Que tesouros marcharon coas clarisas?

A orde relixiosa levou de Santa Clara imaxes e elementos de valor patrimonial antes de formalizar a venda do cenobio
Figura de Santa Clara, no alto da fonte, retirada polas clarisas. BEA CÍSCAR
photo_camera Figura de Santa Clara, no alto da fonte, retirada polas clarisas. BEA CÍSCAR

O convento de Santa Clara xa é da cidadanía de Pontevedra. Porén, o inmoble non quedou intacto e houbo elementos que foron retirados polas clarisas antes de asinar a venda. Que tesouros marcharon de Santa Clara coas clarisas?

Algúns colaboradores das monxas lamentan a perda dun patrimonio que, para eles, debería pertencer á cidade de Pontevedra. Porén, Trivium, a empresa de xetión cultural e patrimonio que se encargou de catalogar os bens de Santa Clara, apunta a que este é un procedemento habitual cando lugares de culto se recuperan para uso civil.

En Santa Clara, a igrexa levou as imaxes relixiosas e o arquivo. Entre os tesouros de máis valor, un tímpano policromadocoa virxe e o neno que os expertos sitúan no século XV e que está ubicado nunha pequena capela dos xardíns do cenobio pendente do seu traslado.

"É posible que estea sacado dunha portada, esa é a nosa hipótese principal, porque as medidas coinciden", apunta Leonardo González, técnico de Trivium.

VER MÁIS: La vida tras los muros de Santa Clara 

Por outra parte, da igrexa foron retiradas as imaxes de santos e virxes. O máis valioso é un cadro atribuído a Luca Giordano, pintor italiano de relevancia que traballou na corte de Carlos II no século XVII. A pintura representa á Virxe dos Desamparados,foi encargada pola familia Mariño Lobeira e constituía un dos elementos de máis importancia do convento. Agora mesmo xa non está na cidade.

Xunto ao retablo da citada virxe, pendurada do teito da igrexa, lucía unha maqueta dun veleiro de comezos do século XX. Tratábase da réplica dun barco que foi a pique en augas galegas e cuxos mariñeiros se salvaron do naufraxio. Como agradecemento, ofreceron a réplica á virxe.

Neste sentido, existen bens que, máis alá dun valor artístico ou patrimonial, teñen valor sentimental polas historias que teñen detrás. Así, algúns dos colaboradores das clarisas durante os últimos anos critican (sen querer dar o seu nome) a perda de tesouros de valor que deberían pertencer a Pontevedra.

A fonte do patio do convento xa non loce a significativa figura de Santa Clara no seu alto despois de que as monxas a levaran

Tamén foron ofrecidas á Virxe dos Desamparados dúas bandeiras que portaban os soldados galegos, liderados polo xeral Morillo, na batalla de Ponte Sampaio contra as tropas francesas (1809). Segundo colaboradores das clarisas, ambos os dous blasóns atópanse custodiados xa no convento de Santa Clara de Santiago de Compostela.

Por último, outro elemento chamativo que falta no cenobio é a escultura de Santa Clara que coroaba a fonte do patio do claustro. Agora, esta, que data do século XVI, loce sen a imaxe da santa que, segundo os expertos era posterior.

"Non ten un gran valor artístico e é posterior á fonte, problablemente do século XVIII, hai imaxes do século XIX no que xa aparecía", conta Leonardo González, que insiste que, ademais do valor artístico dos elementos, hai que ter en conta o seu valor de culto.

No mesmo sentido, apunta a que o feito de que os bens non estean no convento de Pontevedra non significa que desapareceran, senón que se custodian noutro espazo, como ocorre co arquivo documental do cenobio.

No arquivo: contas, rexistros de dotes e doazóns
O arquivo do convento foi tamén reclamado pola orde das clarisas, que levaron toda a documentación. A maior parte dos documentos, segundo Leonardo González, fan referencia ás dotes que pagaban as familias das monxas que se ordeaban en Santa Clara, a contas e orzamentos do propio convento ou son rexistros de doazóns feitas por familias ou particulares que legaban parte dos seus bens ao convento.

Existen tamén biografías das monxas que se ían recollendo segundo as relixiosas falecían. Ademais, outros arquivos custodian documentación relativa a Santa Clara, como o arquivo de Casto Sampedro do Museo de Pontevedra ou o Arquivo do Reino de Galicia, Existen documentos tan curiosos como informes de exclaustración de monxas que foron expulsadas, "algo que non era tan raro".

Críticas: "Son bienes culturales sujetos a una ley, no estantería de Ikea"

"Una sustracción, un expolio y una temeridad". Así define José Granados Marín, historiador da arte e profesor da Escola de Restauración de Pontevedra o traslado de bens do convento.

"Patrimonio tendrá que velar por todos esos elementos que se han llevado las monjas, que son de la iglesia, pero están sujetos a una ley de patrimonio porque son bienes culturales y no estanterías de Ikea", lamenta Granados.

Para el, extraer elementos que foron concibidos para o convento supón "desnaturalizar" o conxunto, así como fragmentar os retablos ao sacar as imaxes dos santos.

"Si van a musealizar el convento tendría toda la lógica dejar ahí los retablos con las imágenes, porque forman un todo indivisible, a mí me produce mucho dolor ver esos retablos, que enseñaba a mis alumnos, sin las imágenes", apunta o mestre.

"Muy pocas ciudades en Europa tienen un convento con 750 años de historia, que ha pasado por tanto, y llega el siglo XXI y lo perdemos todo", critica Granados, que reclama saber a onde van parar todos os elementos sustraídos de Santa Clara e que, segundo o seu criterio, son propiedade de Pontevedra.

Menciona a imaxe de Santa Clara da fonte, o cadro da Virxe dos Desamparados, o tímpano do século XV e un relicario de San Vicente Mártir traído dende Roma a comezos do século XIX por un pontevedrés.

undefinedUn cadro atribuido a Luca Giordano

Pintura da Virxe dos Desamparados, atribuída a Luca Giordano, que traballou para Carlos II no século XVII. Foto do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación.
undefinedO tímpano do século XV

Ubícase nunha pequena capela do xardín pendente de ser retirado. Pénsase que pertence ao século XV. A hipótese principal é que anteriormente decorase unha porta de entrada á igrexa.
undefinedAs bandeiras de Ponte Sampaio

Os soldados da batalla de Ponte Sampaio (1809) ofreceron as súas bandeiras á virxe dos desamparados e estas estaban custodiadas polas clarisas.