Pontevedra homenaxea aos fusilados do 12 de novembro: "Quise hacer bien y me cuesta la vida"

O acto desvela a existencia dun diario e dunha carta de despedida do mestre Germán Adrio ► A súa neta leu extractos dos seus escritos nun acto sen representantes do PP
Nieves Gamallo durante a súa intervención. GONZALO GARCÍA
photo_camera Nieves Gamallo durante a súa intervención. GONZALO GARCÍA

"23 de julio de 1936. Cinco y media de la mañana. Fui detenido. Había cerrazón". Así comeza o diario que o mestre pontevedrés Germán Adrio comezou a escribir o día que foi detido, tralo golpe de estado de 1936, e que rematou o mesmo día que foi fusilado, cunha carta de despedida á súa familia.

As dúas cousas, diario persoal e carta, veñen de ser descubertas pola familia do mestre socialista, que agora mesmo traballa na súa transcrición e valora a súa publicación en colaboración con institucións como puidera ser o Concello. "Cárcel de Pontevedra. 31-10-36. Sábado, buen tiempo. Augurios siniestros (...). Creo que para la mayoría no hay salvación. No cometí delito alguno. Quise hacer bien y me cuesta la vida".

undefined

A neta de Germán Adrio, Nieves Gamallo, foi a encargada, este venres, no acto de homenaxe aos fusilados o 12 de novembro de 1936 (entre os que estaba o seu avó), de informar sobre a aparición deste diario, e de dar lectura a algúns extractos. En concreto, leu a primeira entrada do diario, a última, e a misiva á súa familia escrita o mesmo día que o fusilaron. "Querida esposa y queridos hijos: tranquilo y sereno voy hacia la muerte".

A descuberta do diario de Germán Adrio marcou este venres a celebración da homenaxe pública anual aos dez homes executados o 12 de novembro na Caeira. Os seus nomes volveron ser pronunciados polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lóres: Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luis Poza Pastrana, médicos; Paulo Novás Souto, Germán Adrio Mañá e Benigno Rey Pavón, mestres; Ramiro Paz Carvajal, impresor; José Adrio Barreiro, avogado; Víctor Casas Rey, xornalista, e Juan Rico González, militar.

"O cultivo da memoria é un deber ético e político, que nunca debemos deixar de lado, por moito que lles moleste a algúns", salientou Lores 

No acto, que se realiza diante do monumento que ten gravado o nome das vítimas (na pasarela do tren), na rúa que se chama 12 de novembro na súa honra, contouse coa música en directo do trío Lerze. Rematou, como é costume, cunha ofrenda floral por parte da corporación municipal e das familias. Non asistiu ningún representante do Partido Popular.

Derrota. Ademais de Nieves Gamallo, falaron o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, e o alcalde. "O cultivo da memoria é un deber ético e político, que nunca debemos deixar de lado, por moito que lles moleste a algúns", dixo Lores. "O silencio ben pode ser unha derrota, igual que o esquecemento, e por iso nunca deixaremos que a estes dez homes lles chegue esa derrota definitiva".

undefined

Lores fixo referencia á descuberta do diario e da carta: "Aínda que fose tarde, algunhas das súas últimas palabras si chegaron a ser lidas polas súas familias. Unha carta e un diario que recollen pensamentos que por fin acharon un lugar onde quedar por sempre, o mellor destino posible: os corazóns dos seus seres queridos".

E engadiu: "Hai que dicilo claro. É posible que todo o que fagamos polas vítimas do 12 de novembro e por todas as demais sexa insuficiente. Penso nesas persoas que aínda están hoxe nalgures, soterradas no anonimato e na vergoña". E rematou: "Que sexa esta xornada unha nova oportunidade para facer memoria e para facer xustiza".

Comentarios