Puentes asegura que para o PSOE "o entusiasmo da mocidade é a mellor enquisa"

► O candidato do PSOE á Alcaldía protagonizou un 'café mozo' con medio cento de membros das Xuventudes Socialistas de Galicia
Iván Puentes celebrou o sábado un encontro con xente moza no Cafetín. DP
photo_camera Iván Puentes celebrou o sábado un encontro con xente moza no Cafetín. DP

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, protagonizou o sábado un 'café mozo' con medio cento de membros das Xuventudes Socialistas de Galicia, ao que tamén asistiron os números 3 e 4 da lista electoral, o secretario de Cultura da Agrupación Local, Manuel Fariña, e a parlamentaria Paloma Castro. O encontro, enfocado como un grupo de debate que serviu para tomar nota das políticas a prol da xente nova que Puentes pretende impulsar desde o Goberno municipal, contou coa presenza do secretario xeral de XSG, Xurxo Doval, e de dous compoñentes da lista: a súa actual secretaria de Igualdade, Estrela Vilacoba, de 23 anos, e o estudante universitario de 19 anos David Fraga.

En opinión do candidato do PSOE, "o entusiasmo da mocidade é a mellor enquisa que podemos ter os socialistas de Pontevedra de cara á cita electoral do vindeiro 28 de maio".

No transcurso do almorzo, Iván Puentes transmitiulles ás Xuventudes que "Pontevedra ten que aspirar a exercer como capital de provincia e iso significa xerar actividade económica, emprego e oportunidades de traballo para xente moza, xa que nestes momentos hai moita emigración xuvenil", dixo. "Temos que ser máis ambiciosos, a cidade precisa dunha nova marcha e tanto as enquisas demoscópicas como as que facemos a pé de rúa sinalan que só pode vir da man do Partido Socialista", aseguroulles.

Pola súa banda, Xurxo Doval explicou que "estamos aproveitando para celebrar un encontro mozo e positivo para unha cidade que debe ser clave para nós: debemos converternos na cara máis visible dun goberno que aposte pola mocidade e por iso estamos aquí hoxe apostando por Iván Puentes".

Doval anunciou que as XSG teñen previsto reactivarse na Agrupación de Pontevedra a vindeira semana (co proceso de elección dos seus cargos orgánicos), "o que é unha mostra máis de que a nosa federación se está a reforzar moito durante este último ano", indicou.

O secretario xeral das XSG amosouse convencido de que Puentes "será alcalde de Pontevedra".

Comentarios