Que comen as nosas fillas?

Perigo: a menestra pode converternos en vexetarianas

A AECC repartiu froita entre o alumnado do colexio de Barcelos en febreiro de 2017. DP
photo_camera A AECC repartiu froita entre o alumnado do colexio de Barcelos en febreiro de 2017. DP

ATOPO ESTA fotografía no arquivo buscando algunha imaxe que ilustre un artigo que aínda teño por escribir e que preto da hora de peche non é máis que unha vaga idea. Non sei se falar da terrible mágoa que me dá o devastador incendio da catedral de Notre Dame, do sectarismo das que se queren apropiar da desgraza pola súa condición de católicas, apostólicas e romanas ou da pereza que me dá escoitar aos inevitables todólogos que saben de primeira man como apagar unhas lapas de semellante calibre. Mesmo hai deses na BBC, disque. E iso só despois de cinco minutos en Twitter.

Así que aposto pola idea inicial. Busco a imaxe, que ten dous anos, e chirríame enormemente ver esas mazás nun envurullo de plástico. Xusto hoxe, que comprei cogomelos e plátanos a granel en bolsa de papel (boa idea, Gadis). Sobra moito plástico nos supermercados e nas nosas despensas. Pero esa é outra historia.

A imaxe viña a conto dunha historia coa que tropecei o outro día en La Voz de Galicia. Nas redes poñían en dúbida a veracidade das palabras dunha nai afectadísima, ou o propio contexto, pero a miña colega xornalista Cláudia Morán apuntou no Twitter que se trataba dunhas declaracións emitidas pola radio. Non había fallo.

Houbo a quen lle pareceu inverosímil que unha nai dixese que "estamos a favor de que les den verduras" nos menús do comedor escolar do colexio Ramiro Sabell de Ponteareas pero que se queixase de que "les están convirtiendo casi en vegetarianos". Así, citaba casos nos que "el primer plato es menestra de verduras y el segundo, canelones de atún con verduras, o también, menestra como primer plato y carne estofada con verduras de segundo". Xa ven, de aquí a pacer herba hai un paso.

Que resulta que á cativada non lle gusta o brécol e que se lle dan verdura e non "un filete" é porque á empresa do cátering lle sae máis barato. Que non lea esta noticia a raíña Letizia, por favor, que xa sabemos o que fixo co comedor do colexio das súas fillas.

Igual prefería o método ao que tiveran que recorrer, nunha urxencia, nun colexio andaluz, que consistira en chamar a unha cadea de comida rápida para que lles trouxeran burguers para todos.

Esta nai, e non era a única, laiábase de que os menús tiñan carencia de proteínas, como se estas só viñeran nos bistés e non nos vexetais. E que dicir das lentellas!

Acordeime tamén de cando empezamos oitavo de EXB, aló polos albores dos anos noventa, cando unha mestra recentemente chegada ao colexio quixo darlles unha volta aos nosos deliciosos menús (ai, Rosita, que gran cociñeira!). Doulle por introducir espectaculares receitas como unha crema de espárragos que non había quen a tragara. Pero seguro que miraba pola saúde daquela rapazada que levaba toda a vida merendando bocadillos de Tulipán con azucre ou co mítico Pralín, ou botándolle tantas galletas ao leite con cacao que conseguía que a culler quedara chantada na cunca.

Pero que comen agora os nosos fillos? E as nosas fillas? Dou por feito que os menús escolares dos colexios de Pontevedra son bastante equilibrados nutricionalmente, aínda que non descarto que haxa algunha nai como a de Ponteareas queixándose entre dentes (e pais? haberá algún?). Outra cousa é que a cativada acolla co mesmo cariño unha sopa de verduras que un bisté con patacas fritidas. Moito do problema vén de antes, de cando son pequeniños e a industria alimentaria nos vende como o summun da boa alimentación produtos que non hai por onde collelos. Continuará...