Quedada feminista para participar na San Silvestre

O acto simbólico comezará nas Palmeiras e pretende lembrar "a todas aquelas irmás que xa non poden correr"

A pasada edición da San Silvestre de Pontevedra. ADP
photo_camera A pasada edición da San Silvestre de Pontevedra. ADP

O Colectivo Feminista Pontevedra promove un acto reivindicativo, aproveitando este luns a San Silvestre, consistente en "saírmos a correr xuntas por todas aquelas irmás que xa non poden facelo".

Deste xeito, lembran a quen se queira sumar á iniciativa que cada participante deberá acudir cunha cunha camiseta branca que será pintada. "E, se queredes, pano, bufanda, fular, gorra ou o que querades en cor lilás". A cita será ás 16 horas nas Palmeiras para pintar as camisetas co símbolo feminista e dende onde se partirá cara á Alameda "para saírmos xuntas na carreira".

A Policía Local informa de que a carreira non implicará restricións de estacionamentos, si ben os vehículos que se atopen aparcados ao longo do percorrido non poderán movelos ata o remate da competición.

Os cortes de tráfico serán puntuais, de tal xeito que ao paso da proba deportiva se restablecerá a circulación. A proba ten unha duración aproximada dunha hora e comezará ás 17 horas, con saída e chegada na avenida de Montero Ríos.

A proba discurrirá polas rúas Alameda, Raíña Vitoria, Praza da Libertade, Xeneral Rubín, Igresias Vilarelle, Alcalde Hevia, González Besada, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, García Camba, Oliva, Riestra, Praza de España, Michelena, Soportais da Ferrería, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, Padre Amoedo, Cruz Vermella,Bos Aires, Serra, García Escudero, Ponte, Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Xeneral Martitegui, Enrique Marescot, Praza de España e de novo volta á avenida de Montero Ríos, onde estará a meta.

Comentarios