A quinta edición dos Premios Sofía Novoa da Deputación xa ten gañadoras

María Tenorio Solla, Judit Cerviño Malvido, Patricia Torres Ferradas e Andrea López Pastoriza son as galardoadas este ano
Anuncio dos Premios Sofía Novoa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Anuncio dos Premios Sofía Novoa. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Catro estudantes da Universidade de Vigo, tres delas veciñas de Bueu e unha de Moaña, son as distinguidas na quinta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece cada ano a inclusión da perspectiva de xénero nos Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster dos campus de Pontevedra e Vigo. O xurado decidiu galardoar os TFG elaborados por María Tenorio Solla, Judit Cerviño Malvido e Patricia Torres Ferradas, as tres veciñas de Bueu, e o TFM de Andrea López Pastoriza, de Moaña.

FIN DE GRAO. No caso dos Traballos de Fin de Grao, María Tenorio e Judit Cerviño gañaron os dous premios dotados con 1.000 euros cada un. No primeiro caso, o TFG de Tenorio, graduada en Comunicación Audiovisual pola Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, leva por título Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e Folha de Sao Paulo (2017-2018). Pola súa banda, Judit Cerviño, graduada en Educación Infantil na Facultade de Ciencias de Educación de Pontevedra, foi recoñecida pola obra Traballar con perspectiva de xénero a publicidade en educación infantil. Amais, Patricia Torres Ferradas, graduada en Educación Primaria, gañou o accésit de 600 euros polo traballo As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino das ciencias con enfoque coeducativo. 

FIN DE MÁSTER. No que atinxe aos Traballos de Fin de Máster, Andrea López Pastoriza foi galardoada cun premio de 1.000 euros por Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria Obrigatoria. López, que xa gañara na edición do ano 2018 dos Sofía Novoa outro premio por un TFM, realizou o traballo deste 2020 para o Máster en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social que cursou na Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo do campus de Vigo.

Comentarios