"Viene Trump, el político de moda; primero hacía gracia, ahora acojona"

Os de Noalla, Os do Val do Lérez, Murga Feminina de Pontevedra e Murga PTV inauguran o XXVI Certame de Murgas do Entroido
A Murga 25 Aniversario PTV
photo_camera A Murga 25 Aniversario PTV

Da primeira á última chirigota. Donald Trump estivo este luns omnipresente no Certame de Murgas do Entroido pontevedrés, que cumpre este ano a súa XXVI edición. A primeira das eliminatorias do concurso xuntou no escenario do Pazo da Cultura ás agrupacións Os de Noalla, Val do Lérez, Murga Feminina de Pontevedra, Las pitonisas e a Murga 25 Anos de PTV que, tal e como indica o seu nome, celebraba as súas vodas de prata no certame.

A Murga 25 Aniversario PTV celebraba este luns as súas vodas de prata no certame pontevedrés, no que participa dende os inicios 

A ritmo de salsa, Os do Val do Lérez adicábanlle unha das súas pezas ao presidente estadounidense mentres parodiaban a construción dun muro. "Que viene Donald Trump, el presidente de moda. Primero hacía gracia, ahora acojona", entoaban os integrantes da formación. Pola súa parte, os membros de 25 Anos de PTV referíronse á misoxinia do republicano: "Con las mujeres, puestos de igualdad. Yo en la oficina, ellas a fregar y las que estén buenas al despacho oval". As chirigoteiras da Murga Feminina As Pitonisas, que centraron a súa actuación en adiviñar o futuro, encargáronse de despedir a Obama ("Vaya forma de acabar, has sido derrotado por un cacho de animal").

Os primeiros en subir ao escenario foron Os de Noalla, que, con música de gaita e algunhas cantigas da música tradicional galega, repasaron cuestións da actualidade de Sanxenxo. "Como non teñas permiso non podes ir sulfatar, hai que coller a machada e toda a viña cortar", cantaban sobre os cursiños obrigatorios para poder aplicar produtos fitosanitarios.

"Eu sentín falar dun tipo con coleta e doutro chamado Errejón, se chego a ter a metralleta, non había tanta elección"

Os do Val do Lérez foron disfrazados de personaxes falecidos, como Marilyn Monroe, Michael Jackson, Elvis Presley, a duquesa de Alba ou Francisco Franco ("Eu sentín falar dun tipo con coleta e doutro chamado Errejón, se chego a ter a metralleta, non había tanta elección"). Como mestre de cerimonias exerceu Fidel Castro. Os murgueiros falaron de monarquía ("Juan Carlos de Borbón a máis de mil lle cravou o aguillón"), do prezo da luz, dos paseos do presidente do Goberno ou da programación da televisión. Tamén adicou un corrido mexicano ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a cea de 3.000 euros que pagou o Concello na viaxe para recoller un premio en Nova York: "Con la factura se les ve muy tranquilos y Lores se levanta a pagar".

A murga feminina de Pontevedra tampouco deixou de falar da política local e dalgún que outro amor prohibido entre concelleiros de diferentes partidos. "Nada tienen de especial, dos partidos que se dan la mano. El matiz viene después, cuando lo hacen Ciudadanos y el PP". As Pitonisas tiveron repertorio tamén para os directivos de Caixanova, a suba da luz e a confianza de Rajoy na meteoroloxía para baixar a tarifa.

"Nada tienen de especial, dos partidos que se dan la mano. El matiz viene después, cuando lo hacen Ciudadanos y el PP"

Os últimos en actuar foron os membros de 25 Anos de PTV. A murga fixo un repaso dos disfraces que empregaron nas últimas edicións para celebrar as súas vodas de prata no certame. Ademais, adicaron versos a Trillo polo caso do Yak 42 ("¿Cómo te atreves a volver? Y aún por encima vienes de sobrado; así tapa las cosas el PP, seguro que otro puesto te han buscado"), á corrupción e ao tarifazo eléctrico e mesmo un tema a Abel Caballero ("Esta es la historia de un cacique con disfraz de socialista").

En canto ao público, a espera antes do Certame de Murgas xa se converteu nunha tradición do Entroido. Tamén o luns houbo quen estivo horas agardando para entrar no Pazo da Cultura. Ás 17.30 horas xa había xente ás portas do edificio e ás 19.00 a organización deixou entrar aos espectadores. Unha hora antes de que comezase o concurso, o auditorio do Pazo da Cultura xa estaba practicamente cheo.