"Co monte temos un tesouro que non sabemos explotar"

"Queremos que os nosos mozos poidan vivir dignamente traballando aquí"

Salustiano Mato é o reitor da Universidade de Vigo dende hai sete anos. Presume da fortaleza económica da institución e ten entre os seus proxectos prioritarios o desenvolvemento do Campus Crea, unha iniciativa que pretende converter Pontevedra "na referencia da industria cultural e creativa de Galicia" e en lugar de intercambio para investigadores internacionais
Salustiano Mato, rector de la UVigo.
photo_camera Salustiano Mato, rector de la UVigo.

O CAMPUS CREA (oficialmente chamado Crea S2i) é o gran proxecto para Pontevedra do reitor da Universidade de Vigo desde 2010, Salustiano Mato, que tamén aborda nesta entrevista as claves para que a institución sexa "das universidades mellor saneadas e con máis equilibrio". De feito, dos case 170 millóns de euros de orzamento para 2017, máis da metade proceden do "esforzo" para captar fondos "e non da parte pública".

No debate do financiamento autonómico Galicia quere facer valer que é unha comunidade que se portou responsablemente coa xestión do déficit e iso ten que ter unha compensación. Haina na UVigo por xerar tantos recursos propios e ser punteira en España?

O reparto está feito para soster as tres universidades. Deuse un paso atrás, máis preto do café para todos de antes. Actúase cun paternalismo mal entendido. Cando se fala dos resultados fálase de obxectivos cumpridos para facer mellor o labor para os cidadáns, de ter máis recursos porque formas máis e mellor á xente, porque na túa universidade es capaz de empregar mellor á xente, de que haxa máis taxa de éxito, máis internacionalización, máis actividade co mundo social e económico... Falamos en termos sociais. Que lle devolve a universidade á sociedade, que é a que paga os impostos que a sostén? Na medida en que iso sexa máis eficiente deberiamos ter mellor recoñecemento e máis recursos para quen mellor o fai. Estamos nun mundo no que non se premia a quen o fai mellor. Rescátase. É moi sintomático nos campus. Como os de Ourense e Pontevedra van ben só miramos a ver como axudamos a Lugo e Ferrol, que van mal. Ao final é desalentador. Se nós estamos ben é porque fincamos os cóbados, traballamos, nos preocupamos de axudar á sociedade... Detrás diso hai moita planificación e traballo.

É este un mal galego?

É un mal español. Os decretos de Montoro e Wert van nese sentido. Do café para todos ao café para ninguén. E como non temos pagan xustos por pecadores. Esa falta de valentía política en España é habitual. Desafortunadamente, neste país aténdeselle aos ‘lobbys’ aínda que non o merezan. Iso ten moitas consecuencias. A formación dunha persoa na UVigo cústalle a metade de cartos públicos ao cidadán que noutra universidade como a de Santiago, que ten o doble de plantel coa mesma cifra de alumnos.

Financiamento: "O reparto está para soster as tres universidades e actúase cun paternalismo mal entendido" 

Como lle presentaría o campus de Pontevedra a un americano?

Dígolle que está camiño da especialización cara a creatividade, que ten que ver coa economía social, das industrias creativas e o concepto de benestar a través do concepto de premiar o talento creativo. Con esta mensaxe conseguimos namorar ao Brooklyn College de Nova York e acabamos de pedir un proxecto internacional con Estados Unidos para aquí. Buscamos financiamento para ter mobilidade entre alumnos nosos e americanos e tamén entre profesores e investigadores, no ámbito dos creadores en movemento. Participan, sobre todo, Belas Artes e Ciencias Sociais e da Educación. A taxa de éxito é do 10%, pero conseguimos que un campus pequeno estea cumprindo os requisitos para competir e, nalgúns casos, gañar, grazas á especialización e á cooperación intelixente. De feito, vimos de conseguir un pequeno proxecto mesturando o Campus Crea co Campus do Mar, financiado pola Fecyt. Ata hai un catedrático de Oxford desexando vir para aquí. A proxección internacional que unha universidade lle pode dar a esta maneira de vivir e que namora a calquera estranxeiro é unha maneira de contribuír a devolver á sociedade o que nos dá.

Como vai notar Pontevedra a aparición do Campus Crea? E a comunidade universitaria?

Non sei o resultado final, pero o noso obxectivo é ter unha morea de oportunidades económicas e sociais para reter e captar talento. Que os nosos mozos teñan oportunidades para vivir de forma digna aquí, desempeñando o seu labor, e crear un elemento central na industria creativa en Galicia, que sexamos referencia na industria cultural.

E iso como se fai?

Da mesma maneira que facemos no Campus do Mar e no Vigo Tecnolóxico. Na medida en que vaiamos creando esta cultura cada vez teremos máis alumnos que sexan emprendedores neses eidos, creando empresas. Na Uvigo creamos 25 empresas novas cada ano. Este ano estamos en dez só en Pontevedra. De non haber cultura emprendedora pasamos a que os rapaces saiban que poden pensar unha idea de negocio arredor do que están aprendendo na súa carreira, que se mesturen con estudantes doutro grao, e nós axudámoslle a facer o plan de negocio. De aí eventos como Pont-up Store, que se centran no negocio creativo a partir de recursos primarios, materiais educativos e capacidades vencelladas ás carreiras que temos aquí. Cando teñamos a sede seremos o foco de atención ligado ao deseño e á creatividade. Se nos convertemos en capital desa idea atraeremos capital.

Fondos: "Pasamos do café para todos ao café para ninguén. Ao final é desalentador"

Cabe pensar que será posible pensar nun ‘mix’ das titulacións a curto ou medio prazo?

Estamos loitando para empezar a impartir o programa de doutorado arredor da creatividade no que participan todas as escolas e facultades.

Comentaba que cando o edificio de Benito Corbal estea en marcha se visualizará o Campus Crea.

Imos aproveitar a oportunidade que nos dá a Xunta con eses cinco pisos. Temos un plan estratéxico definido do Campus Crea e estamos traballando na comisión técnica. Imos poñer en marcha un plan de actuación, do que nace o plan de usos do edificio. Será un lugar de encontro e ligado á comunicación, á publicidade e á arte xunto co ocio, a saúde, o deporte e o espazo natural, sempre coa transversalidade da educación. No plan de usos haberá cousas novidosas como utilizar espazos e axeitalos para facer demostracións de todo tipo de iniciativas de industrias creativas e culturais, como laboratorios. E cousas de uso diario como a formación transversal en linguas. Teremos a oportunidade de facer esa incubadora temática como o Incuvi do Campus Crea. Vai pasar como no mundo aeroespacial. Cando empezamos non había iniciativas. Empezamos a facer proxectos e a lanzar satélites ao espazo e creouse unha cultura entre os nosos estudantes de pensar en ideas empresariais nese campo. Primeiro hai que interiorizalo na comunidade universitaria. Queremos ter o plan de usos nun mes para presentalo á Xunta.

Administracións: "A falta de valentía política en España é habitual. Neste país aténdeselle aos ‘lobbys’ aínda que non o merezan"

Con independencia da rehabilitación do edificio, o Campus Crea pode poñerse en marcha?

Xa está en marcha, aínda que seguimos esperando a axuda da Xunta para a súa especialización, pero só cos nosos propios medios e captando recursos xa fixemos actividades. O Campus Crea ten cinco áreas de organización do traballo. A académica, que deu os primeiros pasos do doutorado e que se pasa as últimas avaliacións externas empezaríase a impartir o ano que vén e sería un título específico e único en Galicia. A de investigación, que ordenou as capacidades dos investigadores de Pontevedra nun cluster único e de aí xa saíron iniciativas e proxectos, como o compartido co Campus do Mar, a iniciativa que pedimos co Brooklyn College, e outra con Oxford, na que quedamos finalistas. A terceira, de internacionalización e comunicación, que deseñou a gala de presentación do Campus. A de emprendemento, que organiza o Incuvi, a Pont-up Store. E a de cultura, que organiza exposicións e outras actividades como o festival de cinema, con moita máis sofisticación que noutros campus, porque a cultura está escrita con letras maiúsculas no Campus Crea.

Cales son os puntos febles do campus de Pontevedra?

Temos a sorte de contar cunhas titulacións moi singulares, un entorno social moi favorable e, a pesar de ser un campus pequeno, é moi equilibrado e ten esa fortaleza na matrícula, que o é todo na universidade. Estamos buscando consolidar os títulos que temos. Só dous non cumprían os requisitos: Enxeñería Forestal e Dirección e Xestión Pública. Os dous plans de viabilidade foron aprobados por avaliadores externos e no caso de DXP conseguimos pechar matrícula e en Forestais progresamos axeitadamente. A única febleza que ten é que existe un título parecido en Lugo, pero nós estamos moito máis fortes. Aquí hai un potencial tremendo pero a xente é aínda moi nova.

 Internacionalización: "Co proxecto dos creadores en movemento conseguimos namorar ao Brooklyn College de Nova York"

Á marxe do Campus Crea, que falta por resolver no campus?

Os tempos para proxectos faraónicos acabáronse. A ver como paliamos algunhas cousas coa sede de Benito Corbal, pero hai necesidades que deberiamos cubrir no futuro que teñen que ver coa saúde e o deporte. No mundo do deseño e a creatividade precisamos talleres e infraestruturas. O que temos queda pequeno.

Nese sentido, a nova facultade de Belas Artes queda desbotada definitivamente?

Eran tempos nos que se falaba de 25 millóns de euros coma se nada. Daquela eu estaba no outro lado e era quen os conseguía, pero os reitores daquela non buscaban os cartos. Víñanlles de papá Xunta. Para o Goberno que eu representaba a investigación era prioritaria e, polo tanto, as universidades. Cando eran vacas gordas e se falaba dos terreos de Tafisa había intención política, pero non estaba a propiedade a disposición. E cando asumín a Reitoría e falei co Concello seguía sen estar. Por iso cando hai algo como o edificio de Benito Corbal, para nós é claramente viable ver o plan de usos e buscar axuda para o equipamento. Aí imos cubrir cousas perentorias, como os laboratorios especiais de demostración, cuxos principais usuarios serán os grupos de investigación e que agora non o poden facer nas facultades. Tamén teñen usos que complementan a calidade da docencia, sobre todo en caso de mestrados e doutorados e para prácticas especiais. Algún furado taparemos con eses cinco pisos.

Cal é a resposta da sociedade e das institucións de Pontevedra?

O Concello está absolutamente implicado e a Deputación, actualmente, ten un estusiasmo absoluto de colaboración co Campus Crea. Xa somos unha das institucións máis aprezadas na cidade. Outros sectores están máis desestruturados e a nivel empresarial temos que ir sector a sector. Fóra de Pontevedra temos a simpatía da Consellería de Educación e o problema é que a Pontevedra lle toca ao final. Temos un apoio sorprendente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, que pensou en nós para o edificio da rúa Benito Corbal, pero botamos en falta a colaboración da Consellería de Medio Rural. Sentímonos absolutamente abandonados cando aquí temos a maior concentración de talento científico arredor do bosque: a Escola de Forestais, a Misión Biolóxica, O Areeiro da Deputación e o CFEA Lourizán. Pedimos apoio para facer unha rede e seguimos sen resposta. Traballamos en ordenación do espazo, crecemento sostible e dentro do noso concepto de tratamento da paisaxe e do bosque como un patrimonio que ten que garantir o futuro das xeracións vindeiras. Temos un potencial tremendo que o Goberno galego, en concreto a Consellería de Medio Rural, non está aproveitando de forma premeditada.

Comentarios