miércoles. 23.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 23.09.2020
El tiempo

Que vinte anos non é nada

Xacobe Rodríguez, Carme Fouces, Miguel Anxo Fernández Lores, Anxos Riveiro e Ramón Rozas. GONZALO GARCÍA
Xacobe Rodríguez, Carme Fouces, Miguel Anxo Fernández Lores, Anxos Riveiro e Ramón Rozas. GONZALO GARCÍA

O ciclo de teatro familiar Domingos do Principal festexa dúas décadas cunha exposición de máis dun cento de fotos do arquivo de Diario de Pontevedra

Domingos do Principal cumpre 20 anos. A compañía de teatro Akatro e o Concello de Pontevedra celebran as dúas décadas de vida do seu ciclo de teatro familiar cunha exposición composta por máis dun cento de fotos do arquivo do Diario de Pontevedra, que se pode ver nunha montaxe instalada na entrada do Teatro Principal ata mediados de marzo.

"Para nós isto é un orgullo", sinalaba este venres, na inauguración da mostra, Xacobe Rodríguez, de Akatro. "Poder chegar aquí cun ciclo de teatro que colgou en 76 ocasións o cartel de non hai billetes, que tivo que dobrar as funcións porque cada vez que esgotaba se atopaba cunha ringleira de xente fóra que daba para encher outro teatro e que, aínda así, deixa persoas fóra, iso só pode ser un orgullo". Xacobe Rodríguez lembrou que poucos ciclos de teatro en España teñen o éxito de público que ten Domingos do Principal en Pontevedra. "Gústanos saber que hoxe entran pola porta homes e mulleres cos seus fillos, sabendo que eles foron antes público deste ciclo".

Precisamente a contribución á afección polo teatro e a formación permanente de espectadores foron dúas das características que tanto a concelleira de Cultura, Carme Fouces, como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacaron de Domingos do Principal. Xunto a eles participaron na inauguración da mostra a actual concelleira de Deportes, Anxos Riveiro (concelleira de Cultura entre 2011 e 2017) e o responsable do arquivo de Diario de Pontevedra, Ramón Rozas.

A instalación da exposición no Principal complétase coa mostra de carteis que se usaron no evento ao longo dos últimos 20 anos e cun audiovisual

"NON É SINXELO". "Celebrar 20 anos non é sinxelo", explicou Lores, ao tempo que se felicitou polo feito de que fosen os nenos que acudiron aos inicios deste ciclo os que agora levan aos seus fillos ás funcións. "Grazas a proxectos coma este, hoxe en Pontevedra temos un público adulto moi ben formado ao que xa non lle vale calquera cousa, ao que hai que ofrecerlle teatro de calidade. Estamos encantados de que sexa así", sinalou neste sentido Carme Fouces.

Lores vinculou ademais o aniversario de Domingos do Principal co doutras iniciativas culturais postas en marcha polo seu Goberno, en concreto, polo equipo de Cultura que lideraba Luís Bará hai 20 anos: entre elas, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ou Noites Abertas.

Da mesma maneira, o alcalde relacionou o éxito destas prospostas co modelo de cidade. "Pontevedra está de moda polo seu modelo urbano, pero isto é moito máis que rúas de plataforma única e unha iluminación de calidade", dixo. "Nós o que tratamos de facer foi recuperar o espazo público para a xente e enchelo de contido. Diso se trataba. E se foi un éxito é porque detrás houbo moitísima xente traballando para desenvolver programacións deste tipo e moita xente que respondeu a estas propostas".

A instalación da exposición no Principal complétase coa mostra de carteis que se usaron no evento ao longo dos últimos 20 anos e cun audiovisual que vai descubríndolle ao público os datos máis curiosos dun ciclo que, dende a quinta edición, recolle a opinión do público sobre as distintas funcións.

Que vinte anos non é nada
Comentarios