O que quixo caldo pasou por Mourente

A 39ª Festa do Caldo acadou un éxito rotundo co reparto de máis de 4.000 racións ao longo de todo o día nos Areás  Centos de persoas achegáronse ata a parroquia pontevedresa para gozar da cita de Interese Turístico Galego
Un asistente bebendo dunha cunca. GONZALO GARCÍA
photo_camera Un asistente bebendo dunha cunca. GONZALO GARCÍA

A 39ª Festa do Caldo de Mourente voltou a reunir nos Areás a centos de persoas para degustar este prato típico. Dende antes da apertura do recinto feiral ao carón do mediodía, unha ringleira de comensais xa agardaban pola súa cunca ou cazola de caldo e a afluencia foi incrementándose ao longo da xornada.

A Asociación de Veciños O Castro, entidade organizadora, estima que se repartiron máis de 4.000 racións, traballo no que colaboraron unha vintena de persoas para a súa distribución e arredor de 40 na elaboración do caldo. Isto supón un "rotundo éxito", segundo o presidente da Festa do Caldo, Santiago Laya, pero tamén un duro traballo para os organizadores e voluntarios, un feito que mereceu o recoñecemento do rexidor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, do presidente da Orde do Caldo, Antonio Reguera, e do actor Rubén Riós, un dos 158 cofrades da Orde do Caldo, quen destacou que "sen o pobo nada tería sentido".

Durante o acto máis institucional houbo tamén un recoñecemento ás 30 confrarías presentes, procedentes de España e Portugal e unha homenaxe a Florentino Santos Freijeiro e Antonio Cajiao Barroso, veciños de Mourente e colaboradores da festa dende o seu inicio en 1992.

O cantante Antonio Barros fixo un pregón percorrendo a historia do caldo e a forma de preparalo nas diferentes culturas ata chegar a receita de Mourente, galega e, polo tanto, universal.

Os organizadores amósansse moi satisfeitos pola afluencia de público, que non se acordaba, dende antes da pandemia, e instan ao Concello a que se faga cargo da festa debido a súa relevancia. Desde sentido, Reguera afirmou que "es importante crear una comisión para que la fiesta del caldo pueda vivir otros años". Laya mostrouse satisfeito coa acollida desta edición afirmando que "O traballo é enorme e houbo moita xente, calculamos que sobre 5.000 persoas". E que pode haber algo mellor que unha cunca de caldo?

Comentarios