Rafa Domínguez declarará o 2 de xuño por acusar de amiguismo a Kiko da Silva

Para defender "a súa honra e profesionaliade", o debuxante doou o diñeiro cobrado polo seu traballo
Rafa Domínguez. DP
photo_camera Rafa Domínguez. DP

Xa hai data para a celebración do xuízo no que Rafa Domínguez, portavoz do PP de Pontevedra, declarará por ter acusado a Kiko da Silva de beneficiarse do amiguismo do Concello e realizar os cartaces do Entroido elixido a dedo.

A denuncia chegou despois de que o popular criticara prácticas cuestionables, se ben nunca dixo que foran ilegais, na adxudicación de contratos a dedo por parte do Concello. O sinalamento ao traballo do ilustrador foi o primeiro dunha serie de prácticas pouco éticas segundo o PP que leva a cabo o Concello de Pontevedra. Domínguez tenas exposto en sucesivas roldas de prensa apuntando a profesionais e empresas do entorno do BNG.

DAVID Presentacion del Entroido 2020. Sala de prensa del Concello., viernes, 7 feb · 11:30–11:30

No caso de Da Silva, o ilustrador reaccionou interpoñendo unha denuncia contra o PP local e o seu presidente, o propio Domínguez, por "defender a miña honra e profesionalidade". Ademais, donou o importe que cobrou pola realización do cartaz e renunciou a volver a facelo.

O caso chegará aos tribunais o 2 de xuño. "É unha demanda civil entre eu, persoa física, e o PP", explicaba este mércores Kiko da Silva, que sinalaba que "o interese do PP é dicir que o BNG é o que está detrás desta demanda". Precisamente iso era o que dicía Domínguez, que aseguraba que Da Silva, que fora candidato ao Congreso co BNG nas eleccións de 2019, levaba aos tribunais este caso por mandato do partido nacionalista. "Es una demanda instigada y ordenada por el BNG y yo quiero transmitir mi máxima tranquilidad y confianza en la justicia", dicía o popular.

"Non vou permitir que, como persoa que leva traballando dende os 16 anos, se deixe entrever que fago algo ilegal sen probas", explicaba Da Silva, que recordaba que comezou a realizar traballos para o Concello moito antes de presentarse nas listas do partido nacionalista en 2019. "Estou no meu dereito a significarme politicamente", manifestou Da Silva.

No mesmo sentido, indicou que agarda que "a xustiza deixe claro que non se pode facer calquera acusación sen probas". No mesmo sentido, pediu respecto por un traballo que leva facendo dende 1998 e asegurou que cuestións coma estas perxudican á súa empresa e ao seu traballo como profesional, á vez que criticou o ton que ten adquirido a política nos últimos tempos.

Comentarios