"Queremos ser as mulleres que elas soñaron"

O Concello inaugura o mural Mulleres de Pontevedra, que representa a 23 protagonistas femininas da historia da cidade

Inauguración do mural Mulleres de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Inauguración do mural Mulleres de Pontevedra. DAVID FREIRE

Un mural pintado en cinco semanas, que recolle os cinco anos de traballo e documentación do programa A Memoria das Mulleres, que abarca cinco séculos de historia. Explicouno este xoves o edil de Patrimonio en funcións, Luís Bará, na inauguración do mural Mulleres de Pontevedra. "Queremos ser as mulleres que elas soñaron", explicou a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, referíndose ás novas xeracións herdeiras do legado das protagonistas da obra.

O debuxo do inmoble da rúa Poza dos Canos, ao carón do parque Amalia Álvarez, inclúe 23 nomes propios de muller e unha vintena de actividades, oficios e colectivos con mirada de xénero. "Este mural non foi feito para tapar unhaparede, senón para embelecer unha cidade facéndoa máis xusta a equitativa", explicou Luís Bará no que foi o seu último acto como concelleiro.

A obra ocupa 35 metros de ancho por catro de alto e percorre cinco séculos de historia da cidade, na que teñen cabida a almiranta Isabel Barreto; intelectuais e escritoras como Concepción Areal, María Vinyals Ferrés ou María Victoria Moreno; profesionais da Educación como Ernestina Otero ou Daría González; empresarias como Clara López ou Carmen Durán; represaliadas como Elvira Lodeiro ou Josefina Arruti. "Foron mulleres que non permitiron que a historia fose gris", explicou durante a súa intervención Carmen Fouces, que recordou os "máis de mil asasinos de mulleres aus que veñen unirse os que cambiaron a historia, violaron e perseguiron", dixo sobre a extrema dereita.

Luís Bará despediuse con este acto do seu labor como edil

O proxecto forma parte do programa municipal A Memoria das Mulleres da Concellería de Patrimonio Histórico e é obra das empresas pontevedresas Rei Zentolo e Polo Correo do Vento. Un dos responsables artísticos da obra, Quique Mauricio, recoñeceu este xoves que "o máis fermoso é vervos (aos veciños) pola rúa recoñecendo a cada unha das protagonistas".

No acto houbo oco tamén para escoitar a algúns dos familiares das mulleres representadas. Amalia Bóveda recordou á súa nai, Amalia Álvarez, cun poema escrito polo seu avó e recoñeceu o labor de todas as protagonistas do mural. "A súa loita trascende o presente", asegurou, e animou ás mulleres de hoxe a ser "as continuadoras deste mural". Tamén Ángeles Ruibal falou do talento da súa irmá, Mercedes Ruibal, pintora pontevedresa alumna de Laxeiro. Por último, tomou a palabra Nené González, a única muller viva que aparece na obra.

O mural tamén ten un obxectivo didáctico: xunto a el hai unha lista de todas as mulleres que aparecen e o Concello repartirá folletos coas súas biografías

"Nené ten que vivir moitos anos despois de que consigamos recuperar a ría", dixo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que tamén estivo no acto."Quixemos cambiar o discurso gris por unha ollada violeta. Non só era de xustiza, era a única forma de contar as cousas tal e como foron", dixo Lores. Neste sentido, referiuse á importancia das mulleres para construír a Pontevedra de hoxe. "Sen as súas pegadas non poderiamos ter percorrido nin a metade do camiño".

Luís Bará despediuse como edil neste acto. DAVID FREIRE