"O que pretendemos é erradicar e eliminar todos os prexuízos que seguen existindo"

Membros da asociación Down Pontevedra Xuntos e do Goberno municipal despregaron este lunes unha pancarta na Casa da Luz para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down
Imaxe do momento do despregue da pancarta de Down Pontevedra Xuntos, esta mañá. DIANA CARRACELAS
photo_camera Imaxe do momento do despregue da pancarta de Down Pontevedra Xuntos, esta mañá. DIANA CARRACELAS

A cidade do Lérez celebrou esta mañá o Día Mundial da Síndrome de Down. Para conmemorar esta xornada, membros da Corporación municipal despregaron na Casa da Luz unha pancarta da asociación Down Xuntos.

Ao acto acudiron o presidente da entidade, Manuel Pérez Cabo; o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores; os concelleiros Marcos Rey, Carme Fouces, Iván Puentes e Yoya Blanco; as usuarias do colectivo pontevedrés, Laura Carballa e Laura Pérez; e a coordinadora do mesmo, Paula Villaverde.

Esta última sinalou que hoxe era un día "para reivindicar os dereitos das persoas con Síndrome de Down" y apuntó que o lema deste ano "tanto da Federación Down Galicia como Down España é que non somos un estereotipo, senón que somos moito máis e o que pretendemos é erradicar e eliminar todos os prexuízos que seguen existindo ao redor das persoas con Síndrome de Down e que limitan que teñen oportunidades reais, que lle permitan participar dunha vida activa e participar dunha maneira inclusiva na sociedade. Ese é o noso cometido aquí".

Estereotipos como o de que estas persoas con discapacidade intelectual son "eternos nenos, persoas felices toda a vida ou anxos caídos do ceo". "Hai que pensar na súa proxección de futuro, no seu futuro laboral e no seu plan de vida", insistiu Villaverde.

"Segue habendo estereotipos como o de que son eternos nenos, persoas felices toda a vida ou anxos caídos do ceo"

"Queda moito por facer para que exista unha inclusión real. Hoxe teño aquí a todo o Goberno municipal para loitar polos dereitos no ámbito laboral, para que teñan unha oportunidade dentro da administración pública e tamén contar coas empresas privadas, para que teñan un posto de traballo e se visibilice a inclusión nos centros educativos", engadiu.

Xunto a ela estaba Laura Pérez, usuaria da asociación Xuntos, que recordou que "aínda hai que cambiar moitas cousas na sociedade".

"Queda moito por facer para que exista unha inclusión real"

Pérez traballa diariamente neste colectivo pontevedrés, "en diferentes áreas como o de novas tecnoloxías", aínda que o que máis lle gusta "é bailar pop latino, tanto bachata como tango ou pasodoble".

Down Pontevedra Xuntos leva 32 anos traballando pola inclusión e a eliminación de barreiras que impiden a súa participación social. En España hai 31.500 con esta discapacidade intelectual, segundo os datos do INE publicados no ano 2009. A esta cifra habería que engadir os 2.420 nenos menores de seis anos con esta alteración xenética que non están incluidos neste estudio, polo que, en total, serían 34.000 persoas.
 

Sensibilización na contorna
Ademais deste acto, Xuntos está a participar tamén en distintas actividades durante estas semanas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre as capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

O CEIP A Lama (A Lama), o CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), o Colexio Plurilingüe Abrente (Sanxenxo) e a Escola infantil O Grupo (Marín) son os centros educativos nos que profesionais e persoas usuarias da entidade están a dar visibilidade á importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas.

Ademais de nos mencionados centros educativos, tamén se realizou unha xornada de sensibilización no CAB Pontevedra, onde se fixo fincapé na importancia do deporte inclusivo para as persoas con algún tipo de discapacidade e se puxo de manifesto o moito que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden ofrecer á sociedade da que forman parte.

Estas accións están incluídas dentro dos actos que a asociación Down Pontevedra Xuntos e o movemento Down Galicia levarán a cabo para conmemorar o Día Mundial da síndrome de Down, o cal foi declarado en 2011 por Nacións Unidas.

Comentarios