Puentes explícalles aos veciños de Fernando Olmedo o plan para controlar as inundacións

O concelleiro di que o proxecto custaría 0,7 millóns, podería financiarse con fondos propios ou da UE e sería "unha solución pioneira en Galicia"

O concelleiro Iván Puentes, durante a reunión deste xoves cos veciños. DP
photo_camera O concelleiro Iván Puentes, durante a reunión deste xoves cos veciños. DP

"A mensaxe que queremos transmitir é que as inundacións, que están producidas por unha acción pasada, que é a desecación da xunqueira que tiñamos na zona do Estadio da Xuventude, non son algo inevitable. Poderemos palialas e evitalas na meirande parte dos casos. O pioneiro proxecto que permitirá controlar o rego de Valdecorvos é tanxible, conta co respaldo de Augas de Galicia e resulta factible a nivel económico". Deste xeito trasladou este xoves o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, aos veciños e veciñas de Padre Fernando Olmedo as posibilidades de facer realidade algo que para moitos parecía inexorable: acabar cos recorrentes asolagamentos que se producen nesta rúa e nas zonas próximas nos períodos de abundantes choivas. 

Foi durante unha xuntanza na sede da Cruz Vermella e na que a veciñanza tivo oportunidade de coñecer o proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e a Universidade, no marco da estratexia Pontevedra Flúe, para controlar as crecidas do rego de Valdecorvos mediante a creación de dúas lagoas artificiais que asumirían e reterían o incremento de auga en momentos de alto caudal. O encontro contou coa participación do xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e o do enxeñeiro Ángel Colsa, técnico redactor do plan. 

Segundo lembrou o socialista, "os asolagamentos que se producen desde hai décadas son causados fundamentalmente pola coincidencia de dous factores: a marea chea na ría e no río Lérez e un incremento repentino de caudal no rego de Valdecorvos, provocado por unha choiva forte e acumulada en moi pouco tempo". 

"O que se propón é a construción, río arriba, na zona de Valdecorvos, de dúas lagoas artificiais que sexan capaces de asumir eses aumentos repentinos de caudal cando a marea está chea, absorbendo o excedente de auga que se produce neses momentos. Unha vez que baixa a marea, a auga das lagoas podería volver ao rego de Valdecorvos e liberarse de xeito controlado ao Lérez. Estamos a falar de que, en lugar de ter varias inundacións ao ano, como temos nestes momentos, a rúa Fernando Olmedo só tería unha vez cada seis ou sete anos, acumulacións de auga equiparables ás máis leves que temos noutros puntos da cidade, evitando a entrada nos garaxes e os importantes danos materiais que se producen a día de hoxe", indicou Puentes, que valorou o custe do proxecto en 0,7 millóns

Esta solución sería a primeira deste tipo feita en Galicia, e das poucas operativas en España; que non só é perfectamente compatible co respecto á natureza e a ese contorno natural que temos en Valdecorvos, senón que vai mellorar de xeito notable desde o punto de vista paisaxístico e da biodiversidade desta zona verde, gañando un par de lagoas. 

Segundo explicou o concelleiro, "existen dúas posibilidades de financiamento: ou ben, unha vez que estea rematado o proxecto, incorporalo ao vindeiro orzamento municipal de 2024, ou ben, como é unha obra compatible cos fondos europeos Next Generation ou Feder, financialo con cartos da UE".

Comentarios