OLALLA VÁZQUEZ, INVESTIGADORA

"Se puidera facer o meu traballo en Galicia non estaría en Marburg"

Pontevedresa desde moi cativa, esta doutora en Química leva dez anos de traxectoria investigadora no país xermano, onde atopou oportunidades impensables en España. Este mércores participou nunha charla telemática incluída na programación da Semana da Ciencia
Olalla Vázquez estudou Química na USC e leva unha década investigando en Alemaña. CEDIDA
photo_camera Olalla Vázquez estudou Química na USC e leva unha década investigando en Alemaña. CEDIDA

Olalla Vázquez (Chantada, 1981) séntese absolutamente pontevedresa, pois chegou á capital do Lérez con só catro anos. Por iso se mostrou sorprendida e encantada de que o Concello contase con ela para participar nunha das charlas da Semana da Ciencia, organizadas en colaboración con GCiencia. "Está ben que se fagan iniciativas deste xeito para promocionar unha ciencia máis diversa. A xente aínda ten a visión dos Einsteins, señores tolos de pelo branco. Hai que transmitir unha visión máis plural da ciencia para que as novas xeracións pensen que tamén poden ser científicos". A súa escolla non foi casual. Gradudada e doutorada en Química na USC, realizou estadías en Harvard e na universidade Humboldt de Berlín, cidade na que se incorporou a un laboratorio en 2010 "e xa me quedei". En 2014 estableceuse na Universidade Phillips de Marburg, onde lidera o seu propio laboratorio de Química Biolóxica. Ademais, na súa carreira recibiu numerosos galardóns á mellor invetigadora.

Estudou e doctorouse en Galicia e leva dez anos en Alemania. É un claro caso do que se deu en chamar fuga de cerebros?
Máis que unha fuga de cerebros é un exemplo de supervivencia.

Tiña claro que non había futuro para desenvolver a súa carreira en España ou acabou en Alemaña polas circunstancias?
Foron as circunstancias. Nunca pensei que acabaría vivindo en Alemaña. Tiña claro que despois do doutoramento quería irme fóra pero a miña idea sempre foi volver. Non obstante, cando sería o momento, coincidiu co parón nas bolsas Ramón y Cajal e todo aquilo. Non había ningún tipo de oportunidade para volver. Solicitei á Universidade de Marburg e concedéronme a praza. Era unha oportunidade que tampouco podes rexeitar.

Coñece máis exemplos de compañeiros españois ou galegos na súa situación?
Si, hai moitísimos máis exemplos. Na miña universidade, por exemplo, temos agora outra investigadora que vén de Girona e ten o mesmo posto co que empecei eu aquí con seis anos. En Alemania tamén coñezo tres españois de profesores titulares, tamén en Inglaterra hai moitos da Universidade de Santiago.... Somos moitos o que estamos fóra.

Fuga de cerebros
"Máis que unha fuga de cerebros [a emigración da xuventude con alto nivel de estudos] é un exemplo de supervivencia"

E cre que España se pode permitir seguir mantendo esta situación, sen evitar a perda de talento?
Iso é unha decisión política. Creo que non se debería investir en xente coma nós e despois deixarnos ir cando somos produtivos, cando podemos devolver o que se investiu na nosa educación. No meu caso foi educación pública. É unha pena que cando empezas a ser produtiva estás a facelo noutro país.

Cal sería a solución para revertir esta situación?
Máis investimento na ciencia. As bolsas tampouco serían a solución. A investigación é un traballo. Temos que abordar o problema desde moitos campos. A nosa sociedade non é científica, non se valora a ciencia. Agora, coa covid, empézase a ver un pouco a luz e a importancia da investigación, de desenvolver rápido unha vacina. Pero a investigación básica é fundamental e non se ve porque non da froitos inmediatos. Os políticos non apoian iso. A solución debería pasar pola educación da sociedade e por políticas que fomenten a investigación e o investimento en ciencia. España é un dos países que menos orzamento lle dedica.

A que cre que se debe?
É algo que dá diñeiro, pero a longo prazo. Debería facerse unha reestruturación económica. O sector predominante en España non é o científico, senón o de servizos e turismo. Debería facerse outro tipo de política. Precísase perspectiva para a xente que se forma, para que poida traballar en España. En centros de investigación, pero tamén en industrias que fagan desenvolvemento.

Solución
"Precísanse políticas de invistan máis na ciencia e educar a nosa sociedade, nada científica; estase a ver agora co covid"

A pandemia actual deixou claro que esta estrutura económica non é a máis axeitada?
Estase vendo que España vai ter unha crise moi grande polo seu tipo de sistema económico. A cuestión é: vai facer iso un cambio na sociedade? Que os políticos invistan en ciencia, sanidade pública, educación pública...? Non o sei.

Plantéxase volver a Galicia?
Non sei o que me deparará o futuro. Volver é algo que sempre queres, é a morriña dos exiliados. Como na casa non se vive en ningún lado. Se eu puidera facer o meu traballo en Galicia non estaría en Marburg. Pero tes que vivir. Eu non podo volver cando non hai unha opción sólida, ou sacrificando todo o que construín ata agora. É unha balanza.

A desigualdade de xénero que impregna a sociedade nótase tamén no ámbito científico? Que ocorre en Alemaña neste sentido?
Desafortunadamente a discriminación de xénero está en todas as áreas e ámbitos sociais. A investigación e a ciencia son eidos tradicionalmente moi masculinos. Na miña universidade, por exemplo, só somos tres mulleres profesoras. E canto máis técnicas son as carreiras as cifras baixan máis. Alemaña pode ser máis igualitaria que España no sentido de ter unha presidenta de Goberno, pero por outro lado é un país moi conservador. Eu noto que en Química hai moitas menos estudantes rapazas que en España. A medida que se sube no escalafón si que hai cada vez menos en España, pero aquí xa vexo moitas menos estudando Química. No meu laboratorio son máis rapazas, pero é polo feito do rol model, pois as profesoras atraen a máis mulleres. En que está traballando agora? Desenvolvemos ferramentas que axudan a entender a bioloxía a nivel molecular e as nosas ferramentas reaccionan coa luz. Esa reacción permite visualizar procesos biolóxicos, pero tamén activar as maquinarias dentro dos organismos e usalas como terapias.

Comentarios