sábado. 04.12.2021 |
El tiempo
sábado. 04.12.2021
El tiempo

LOMCE E REVÁLIDAS. "QUEN MELLOR QUE OS PROFESORES PARA AVALIAR SE UN ALUMNO É COMPETENTE DESPOIS DE CATRO ANOS"

"Quero un modelo educativo que permita manter a curiosidade"

Roxelio Carballo, Pilar Freitas e Paco Barros durante o café de redacción celebrado nas dependencias de Diario de Pontevedra
Roxelio Carballo, Pilar Freitas e Paco Barros durante o café de redacción celebrado nas dependencias de Diario de Pontevedra
Deberes e reválidas son os principais temas sobre os que debateron o presidente da Fanpa Pontevedra, Roxelio Carballo; a directora do IES Valle Inclán, Pilar Freitas, e o seu homólogo do CPR Sagrado Corazón, Paco Barros

En plena polémica pola folga de deberes durante as fins de semana de novembro e coa incertidume sobre as reválidas de 4º da ESO e Bacharelato, tres membros da comunidade educativa de Pontevedra acceden a intercambiar impresións sobre a actualidade e o futuro da educación neste país.

"Estamos a vivir un momento doce na educación, independentemente da lei que temos, pero cunha inquedanza moi grande: non coñecemos os roles que van desempeñar profesionalmente os nosos fillos", sinala Paco Barros, director do CPR Sagrado Corazón e pai de dúas rapazas. "Os nenos que van saír do meu colexio en 2025 xa están no centro e témoslles que dar resposta. E non sabemos para que os temos que preparar. A neurociencia descubriunos cuestións e as metodoloxías de aula están cambiando: traballo cooperativo, aprendizaxe de servizo, estimulación temperá, intelixencias múltiples... Estamos a facer un traballo novo e creativo". Deste xeito, Barros cre que "chegará un momento no que o debate dos deberes quedará solapado", xa que os mestres "temos que crear redes e ferramentas para que un neno saiba aplicar o coñecemento. Estase a facer algo diferente nos colexios. Temos que sacar peito, non chepa".

Roxelio Carballo, presidente da Federación Provincial de ANPA de Pontevedra (Fanpa), non está tan convencido desta renovación pedagóxica e fai súas as palabras do ex-secretario de Estado de Educación norteamericano Richard Riley. "El di que estamos preparando aos nosos estudantes para traballos que aínda non existen, nos que terán que usar tecnoloxías que non foron inventadas para resolver problemas nos que aínda non pensamos". Así, considera que "esa idea da educación clásica de ir á universidade, acadar un título, colgalo na parede e con iso teño unha ferramenta para gañar a vida xa non se cumpriu coa miña xeración". Para iso "temos que formar xente que estea aprendendo permanentemente e ademais goce facéndoo, que sexa curiosa... Nós, como pais, non vemos que na educación haxa ese cambio de paradigma. Vemos que se segue mantendo a inercia durante estes anos, que se plantexa non co obxectivo de aprender, senón como forma de sustento. Non vexo que vaiamos cara a este modelo educativo".

Deste modo, sostén que é "un erro" plantexar a necesidade dun cambio "de forma tanxencial", centrándoa nosdeberes. "Quero que os meus fillos teñan ese modelo educativo que lles permita manter a curiosidade, a ansia por educarse permanentemente e lles dea as ferramentas para facelo".

Pilar Freitas, directora do IES Valle Inclán, non está totalmente de acordo, xa que, considera, o modelo si mutou e, non obstante, "estas folgas estanos desautorizando". "Antes tiñámoslle un respecto reverencial ao mestre. Iso cambiou, pero estarnos dicindo que somos incompetentes, que estresamos aos alumnos... Paréceme que é desautorizarnos aos que traballamos día a día cos nenos e os coñecemos bastante ben. Que a educación ten que cambiar? Creo que si, pero xa se cambiaron moitas cousas".

NOVAS TECNOLOXÍAS. Desde que empezou a impartir clase, hai 34 anos, "cambiaron moitísimo as ferramentas e o papel do profesor. Daquela era ou libro de texto ou apuntamentos, pero non tomando notas, senón ao ditado. E coñecín mestres aos que lles encantaba ese método porque era unha maneira de manter os rapaces ocupados". Pola contra, agora "as novas tecnoloxías están en todos os centros. Temos 200 e pico alumnos con cadanseu ordenador no instituto, aulas con pizarras dixitais, utilizamos as aulas virtuais... A isto súmase o plurilingüismo", aínda que todo "pouco a pouco, porque manter todo isto custa moito diñeiro".

Pilar asegura que teñen directrices de evitar as leccións maxistrais, senón que deben ser profesores xestores, intermediarios. "Como en todos os sectores, hai profesionais excelentes e mediocres, xente que cumpre e outra que non. Pero implicámonos en preparar ao alumnado para o futuro. Hai un longo percorrido e o mellor que podemos facer é estimular a curiosidade dos alumnos, para que saian das aulas con ganas de investigar".

Deste xeito, a directora do IES Valle Inclán sostén que "estamos nun proceso de cambio, pero non pode ser da noite á mañá nin modificando a lei a cada pouco. Hai un cansazo importante, chega un momento no que te saturas. Novas materias, cambian os itinerarios... Estamos nun proceso de cambio constante que esixe ao profesorado un maior esforzo. Estamos nunha dinámica que non ten que ver con dez anos atrás. Innovamos con contratos programa, seccións bilingües, etcétera".

DEBERES. "Crear hábitos de traballo é fundamental, pero non poden ser un castigo"


"Na folga de Ceapa hai unha actitude voluntaria de pasarse de freada para que se abra este debate, porque ata agora estaba restrinxido", explica Roxelio Carballo. "O obxectivo está cumprido: hai un debate aberto. Convén analizar cal é o valor pedagóxico dos deberes e aí temos que escoitar aos profesionais, que coñecen as ferramentas pedagóxicas, e se o teñen, ver se o obxectivo se cumpre".

Pola súa banda, Freitas é clara: "estou totalmente en contra de eliminar os deberes cando funcionan como un reforzo do que se fai na aula, sobre todo en Secundaria ou Bacharelato", pero, admite, "un neno de doce ou trece anos non pode estar dúas ou tres horas diarias facendo deberes" porque actividades extraescolares como o deporte ou a música tamén son necesarias para a súa formación. "Crear hábitos de traballo é fundamental. "Pero non poden ser un castigo", apunta Paco Barros, quen lembra que a polémica comezara polo vídeo da campaña Por la racionalización de los deberes en el sistema educativo español, lanzada en change.org por Eva Bailén. Aínda que "demagóxico", funcionou. No colexio que dirixe están a traballar, en connivencia cos pais, nun protocolo para evitar deberes excesivos, que, ademais, "igual non deberían mandarse nunha ponte, porque lle hai que dar valor a estar coa familia".

Carballo apunta, ademais, que os deberes poden supoñer unha discriminación entre o alumnado se os pais non poden axudar aos rapaces con eles ou non poden pagar unha academia. "Hai familias moi diversas".

"Quero un modelo educativo que permita manter a curiosidade"
Comentarios
ç