"En maio estarei en condicións de gobernar e darlle un cambio a esta cidade"

O candidato á Alcaldía de Pontevedra polo Partido Popular, Rafa Domínguez, participou nas Conversas na UVI con Rodrigo Cota

 

Rafa Domínguez, xunto a Rodrigo Cota. RAFA FARIÑA
photo_camera Rafa Domínguez, xunto a Rodrigo Cota. RAFA FARIÑA

Dos anos de Universidade, da súa entrada en política, de como se xestou a súa candidatura a alcalde de Pontevedra. De todos estes temas falou este martes o médico e candidato a alcalde polo Partido Popular, Rafa Domínguez. Tamén de como el mesmo falou con Jacobo Moreira, o anterior voceiro municipal do partido, para comunicarlle o cambio. "A Jacobo saqueille un peso de enriba", declarou destacando a elegancia na retirada do anterior voceiro municipal dos populares.

A Casa das Campás acolleu unha nova entrega da quinta edición do ciclo Conversas na UVI, que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. Así, o político foi entrevistado polo columnista deste periódico Rodrigo Cota, que lle preguntou por diversas facetas da súa vida.

"Se Vox foi unha sorpresa xa me verás a min en maio"

Era inevitable falar da próxima cita electoral de maio, cando terán lugar as eleccións municipais ás que concorre. "Se Vox foi unha sorpresa espera a verme a min", adiantou. Así, Domínguez amosouse optimista sobre os resultados debido ao "cansazo da poboación do rural e os barrios co alcalde". Por outra parte, falou da radicalización do BNG, "un partido botado ao monte, que nomea persoa non grata a Rajoy, con Bará rompendo fotos do rei e as xuventudes queimando bandeiras». Por todo isto, o candidato asegurou este martes que "en maio estarei en condicións de gobernar e darlle un cambio a esta cidade".

O público asistente á cita na Casa das Campás. RAFA FARIÑA - Conversas na UVI Rodrigo Cota y Rafa Domínguez
O público asistente á cita na Casa das Campás. RAFA FARIÑA
 

Para facelo, Domínguez falará con todos. Iso foi o que dixo na entrevista do martes cando Cota lle preguntaba por un posible pacto con Vox (se esta forza se presenta e acada algún concelleiro). "Hainos que pactan con partidos independentistas, que tamén son anticonstitucionalistas", respondeu cando Cota apuntou que Vox, entre outras medidas, aposta pola supresión das autonomías -unha proposta que vai contra a Constitución-.

"Pedinlle a Alfonso Rueda que non me fixese escoller entre o partido e Pontevedra"

Domínguez falou tamén do momento no que tomou a decisión de presentarse a alcalde, "despois de moitos cafés con Alfonso Rueda». Aceptou cunha serie de condicións. "Pedinlle a Rueda que non me fixera escoller entre o partido e Pontevedra, porque eu escollería a miña cidade e non podo ir pola rúa tranquilo coa miña familia se teño que facer algo que vaia contra ela", explicou. Por este motivo, Domínguez posicionouse contra a ampliación da depuradora dos Praceres. "A ría precisa saneamento, pero non podo estar de acordo con esa ampliación polo que significa para Lourizán», contou o candidato, que engadiu que o Concello ten responsabilidade na presenza de bacterias na ría pola ausencia de saneamento no rural.

Criticou tamén a falta de tecido industrial na cidade. "Eu metinme en política porque o meu fillo de oito anos non terá opcións para traballar en Pontevedra», explicou. Neste sentido, o candidato lamentou non poder adicar máis tempo á súa familia e explicou como compatibiliza o seu traballo como médico coa política. "É a miña vocación, sería médico igual aínda que fose fillo dun electricista». Outra das paixóns que desvelou na cita do martes foi a súa afección polos cómics. "Eu son feliz na parte de atrás da Librería Paz", dixo referíndose á zona na que o establecemento ten situados os cómics.

"Eu son feliz na parte de atrás da Librería Paz, onde están os cómics"

A súa infancia xogando na Caeira, as tardes cos amigos no Parque das Palmeiras, a adolescencia no IES Valle Inclán ou os anos que pasou estudando Medicina en Santiago recordounos Domínguez este martes. Para rematar, na quenda de preguntas, o seu fillo ergueu a man para preguntarlle se tiña pensado deixar a política. "O que máis rabia me dá de todo isto é perder os partidos do meu fillo", dixo.

Axenda. Carmela Silva, o 18 de decembro
A próxima cita de Conversas na UVI terá lugar o vindeiro martes, 18 de decembro, na Casa das Campás. Nesa ocasión, a xornalista de Diario de Pontevedra María Varela charlará coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Estes encontros buscan achegar á cidadanía un espazo de reflexión e diálogo con personaxes da política, a cultura ou o deporte vencellados coa cidade. O obxectivo é charlar pausadamente lonxe do axetreo e a coñecida como ditadura da actualidade á que están sometidos os medios de comunicación.

Comentarios