"Queremos que o día de hoxe marque un antes e un despois en Pontevedra"

A familia Paz convértese na terceira familia pontevedresa, tras a de Bóveda e a de Caamaño, en adherirse á querella arxentina contra os crimes franquistas
RAFA DEPUTACION (SALON DE PLENOS): acto institucional da Deputacion contra a impunidade, con Begona Caamano e Amalia Boveda
photo_camera Valentín García Bóveda, Amalia Bóveda, Begoña e Olga Caamaño, e Cano e Nine Paz amosando a sinatura da súa adhesión á querella arxentina. RAFA FARIÑA

"Estamos aquí porque hai que estar. Polo noso avó e polo noso pai, que loitou toda a vida contra esta inxustiza", sinalaba, onte, Cano Paz trala sinatura da súa adhesión á querela arxentina contra os crimes franquistas. Xunto a el, a súa irmá Nine. A familia Paz converteuse desta maneira na terceira de Pontevedra, tras a de Alexandre Bóveda e a de Amancio Caamaño, que se une á causa que está a instruír, dende 2009, a xuíza María Servini nun xulgado de Bos Aires. E fíxoo, de xeito público, como as outras dúas, no transcurso dunhas xornadas contra a impunidade organizadas pola Deputación de Pontevedra, a primeira institución pública galega que apoia a vía xudicial contra os delitos cometidos durante a ditadura.

No caso da familia Paz o que reclama é xustiza para a memoria do impresor e socialista Ramiro Paz, condenado a morte por "traizón á patria" no mesmo xuízo no que tamén se condenou ao médico e político republicano Amancio Caamaño. Os dous foron fusilados na Caeira o 12 de novembro de 1936. O intelectual e político galeguista Alexandre Bóveda, condenado polo mesmo, foi fusilado, tamén na Caeira, o 17 de agosto de 1936. As súas sentenzas seguen vixentes.

PRESIÓN. "Queremos que o día de hoxe marque un antes e un despois en Pontevedra", explicou a deputada provincial da Memoria, María Ortega, impulsora das xornadas contra a impunidade xunto a Iniciativa Galega pola Memoria. "É fundamental que a xustiza recoñeza que estamos ante crimes contra a humanidade. Non queda outra que seguir facendo presión, dende as institucións, dende a sociedade civil, dende os colectivos... e encher de querelas os xulgados".

Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda: "Estou moi agradecida por iniciar aquí, onde o futuro nos foi roubado, precisamente aquí, hoxe, o camiño da reparación"

Co acto de onte no seu salón de plenos, a Deputación Provincial pechou uns encontros nos que participaron, entre outros, un dos principais impulsores da querela arxentina, Chato Galante, e o avogado que coordina a causa, Jacinto Lara. "Es sumamente importante que se sigan sumando personas a la querella", dixo este último. "Impunidad es un concepto incompatible con democracia. Un estado democrático no se lo puede permitir bajo ningún concepto. Ahí está el ejemplo y la dignidad de las víctimas, personas a las que sus derechos más básicos están siendo negados por el Estado Español. Les asiste toda la razón. Por eso vamos a seguir en la lucha".

O acto público de clausura, no que participaron distintos representantes das familias e onde realizaron, ante a prensa e o público asistente, a sinatura da adhesión á querela, estivo presentado pola xornalista María Varela e contou coa intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, a través dun vídeo, e coa da cantautora MJ Pérez. As xornadas comezaron o venres cunha xornada técnica con avogados pontevedreses e cunha sesión informativa dirixida ás familias de represaliados nas que se lles comentou a situación actual da querela arxentina.

Begoña Caamaño, neta de Amancio Caamaño: "Reivindicamos la anulación de estas sentencias, algo que ningún gobierno ha tenido la valentía de realizar"

"Estou moi agradecida por iniciar aquí, onde o meu pai tanto traballou; aquí, onde foi xulgado falsamente e condenado inxustamente; aquí, onde o noso futuro nos foi roubado; precisamente aquí, hoxe, o camiño da reparación", dixo Amalia Bóveda, ao carón do seu fillo Valentín García Bóveda. "Por que estamos hoxe aquí? Porque xa que unha institución pública dá o paso, hai que acompañala. E porque precisamente aquí, onde se xulgou a tanta xente, hoxe comézase a recuperar a dignidade", apuntou o neto de Alexandre Bóveda.

Por parte da familia de Amancio Caamaño, falaron, a neta e a bisneta: Begoña Caamaño, que estivo acompañada pola súa irmá Olga, e a súa filla Marta, especialista en Dereito Internacional actualmente nos Estados Unidos, que interviu a través dun vídeo. Begoña Caamaño comezou lendo a sentenza "ignominiosa y llena de mentiras" que condenou a morte ao seu pai. "Reivindicamos la anulación de las sentencias, algo que ningún gobierno ha tenido la valentía de realizar", dixo. "Llegamos a este punto tras una transición considerada modélica, que permitió que el franquismo quedase inscrustado en la sociedad". E rematou: "Papá, abuela Matilde, tías, esto va por vosotros".

Comentarios