CANDIDATO DO PSOE

Iván Puentes: "O PSOE saíu á superficie, aflorou, dixo o que pensa e iso non é porque haxa eleccións"

Preservar a cidade que se creou nos últimos anos, pero darlle un plus e adaptar ese modelo ás necesidades actuais. Ese é o compromiso dos socialistas, que plantexan como prioridades dotarse dun parque de vivenda pública, crear chan industrial, mellorar os servizos sociais e reorganizar a estrutura interna do Concello para mellorar a atención cidadá
20230519_Ggarcia_113
photo_camera Iván Puentes, candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

É membro da Corporación municipal desde hai oito anos: catro na oposición e catro (desde 2019) no Goberno, como concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. A principios deste 2023, tras un proceso de primarias, asumiu tamén a portavocía do grupo socialista. Iván Puentes (Fene, 1980) non necesita presentación en Pontevedra nin na política. En 2007 xa se convertera no alcalde máis novo de Galicia no seu concello natal e agora aspira a selo no lugar que elixiu para vivir e ao que se sente profundamente unido. 

O seu lema de campaña é 'A Pontevedra que vén'. Cal sería esa Pontevedra se vostede fose alcalde?
Unha Pontevedra orgullosa, que sabe apreciar a transformación que viviu nas dúas últimas décadas, pero é consciente de que necesita adaptar ese modelo ás necesidades de 2023. Ademais de peonalizar, necesitamos falar de emprego, ensino, vivenda, economía, dos maiores… Dunha Pontevedra que saiba exercer, pelexar e buscar o seu lugar como capital en Galicia, en España e en Europa.

Iso significa romper co actual modelo de cidade?
Non. É unha Pontevedra que sabe evolucionar ese modelo. A ruptura e a destrución de todo o feito deixámoslla a Rafa Domínguez, que é especialista niso; pero eu creo que a maioría da cidadanía non desexa volver á Pontevedra do século pasado, senón preservar esa cidade da que nos dotamos entre todos e todas e, a partir de aí, evolucionar.

Un exemplo do que di é a proposta do PSOE para Raíña Vitoria?
Si, é un exemplo que podería ilustrar as diferencias entre os tres grandes partidos sobre o modelo de cidade. A proposta do PP é simplemente sacar os bolardos e que volva pasar o mesmo tráfico que antes. A do BNG é deixar todo como está agora. E a do PSOE sintetiza as necesidades. Nós plantexamos urbanizar esa rúa, facer unha plataforma única que nos dote dunha gran praza; aproveitar para abrir o parque das Palmeiras cara a Raíña Vitoria construíndo unha grada. E que en horario laboral poida pasar un tráfico controlado de vehículos (residentes e servizos), a velocidade reducida.

Das propostas que inclúe no seu programa, cales destacaría?
Hai catro fundamentais. A primeira é crear un parque de vivenda pública. A segunda é crear chan industrial. Temos que executar canto antes o compromiso que conseguimos da Zona Franca de Vigo para ampliar O Campiño e queremos crear unha Oficina Estratéxica de Cidade á que convidariamos a sindicatos, empresarios e a todas as organización políticas para traballar xuntos. A terceira cuestión ten que ver cos servizos sociais, pois a estrutura de benestar do Concello é moi mellorable e precisamos dotala de máis recursos e medios. E a cuarta é a reorganización da arquitectura interna do Concello para simplificar trámites administrativos.

Pontevedra Flúe é un dos seus proxestos estrela. Hai unhas semanas anunciou un compromiso do Ministerio de Transición Ecolóxica para financiar con 25 millóns unha serie de actuacións, pero ese anuncio veu seguido dunha polémica co BNG, que o acusou de pisalo. Pisou o PSOE proxectos nos que a parte nacionalista do Goberno local levaba anos traballando? Negociou ás súas costas co Ministerio?
Dicir iso é ter un concepto non adecuado do que é un Goberno de coalición. No ano 2019 asinamos un pacto no que as competencias sobre o dominio público marítimo-terrestre e a posta e valor da costa de Pontevedra recaeron na miña Concellería e, por tanto, correspóndelle ao PSOE decidir que se fai nesas zonas e como se executa a posta en valor da costa pontevedresa. Crer o contrario sería asumir que aquí hai un Goberno do BNG no que o PSOE simplemente levanta a man para votar a favor. E eu, desde logo, non concibo as coalicións así. O PSOE, nas súas áreas, decide e actúa. Por outra parte, eu nunca botaría para atrás proxectos que estivesen en marcha porque fosen iniciados por outra formación política, pois para min o importante é que se executen as obras, non que leven un apelido ou outro. Pero cando escoito dicir que paramos determinados proxectos na parcela do pavillón dos deportes, en Ponte Sampaio, en Mollavao…, pregúntome, que proxectos? Se esas parcelas están exactamente igual que hai 30 anos. Aí había ideas sobre cousas que facer, ideas que incluso podemos compartir, pero nin un só euro comprometido, nin posibilidade de executalas, porque son terreos propiedade do Ministerio. Agora, froito dun traballo conxunto co Goberno de España nos últimos dous-tres anos, temos proxectos enriba da mesa impulsados polo PSOE, que é o que ten as competencias no Concello para facelo e que, por primeira vez na historia, teñen cartos para ser executados. E iso é unha fantástica noticia para Pontevedra. Eu nunca diría que é malo que calquera partido conseguira un investimento coma este. Supoño que é froito do ambiente electoral no que estamos que impide que se nos recoñeza a boa xestión de levar conseguidos máis de 30 millóns en catro anos. 

Deses 30 millóns, que parte recibiu xa o Concello?
Pois 7,5 están xa asignados ao Concello (case 4,5 que recibimos da Fundación Biodiversidade para o río dos Gafos, a Xunqueira de Alba, o Plan de Infraestrutura Verde, etc;  máis de dous que recibimos no Plan de Sostibilidade Turística en Destino e que xa están ingresados no Concello e un millón  para o BIC do Lérez). E logo o resto son fondos Next Generation que non se transfiren ao Concello, porque esa rehabilitación da costa e do Lérez no treito urbano faise con cargo aos fondos europeos que xestiona directamente o Ministerio. Nós o único que facemos é redactar os proxectos, que xa están nunha fase de maduración importante, e aínda enriba, nas zonas de Ponte Sampaio e a Xunqueira de Alba, ata os redacta o  Ministerio.

A finais de ano hai eleccións xerais. Se cambia o Goberno estatal, eses cartos non poderían cambiar de destino e non vir a Pontevedra?
Eu creo que o Goberno do Estado non vai cambiar. Pero se cambiase e gobernase o PP e decidira non investir eses cartos en Pontevedra, tería que explicar por que. Eu confío no bo facer e no criterio político. Se alguén nos quere quitar o que xa está concedido, eu pelexarei e denunciarei con todas as miñas forzas esa actitude. 

Vostede apoia a construción do vial que quere facer o BNG en Mollavao?
Absolutamente. Eu apoieino desde o principio e sígoo apoiando. Creo que é a mellor decisión, pero aquí creouse tamén unha polémica artificial. O que di o secretario de Estado de Medio Ambiente na carta que lle dirixiu ao alcalde é que en Mollavao hai un proxecto pensado para reverdecer as dúas pezas de terreo que quedan a cada lado desde novo vial, pero se se executa o vial, pode ser que a UE non nos deixe destinar os fondos Next Generation para reurbanizar isto, porque de terreo natural de Costas xa tería pouco. Pero se é así, non pasa nada, non se invisten os fondos europeos, faise iso con cartos públicos e dedicamos os europeos a outra cuestión. E a outra cousa que advirte o Ministerio é que, como sabe moi ben o alcalde, en terreo de Costas só se poden executar obras que necesariamente teñan que estar ao pé do mar. Por tanto, cando se di que falta un papeliño para poder executar o vial, ese papeliño que falta é do Concello para xustificar que ese vial non se pode executar por ningún outro sitio. A miña opinión persoal é que é moi difícil que ese vial vaia por calquera outro lado, pero iso haino que demostrar tecnicamente. Eu o que quero é que ese vial se faga canto antes, se pode ser na parcela dos circos e, se o Concello non é capaz de xustificar que non se pode facer por outro sitio, nos poñamos mans á obra xa para executalo polo lugar polo que se poida facer. O que non me vale é que se utilice como escusa esa carta do secretario de Estado para non facer a obra que Mollavao necesita, que é a reurbanización de Rosalía de Castro.

Esta guerra fría entre o PSOE e o BNG no Concello, que empezou co traslado da feira á Alameda e continuou con eses outros asuntos, estase a producir xusto na recta final do mandato. É estratexia electoral ou é que vostede é máis independente da coalición de Goberno que o seu predecesor Tino Fernández?
A min sorpréndeme que se fale de guerra fría cando simplemente hai diferencias de criterio no seo dunha coalición, pois iso debería ser a normalidade democrática. Que o BNG e o PSOE asinen un pacto para gobernar Pontevedra catro anos non significa que o BNG se convirta ao socialismo nin viceversa. Simplemente somos partidos diferentes pero capaces de poñernos de acordo nun programa de goberno común, que é o que os cidadáns queren. Esa é unha virtude. A feira é unha competencia do PSOE, decidimos trasladala á Alameda e, de feito, está a demostrar ser un éxito. Só fastidiaría que por formar parte dun Goberno, no PSOE tivesemos que estar coa boca pechada durante catro anos sen dicir o que pensamos. 

Esas discrepancias non se amosaron ata pouco antes das eleccións...
Tamén coinciden co cambio de portavoz dentro do PSOE. Eu non son nin mellor nin peor ca el. Cada un ten o seu punto de vista. Fomos a un proceso de primarias porque tiñamos puntos de vista diferentes sobre o que debía ser o papel do PSOE. Eu non teño ningunha vocación de pelexar co BNG nin con ninguén. O que me gustan son os acordos, ser capaces de traballar xuntos por un obxectivo común, pero iso non significa calar, nin plegarse, nin deixar de ter perfil propio dentro do Goberno. E, con iso, o Goberno local non rompeu, fomos capaces de entendernos e sacar adiante as cuestións. O único que variou é que o PSOE saíu á superficie, aflorou e lle dixemos á cidadanía o que pensamos. Non é porque haxa eleccións. Eu vou seguir facendo iso durante o tempo que siga sendo portavoz do PSOE.

Cre que a ‘ruptura’ con Tino Fernández lle pode pasar factura nos resultados electorais?
Tino Fernández é un compañeiro co que levo dous mandatos compartindo grupo municipal. Creo que fixo unha boa labor como portavoz, o mellor que soubo, e que na Concellería de Deportes se fixeron cousas moi importantes e positivas durante estes catro anos. Os procesos de primarias son democráticos. Tiñamos visións diferentes, plantexámolas, confrontáronse e a opción maioritaria foi a nosa e iniciouse un novo tempo, pero con toda a normalidade do mundo. E a actitude de Tino Fernández e do resto de membros do grupo socialista foi de convivencia e normalidade.

Cal é a súa postura sobre Ence? Está por pasar páxina ou, como dixeron outros cargos do partido tras a sentencia do Supremo, como Carmela Silva, quere que a empresa marche da ría si ou si?
O PSOE, Iván Puentes e o resto de membros do partido mantivemos sempre a misma postura sobre Ence e seguimos manténdoa: queremos que Ence permaneza no Concello de Pontevedra e xere postos de traballo aquí, pero cremos que a ubicación actual non é adecuada e todo o que poidamos facer para que se traslade de Lourizán pero permaneza en Pontevedra, terémolo que facer. Só os que están en contra de que permaneza ou os que actúan defendendo ao consello de administración e non aos traballadores, nos queren facer creer que o traslado non é posible. Pero si que o é. En 2009 houbo un acordo entre Ence e o Goberno de Pérez Touriño para trasladar á empresa de Lourizán e que permanecese aquí. Daquela buscouse a concesión a Ence de determinados megawatios no concurso eólico que compensasen o custo do traslado. Entón foron megawatios, agora poden ser fondos Next Generation ou outra cousa. É unha cuestión de números e de ver como se pode financiar ese traslado entre a empresa e os poderes públicos.

Pero para trasladala deixándoa en Pontevedra fai falta chan industrial que agora non hai. Nesta campaña, o delegado de Zona Franca de Vigo anunciou o compromiso de ampliar O Campiño cando vostede sexa alcalde. Ese tipo de compromiso non lle gustou aos outros candidatos, que din que é unha chantaxe para que a xente lle vote...
Non sei se o resto de candidatos teñen hipersensibilidade polo momento no que estamos ou se cren que o PSOE actúa como os seus partidos. O anuncio da Zona Franca é algo do que nos temos que alegrar todos, porque O Campiño, que é da Xunta, precisa ser ampliado e a propia Xunta contemplaba a ampliación na súa Estratexia de Chan Industrial, pero non a vai facer. E ante esa deixación de funcións, Zona Franca comprométese a facelo incorporando ademais os cartos no Orzamento deste ano. Nós, como PSOE, independentemente do resultado electoral, imos apoiar sempre que iso sexa así. O resto, sobre todo por parte do PP, é impotencia e intentar tapar cunha falsa polémica o seu compromiso cero con esta cidade.

Que pasará tras o 28-M?

Dos tres candidatos fortes, vostede é o único que se presenta por primera vez. Iso é unha vantaxe ou o contrario?
Creo que é unha vantaxe.  A candidatura do PSOE reúne renovación e ilusión, pero tamén experiencia. Rafa Domínguez é a segunda vez que se presenta e todo o mundo sabe que non vai ter maioría absoluta nin de lonxe e, por tanto, non vai ser alcalde. Así que hai dúas opcións: que todo siga igual, na dinámica que levamos estes catro anos, ou que o PSOE medre e lle poida imprimir a Pontevedra ese novo ritmo que é necesario.

En Fene gañoulle a Alcaldía a un histórico do nacionalismo que levaba 28 anos de alcalde. Cre que en Pontevedra tamén o fará?
Nunca hai dúas situacións exactamente iguais. Tanto o concello no que nacín, que é Fene, como o concello no que levo vivindo dende que tiña 18 anos, que é Pontevedra, teñen a tónica dun BNG especialmente forte. Pero máis alá da anécdota, son situacións diferentes. O que si creo é que o PSOE ten oportunidades reais de poder liderar o próximo Goberno municipal. 

Reeditaría o pacto co BNG?
Os pactos nunca son unha fin en si mesma, senón simplemente instrumentos. Do que vote a xente o día 28 sairá un reparto de concelleiros. Pode ser que poida gobernar un partido só, pero eu teño claro que non vai haber maiorías absolutas, así que veremos que forza ten cada quen, se podemos gobernar en minoría, se temos que chegar a acordos con outras formacións ou non. Nós temos claro que o mandato principal da cidadanía é que fagamos a cidade gobernable. Non imos practicar o mesmo que Rafa Domínguez: facer unha política de terra queimada e votar a todo que non simplemente porque veña doutro lado. Iso nunca o imos facer, pero tamén é certo que non nos imos diluír nun pacto de goberno porque si. Depende, veremos que forza ten cada quen e para que pode servir ou non chegar a acordos.

Ten liñas vermellas para chegar a eses acordos dos que fala?
Nunca imos facer a Rafa Domínguez alcalde. Iso é evidente. E a partir de aí, o PSOE ocupará o espazo que nos dea a cidadanía e será coherente co programa de goberno que presentamos.

Por que lle debería votar a vostede un veciño ou veciña de Pontevedra?
Pontevedra ten perdido un pouco de alento nos últimos tempos. É verdade que estamos nunha cidade cómoda, pero cun adormecemento en todos os ámbitos. É entendible, porque os proxectos non poden ser eternos. 24 anos é un récord político que ninguén lle vai sacar ao BNG nin a Lores, pero todos estaremos de acordo en que esta cidade necesita algo máis, precisa máis que pensar en cal vai ser a seguinte rúa en peonalizar. E o PSOE plantexa esa suma de renovación e experiencia e por iso lle dicimos á xente: dádenos a oportunidade de demostralo.

O test persoal

Iván Puentes, cos seus fillos e co seu irmán. DP
Iván Puentes, cos seus fillos e co seu irmán. DP

Que libro está lendo?
‘La ladrona de huesos’, de Manel Loureiro.

Unha película que teña visto máis dunha vez?
A última que vin máis dunha vez creo que foi ‘En el nombre del Padre’.

Unha afección?
Viaxar.

Un deporte?
Spinning e correr.

A súa comida favorita?
Ovos fritidos con patacas fritidas.

Un lugar para perderser ou desconectar?
Ons.

De neno, que quería ser de maior?
Maquinista de tren.

Praia ou montaña?
Praia, sempre.

Con quen tomaría unha cervexa ou daría un paseo?
Cos meus amigos todos, cos que xa o fago habitualmente.

Unha persoa importante na súa vida?
Meu irmán.