Puentes fulmina as árbores invasoras e perigosas na senda do Lérez

O plan completarase coa plantación de especies autóctonas preto da praia fluvial

Poda de especies invasoras.DP
photo_camera Poda de especies invasoras.DP

A Concellería de Desenvolvemento Sostible acaba de poñer en marcha un plan destinado á mellora ecolóxica e ao aumento da biodiversidade e da calidade do bosque de ribeira no tramo da senda do Lérez próxima á praia fluvial, segundo informou o concelleiro, Iván Puentes.

Os traballos suporán a eliminación de máis de 30 exemplares: todos os eucaliptos e outras especies invasoras, como as acacias, nun treito duns 150 metros entre a ponte do ferrocarril e o inicio do sendeiro. Despois plantaranse árbores autóctonas. A actuación conta coa autorización da Consellería de Medio Ambiente por tratarse dunha área LIC.

"Trátase dun treito no que, se ben existen uns poucos exemplares de árbores autóctonas, hai unha notable invasión de especies alóctonas, principalmente acacia, robinea e eucaliptos de gran tamaño. Nesta zona –engade o edil–, as árbores medran nun noiro con forte pendente, teñen un sistema de raíces moi superficial, que non permite unha suxección segura, e algunhas delas presentan unha considerable inclinación sobre a transitada beirarrúa que conecta a praia fluvial co barrio de Monte Porreiro". De feito, a varias delas xa lles romperon pólas, o que aumenta co risco para a seguridade. "O número de exemplares de especies autóctonas é mínimo, e os que existen están moi condicionados polas especies invasoras, polo que non medran axeitadamente nin hai un sotobosque e unha composición florística adecuada para un ecosistema de ribeira, máxime cando estamos a falar dun Lugar de Interese Comunitario (LIC) do río Lérez".

Os traballos que executa a firma Arbogal contan cun orzamento de case 14.000 euros. Puentes subliña que a tala será efectuada por arboristas cualificados "mediante o sistema de trepa, baixando as ramas de forma controlada para salvagardar o mobiliario urbano e o resto do arborado, co apoio dunha grúa e dun camión que retirarán a madeira". Para talar os eucaliptos pegados á estrada haberá que cortar un carril de xeito puntual. A medida adoptarase o vindeiro martes ou mércores e prolongarase durante unha semana.