Puentes di que a reforma da antiga pasarela do tren espera o informe de Adif

Nas vindeiras semanas acometerase unha batida de limpeza e desbroce
Puentes durante a visita á zona de Joaquín Costa. DP
photo_camera Puentes durante a visita á zona de Joaquín Costa. DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, acometerá nas vindeiras semanas unha nova batida de limpeza e desbroce na parcela situada entre as rúas Doce de Novembro, Joaquín Costa, Estrada e As Hortas, na parte da pasarela sobre o tren máis próxima ao novo edificio dos Xulgados.

O obxectivo é manter esta zona verde en perfectas condicións hixiénico sanitarias, eliminando maleza e malas herbas, e deixala acondicionada para a execución do futuro parque co que se lle dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreiro, unha vez que a Administración de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) informe o proxecto e conceda a preceptiva autorización para as obras.

Así o anunciou Puentes tralo en encontro que este luns mantivo cun grupo de veciños dun inmoble de Joaquín Costa, cuxa medianeira dá cara a esta parcela. Na visita, o edil do PSOE estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán.

A reunión serviu tamén para abordar posibles solucións estéticas para harmonizar a nova área de lecer e xogo cos laterais dos edificios lindantes. "Este proxecto, que suporá un investimento de máis de 500.000 euros e que permitirá dotar á zona Leste da cidade dun enorme espazo verde entre o edificio dos Xulgados (nas proximidades de Santa Teresa de Jesús Jornet) e Loureiro Crespo, querémolo recollendo as necesidades e demandas dos veciños, cos que imos colaborar en todo aquelo que precisen", asegurou.

MELLORA. O concelleiro socialista explicou que "ao estar situada a parcela sobre a que se quere actuar sobre unha vía ferroviaria, ao igual que aconteceu co parque infantil de Médico Ballina, é preciso dispoñer previamente do permiso de Adif". "Unha vez o teñamos, poderemos poñer en marcha o procedemento de contratación das obras", engadiu.

"É unha actuación absolutamente prioritaria para nós, xa que, grazas a ela, poderemos mellorar de xeito substancial as condicións de mobilidade peonil e a conexión de Doce de Novembro con Santa Teresa de Jesús, Amalia Álvarez, o edificio xudicial e a Estación de Ferrocarril", concluíu.

Comentarios