O PSOE proxecta a construción dun anfiteatro ao aire libre en Pontevedra

Os socialistas tamén queren impulsar un festival de teatro 'Valle-Inclán’ en irmandade cos que se celebran noutras cidades europeas como Edimburgo

Visita do PSOE ao mirador de Monte Porreiro. VÍCTOR MORENO
photo_camera Visita do PSOE ao mirador de Monte Porreiro. VÍCTOR MORENO

O PSOE de Pontevedra proxecta a construción dun anfiteatro ao aire libre para concertos e representacións teatrais en Pontevedra. Esta é una das propostas estrela do programa cultura dos socialistas. 

O novo auditorio, ao estilo do que existe en Castrelos, en Vigo, contaría con emprazamentos idóneos nos terreos da urbanización de Valdecorvos e tamén no parque do Mirador de Monte Porreiro. "No caso do Mirador, o contorno é unha ventaxa excepcional, xa que as gradas do anfiteatro poderían mirar cara a ría e a paisaxe sería un verdadeiro espectáculo. Pola súa banda, en Valdecorvos existen parcelas cunha pendente suave, e polo tanto, con boas condicións para unha infraestrutura deste tipo", explica o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández.

Segundo sinala, este tipo de auditorio faría posible a diversificación da carta de eventos culturais que oferta a cidade.

FESTIVAL DE TEATRO. Por outra banda, os socialistas impulsarán que o  dramaturgo arousán Ramón María del Valle-Inclán lle dea nome ao Festival de Teatro co que o PSOE pretende "potenciar as representacións na rúa e o talento dramatúrxico made in Pontevedra".

O evento proxectado polos socialistas busca promover a irmandade e o intercambio cultural cos festivais internacionais que se celebran noutras cidades europeas, como a urbe escocesa de Edimburgo.

Comentarios