Quero unha foto xunto a Papá Noel!

O programa de lecer infantil Pontexogos chega ás Galerías Oliva cun obradoiro de traballos manuais para crear un recordo de Nadal en compañía do personaxe de Laponia
Participantes no obradoiro das Galerías Oliva. RAFA FARIÑA
photo_camera Participantes no obradoiro das Galerías Oliva. RAFA FARIÑA

Unha fotografía xunto a Papá Noel nun sobre con forma de reno. Ese foi o recordo que levaron este mércores os nenos que participaron nas actividades organizadas polo programa Pontexogos nas Galerías Oliva.

Os obradoiros infantís, que teñen o seu centro neurálxico na Avenida Raíña Vitoria, espállanse por toda a cidade con actividades en barrios como Monte Porreiro, A Parda e Campolongo.

Este mércores era a quenda das Galerías Oliva. Papá Noel aproveitou a súa estancia na cidade para recibir alí aos pequenos de Pontevedra, recoller as súas cartas e facer unha foto con eles. Os pequenos participantes aproveitaron para contarlle ao recén chegado de Laponia o ben que se portaron este ano e, a continuación, elaboraron un brillante sobre con forma de reno para gardar o recordo da fotografía xunto a Papá Noel. Ademais, decoraron a imaxe de recordatorio, que imprimiron no momento, con purpurina e cores.

GALERIAS OLIVA DE 17 A 19 00 ACTIVIDADES PARA NIÑOS

As actividades nas Galerías Oliva repetiranse este xoves, este venres (de 11:00 a 19:30 horas) e o 27, 28 e 29 de decembro polas tardes. O 30 de decembro, entre as 17:00 e as 19:00 horas, as actividades desprazaranse ao Centro Cultural da Parda. O 3 de xaneiro, levaranse a cabo obradoiros no centro cultural de Monte Porreiro e o 4 de xaneiro no Centro Cultural de Campolongo e na Praza da Liberdade.

Pontexogos estará tamén nas parroquias rurais. De feito, este mércores celebráronse obradoiros no local social de Verducido e este xoves repetiranse no Centro Cultural de Lérez. Ademais, o 30 de decembro as actividades chegarán a Xeve e o 4 de xaneiro a Cerponzóns.

As actividades estenderanse tamén por barrios e parroquias

Entre os talleres e actividades previstas figuran algunhas cos nomes O bosque dos elfos e das elfas pintoras, un photocall-obradoiro para fotografarse con personaxes do Nadal e elaborar divertidos imáns con estas imaxes, o taller Ecoadornos, onde se elaborarán copos, bonecos de neve ou árbores con cortiza e materiais de reciclaxe, O establo dos renos/camelos lambóns, A texeduría dos calcetíns máxicos ou A fábrica dos xoguetes.

Ademais, tanto Papá Noel como os Reis Magos estarán presentes nalgunhas das actividades que se leven a cabo.

Comentarios