O PSOE reclama á Xunta que asuma "de xeito inmediato" a Escola de Canteiros

Presenta unha enmenda á moción dos populares para a homologación destes estudos
Muchas piezas esculpidas por el alumnado de la Escola de Canteiría se exhiben actualmente en jardines y plazas. D.F. (ARCHIVO)
photo_camera Pezas realizadas polo alumnado da Escola de Canteiría. DAVID FREIRE (ADP)

O grupo socialista da Deputación de Pontevedra vén de emendar unha moción presentada polo Partido Popular para o seu debate no próximo Pleno provincial. Os socialistas están de acordo en que a Deputación inste á Xunta de Galicia a iniciar os trámites diante do Goberno de España para a homologación dos títulos da Escola de Cantería con dous novos ciclos de Formación Profesional. Porén, consideran que tamén debe reclamarse á Xunta que sexa consecuente e asuma, de xeito inmediato, a transferencia da Escola coa súa integración plena na rede de centros da Consellería de Educación.

O grupo provincial socialista informou de que apoia a proposta dos populares que, subliñan, "supón un xiro radical sobre o votado polo PP o pasado mes de xuño no Parlamento", pero quere "facerlles ver as consecuencias deste acordo, dado que o Ensino regrado en tódolos niveis, incluída a FP, é competencia exclusiva da Xunta". Consideran os socialistas que, sendo a Escola de Canteiros un centro público, a transferencia á Consellería de Educación sería "inevitable". "A Deputación, como Ente da Administración Local, non pode xestionar un centro público de ensino no que se expiden títulos oficiais de FP en base a un currículo educativo", din desde o PSOE provincial.

Así, o deputado Carlos Font explicou que unha eventual aprobación de calquera ciclo de Formación Profesional implicaría inmediatamente que a Xunta de Galicia pasaría a dispor dun novo centro educativo na Caeira (Poio).

Carlos Font, que defenderá a emenda, lembra que xa o pasado 4 de marzo se aprobou, por unanimidade, unha moción pola que a Deputación instou á Xunta a impulsar a creación destes ciclos.

O grupo provincial socialista defende tamén na súa emenda que mentres non se produza a creación dos novos ciclos de Formación Profesional, a Xunta inclúa a Escola de Canteiros no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego, o que permitiría ao alumnado a rápida obtención dun título de ámbito laboral. Non obstante, para elo tamén será necesario que a Deputación consiga regularizar a situación urbanística, tras 33 anos de funcionamento en precario da Escola de Cantería, coa obtención da licenza municipal de actividade. Xa están en marcha as obras de adaptación á normativa sobre seguridade, contraincendios, contaminación acústica e accesibilidade, cun orzamento de 440.000 euros.

Finalmente, o deputado Font defenderá que a Xunta demostre ese interese que agora di ter pola homologación dos títulos do alumnado da Escola de Cantería, "achegando o mesmo financiamento que actualmente achega a Deputación de Pontevedra".

Comentarios