesmo está practicamente esgotado. Chegouse ao límite. Unha vez que se peonalizou todo o centro histórico e boa parte do resto do casco urbano, ao marxe de que resten dúas ou tres rúas a maiores ás que se lle queira dar o mesmo tratamento, xa non se poderá peonalizar moito máis", subliña o socialista Iván Puentes, para xustificar a aposta do PSOE pola implantación dun novo modelo "que permita continuar o crecemento ordeado de Pontevedra e manter o seu nome como referente de mobilidade".

Para acadalo propón a creación de supermazás nos barrios situados máis aló do anel central da cidade e da pasarela da rúa 12 Novembro. Segundo sinala Puentes, "os últimos estertores do modelo peonil tan só terían sentido en rúas como Benito Corbal, no caso de que algún día se atope unha solución para a entrada e saída ao parking de Barcelos", e nalgún outro pequeno vial ubicado "entre a pasarela do tren e a zona monumental".

Na súa opinión, o único xeito de levar aos barrios "o modelo de cidade amable e sostible e de xerar espazos de ocio seguros no seo dos mesmos pasa polo deseño de supermazás, ao xeito dos proxectos urbanísticos levados a cabo en Vitoria (referente neste modelo) e Barcelona. "Madrid –engade– está comezando a facelo e tamén se está a aplicar en Nova York".

A idea xurdiu das conversas mantidas cos voceiros do colectivo ciclista Pedaladas, que mesmo lle fixeron á Agrupación Municipal Socialista unha primeira proposta para unha zona concreta da cidade, a comprendida entre as urbanizacións de Valdecorvos e O Castañal e o último treito de Loureiro Crespo.

Proposta de supermazá para a zona de Loureiro Crespo. PSOE
[Proposta de supermazá para a zona de Loureiro Crespo. PSOE]


Iván Puentes explica que o proxecto consistiría en delimitar "un gran barrio, basicamente entre a pasarela do tren e a avenida de Juan Carlos I, no que por suposto haxa algunhas vías secundarias que se peonalicen e outras de plataforma única", pero no que, no resto do espazo, se estableza "un tráfico restrinxido a peóns, bicicletas e vehículos de residentes".

"Deixaríanse rúas cunha calzada e beirarrúas, pero cun tránsito de coches restrinxido ás persoas que viven no barrio, servizos de emerxencias, taxis, furgonetas de carga e descarga en horarios determinados e servizos municipais autorizados. Deste xeito, os residentes poderían entrar e saír sen problemas co seu automóbil, pero non sería unha zona de circulación xeral e, polo tanto, reduciríanse a perigosidade e as emisións, primaríase a mobilidade ciclista e peonil e gañaríase en ecoloxía, sostibilidade e medio ambiente", asegura o número tres da candidatura de Tino Fernández.

GRAN PRAZA. En base á proposta de Pedaladas, a creación desta primeira supermazá levaría aparellada a creación dunha grande praza pública na rúa Loureiro Crespo (curtaríase ao tráfico o treito comprendido entre Mestre Soutullo e 12 de Novembro) e a construción dunha rotonda na avenida de Lugo (frónte á gasoliñeira Cepsa).

O acceso a esta área de tránsito restrinxido (ou illa, como tamén a deu en chamar o colectivo) faríase a través da rúa Ángel Amor Ruibal e a saída pola rúa Rodríguez Seoane.

O PSOE propón 'supermazás' ó estilo de Vitoria e Barcelona
Comentarios