O flow ou "xeito de vivir" da revolución verde e azul impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible a través da estratexia Pontevedra Flúe aterrou este mércores en Turín da man do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, para propagar o seu modelo no seo da Comisión Europea, segundo informou a Concellería.
Fíxoo a través dun dos seus foros máis influíntes en materia de políticas medioambientais: a primeira reunión formal, física, do Parnertship Greening Cities, que xuntou na capital do Piamonte a representantes doutras sete urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Adazi e Bolduque) e de 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, entre elas algunha tan importante como Eurocities ou o Banco Europeo de Investimentos (a institución europea que decide na práctica cantos cartos se destinan a fondos como os Next Generation e con que criterios se distribúen esas achegas).
Trátase dunha alianza comunitaria estratéxica deseñada pola Comisión Europea para impulsar políticas de renaturalización de cidades e a loita contra o cambio climático e na que "Pontevedra representa ao noso país, ao seren a única cidade española seleccionada para formar parte da mesma".
No transcurso da reunión, Puentes incidiu no papel de Pontevedra Flúe (Pontevedra Flows) como "unha estratexia non só local, de transformación verde e azul da nosa cidade, senón tamén como unha estratexia europea, de xestión de fondos comunitarios, que pode servir de inspiración a outras urbes naquilo que nos pide a Comisión: a integración dos ríos e espazos naturais na trama urbana da cidade e no día a día dos veciños e veciñas, facendo cidades máis agradables e saudables, nas que hai tempo para o lecer e espazos de convivencia para a cidadanía, que apostan pola mobilidade peonil e ciclista e na que os servizos están a unha distancia de 15 minutos a pé", destaca a Concellería nun comunicado.