JORGE SOTO CARBALLO, novo vicerreitor do campus de Pontevedra

"Púxenlle moitos deberes a Pachi"

Doutor en Pedagoxía e formador de mestres na Facultade de Ciencias da Educación, este pontevedrés de nacemento e de corazón será o próximo delegado da Universidade de Vigo no campus. Á espera do traspaso de poderes, "xa empecei a traballar pola miña cidade"

Jorge Soto, que habitualmente se move en bicicleta pola cidade e polo campus, diante da Casa das Campás, sede da Vicerreitoría. RAFA FARIÑA
photo_camera Jorge Soto, que habitualmente se move en bicicleta pola cidade e polo campus, diante da Casa das Campás, sede da Vicerreitoría. RAFA FARIÑA

Jorge Soto (Pontevedra, 1966) comparte co seu antecesor, o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, o gusto por moverse en bicicleta pola cidade. "Máis preocupado por outras cousas" que polos prazos do proceso electoral, calcula que en cousa dun mes haberá un traspaso de poderes. "O que me interesa é empezar a traballar polo meu campus e pola miña cidade. De feito xa o fixen hoxe", apuntou este martes nunha entrevista en Diario de Pontevedra.

No día despois das eleccións que lle deron a victoria á candidatura Horizonte 2040 (A universidade das persoas), liderada por Pachi Reigosa e da que forma parte, que balance fai dos resultados?

É un balance boísimo. A chamada a votar deu resultado e estamos realmente contentos. Sobre todo pensando que o alumnado, esa parte da comunidade tan importante para min, votou masivamente ao meu candidato.

Tamén subiu a participación do estudantado. Nótase que se está a implicar cada vez máis?

Iso é o bonito. Para moitos destes alumnos foi a primeira vez que votaban. A Universidade pode ser un sitio onde se fai democracia e a participación tamén constrúe cidadanía. Foi emocionante.

A súa candidatura perdeu en Belas Artes, Ciencias Sociais e, precisamente, na súa facultade, Ciencias da Educación. Tómao como algo persoal? 

Por suposto que non. Foi unha votación bastante axustada e en termos xerais a xente respondeu moi ben. A nosa mensaxe chegou. Queriamos propoñer un campus aberto ás persoas, que teñamos en conta as preocupacións da xente, saber escoitar e facer o cambio que a xente me pide.

Pídeo?

Si. Noteino moitísimo na campaña, nos correos que me chegaron da xente que me agradecía volver a ter ilusión. Impactoume que un traballador diga iso. É unha responsabilidade devolver a ilusión á comunidade universitaria.

"Corbacho foi un magnífico vicerreitor; traballei con el en varios proxectos é unha persoa que se ten implicado coa construción do campus e eu respecto iso moítisimo"

Dicía o luns que o primeiro que tiña previsto era reunirse con Corbacho para poñerse ao día. Que valoración fai do seu traballo?

Foi un magnífico vicerreitor. De feito traballei con el en diferentes proxectos. É unha persoa que se ten implicado na construción do campus. Eu respecto iso moitísimo. Calquera persoa que poña o seu tempo e a súa dedicación para facer universidade desde a miña cidade ten todo o meu cariño. Onte -polo pasado luns- falei con el e díxenlle que lle agradecía moito os catro anos de traballo e el agradeceume o que teño feito polo campus e a campaña tan cabaleirosa que levamos.

Sobre os proxectos que están en marcha como o CREA S2i, o Green Campus... 

Temos que sentarnos e falar. Primeiro entre os reitores e despois todo o equipo. Corbacho pediume un tempiño para ordear as carpetas e falar dos proxectos que están en marcha, dos convenios...

O traspaso de poderes coincidirá na recta final do curso académico, co aluvión de exames, tribunais de TFG e mestrados... Está preparado para asumir esta nova carga?

Estouno, por suposto. Xogo coa vantaxe de estar pisando a cidade que quero.

No debate entre os reitores, no que tamén interviron vostede e o seu antecesor, fixo fincapé na súa orixe pontevedresa.

Para min é moi importante. Hai un condicionamento moi emocional. Eu nacín na avenida de Bos Aires, vía a Xunqueira, sen nada, desde a ventá, cando as barcas de area estaban dragando o Lérez. Vou traballar en bici todos os días, entreno para as maratóns por alí e a mente navega cara aqueles tempos nos que facía falcatruadas onde agora están as facultades. Quero moito ao campus, respecto moito á xente que traballa nel, o alumnado é unha base da construción de cidadanía... Non podo estar máis agradecido.

No debate tamén saíron á luz críticas á xestión da Casa das Campás. Que propón?

Non son crítico. Penso que se está a facer unha boa xestión de cara á cidade. As actividades son importantísimas e poñen o nome da Universidade no entramado social e cultural e iso é perfecto. Pero tamén é necesario, e así lle farei notar a quen leve as actividades culturais e de extensión universitaria, que tamén hai que mirar para o campus. Os estudantes non coñecen a Casa das Campás. Pero non se vai cortar a billa. Seguiremos traballando nesa mesma liña e achegando outro tipo de ideas para achegar a comunidade universitaria á Casa das Campás. Veremos como artellar o binomio cidade-campus.

Considera fundamental a implicación da sociedade coa UVigo?

É fundamental. Unha das fortalezas desta cidade é o campus. Hai que poñelo en valor e os veciños teñen que sentir que é seu.

Normalmente os campus, non digo periféricos porque esa definición non lles gusta, adoitan queixarse de non ter os mesmos servizos que Vigo. É así en Pontevedra? Transmitiulle as carencias que ten? Púxolle deberes ao novo reitor?

Moitos deberes. Tivemos varias conversas neste sentido e eu teño o compromiso persoal de Pachi Reigosa de recuperar servizos. Vai ser así. O compromiso non só do reitor, senón de todos os vicerreitores que van vir aquí e van axudar en todo o que signifique o fortalecemento do campus. A algún xa lle puxen deberes, que vai ter que vir moito por aquí. Teñen que coñecer a problemática deste campus de primeira man, axudar na súa progresión e teño o compromiso de todos de que así vai ser.

Horizonte 2040 tamén gañou no sector do persoal de administración e servizos. Teñen peticións concretas pola súa parte?

O PAS votou por un cambio, polo traballo entre persoas, por recuperar esa ilusión. Foi masivo o voto ao profesor Reigosa e hai uns compromisos adquiridos co PAS e vanse cumprir, por suposto.

A Ideas que suman achacóuselle que era unha candidatura continuista do Goberno de Mato. Cre que se deixou notar nas urnas?

Penso que era algo que estaba no pensamento de todo o mundo. A xente tívoo en conta e quería un cambio, novos aires, novas ideas e xente con ganas e ilusión. Entenderon que nós eramos esa opción. Agora, a traballar.

PERFIL. Do curriculum á educación en valores
Doutor en Ciencias da Educación (Pedagoxía), foi Premio Nacional de Investigación en 2003 e este mesmo ano quedou entre os dez mellores profesores universitarios de España nos premios Educa Abanca, unha mención que ten que agradecer a alumnos e compañeiros.

Imparte aulas na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, tamén nos mestrados en NEAE e en Investigación Psicosocioeducativa con adolescentes e no máster para o profesorado de ESO, Bachillerato, FP e ensinanza de idiomas. Tamén forma parte do equipo de investigación GIES-10.

Así mesmo, é coñecido por apostar pola educación en valores, por poñer o foco na problemática dos refuxiados e nos dereitos da infancia e pola súa faceta solidaria, como a recollida de xoguetes antes do Nadal que, mediante unha ONG, se destinan a rapaces en situación desfavorecida.

Comentarios