O PSOE reclama á Xunta 250 millóns para os sectores máis afectados pola covid

David Regades pide que a Administración explique que fixo cos 1.193 millóns extraordinarios que recibiu do Goberno
David Regades. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera David Regades. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

As axudas que reclaman os distintos sectores afectados pola pandemia continúan no centro da confrontación política. Nesta ocasión os 22 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia acordaron recalamarlle á Xunta a transferencia "inmediata" de 250 millóns de euros, con criterios regrados, entre todos os concellos de Galicia para que sexa a Administración local, "á primeira porta á que chama a xente cando hai un problema", a que reparta as axudas aos sectores máis afectados pola pandemia de covid-19. Así o acordaron nunha xuntanza telemática na que tamén participaron os oito tenentes de alcalde da provincia. No encontro tamén participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os presidentes das federacións española e galega de municipios e provincias, Abel Caballero e Alberto Varela.

Tal e como comunica o PSOE provincial, o municipalismo pontevedrés expresou nesta xuntanza "a súa fartura cun Goberno galego, sempre preocupado pola confrontación como estratexia para eludir as súas responsabilidades". Deste xeito, os responsables locais socialistas acordaron "deixar moi claro que que quen pecha, paga", sumándonse aos colectivos que defenden que o mesmo día en que a Xunta acorde pechar ou restrinxir un sector debe aprobar as indemnizacións correspondentes.

Os rexedores socialistas ofrecéronse para que, unha vez transferidos eses 250 millóns os concellos sexan "o Portelo único onde se tramiten e resolvan as axudas reais con cartos contantes e sonantes en lugar do fume da propaganda institucional", manifestaron.

Os concellos están afogados, algúns repartiron case o 5% do seu orzamento en axudas directas

GASTOS DA COVID. No contexto desta xuntanza, o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades, lembrou que a Xunta ten recibido xa 1.193 millóns de euros extraordinarios do Goberno de España para atender todas as frontes derivadas da covid-19 e, asegurou, "non transferiu nin un só euro aos concellos galegos, a pesar de que estes asumiron subvencións directas ás súas pequenas empresas e autónomos, exencións e bonificacións fiscais e gastos por competencias impropias como as desinfeccións de colexios e espazos públicos". 

Regades subliñou que os concellos viron disparados os gastos das políticas sociosanitarias, destacando o custo do Servizo de Axuda no Fogar, "competencia exclusiva da Xunta, e no que a Xunta abona menos da metade do custe real do servizo". "Os concellos están afogados, algúns repartiron case o 5% do seu orzamento en axudas directas, e Feijóo pretende que sexan eles os que sigan pagando case en solitario a factura da pandemia", dixo o socialista.

Os socialistas indicaron que o único apoio económico que ten chegado aos concellos da provincia de Pontevedra provén da Deputación que, aseguran, lles achegou 28 millóns de euros de anticipos da súa recadación tributaria, ademais de dous fondos extraordinarios dotados con 1,3 millóns de euros e 365.000 euros durante o ano pasado. Regades demandou unha explicación detallada, "partida a partida" do destino deses 1.193 millóns de euros "que a Xunta meteu non sabemos onde, aínda que sospeitamos que, parcialmente, acabaron nas súas carísimas campañas de publicidade".