Rafael Fontoira: "Pontevedra débelle moito á Moureira"

O arquitecto e historiador Rafael Fontoira presenta en San Roque a súa segunda novela, 'Xan de Arrabaldo', unha ficción na que recrea a vida na cidade a finais do século XV

Rafael Fontoira, esta semana, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Rafael Fontoira, esta semana, en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Ás sete en punto da mañá, dous rapaces de dezasete anos, Xanciño Neto, fillo dun atalieyro da Moureira, e Xacinto Rui, fillo dun dos vigairos da Confraría do Corpo Santo da Moureira, petaban na porta do convento de San Domingos de Pontevedra". Así comeza Xan do Arrabaldo (Laiovento, 2018), a novela que Rafael Fontoira (Pontevedra, 1946) presenta este venres na sede da Asociación de Veciños San Roque (20.00 horas, entrada libre). "É a miña segunda novela [tras Farruco e gasolineira, de 2013]", di. "Eu cando me poño a escribir, escribo para adiante. Teño ata poesías. E esta historia quen sabe se acabará aquí. Igual mandamos a Xan Neto a descubrir América. Nunca se sabe".

O arquitecto e historiador pontevedrés Rafael Fontoira, autor dunha extensa bibliografía ensaística sobre a historia e o patrimonio da provincia (que inclúe títulos como Descubrir el Románico, A Moureira dos nosos avós e Pontevedra Monumental), elixiu desta volta a ficción para recrear a vida na cidade a finais do século XV. "Faltábame por narrar a vida de Pontevedra no que é o seu momento máis importante, a segunda metade do século XV e o século XVI, cando a nosa Boa Vila foi a máis grande de Galicia e das máis importantes da Península Ibérica".

"Aproveito para reivindicar este barrio. Foi unha pena todo o que se derrubou. Debería coidarse e protexerse o pouco que queda"

Na novela volve ademais a un espazo polo que sente debilidade, o da Moureira. "É verdade: debilidade absoluta. Pontevedra e os pontevedreses debémoslle moito á Moureira", comenta. "E acabou sendo un barrio abandonado. Aproveito para reivindicalo. Foi unha verdadeira pena que se derrubara todo o que se derrubou. Debería coidarse e conservarse o pouco que queda, protexelo. E vixiar, porque o último alfolí que queda na cidade está desaparecendo pedra a pedra. Cando se decaten, non quedará nada".

Fontoira conta que escribiu Xan do Arrabaldo porque quería pararse en detalles cotiáns como "que daquela non había un polo asado para comer, nin panos de mesa".

O protagonista da historia é un neno da Moureira de Abaixo que soña con ser capitán dunha carabela. Vive a finais do século XV, cando Pontevedra é tomada por tropas portuguesas ao mando de Pedro Álvarez de Sotomayor, Pedro Madruga, o cabaleiro que proclama a Xoana A Beltranexa raíña de Galicia, Castela, Aragón e Portugal. "Pontevedra foi unha vila cercada por uns e outros, unha e outra vez, ao longo da historia. Nestes anos convulsos cércana tamén as tropas dos Reis Católicos comandadas polo arcebispo Fonseca e por Juan Arias del Río, corrixidor maior de Galicia".

"A miña afección pola historia vénme dos trinta e tantos anos que fun arquitecto do patrimonio da provincia. É algo que se che mete dentro"

DE PAXE A CAPITÁN. A novela de Fontoira, ademais de recrear toda unha época histórica, é tamén unha novela de aventuras protagonizada por un rapaz que comeza sendo paxe aos 17 anos, pasa por grumete, por axuda de piloto e por piloto, antes de cumprir finalmente o seu soño de ser capitán, título concedido polo Concello da vila. "Tivo que facer toda a carreira do mar que se facía naquela época", explica o autor, que confesa que hoxe, no canto da novela curta que escribiu, tería feito unha máis longa. "Para incluír máis detalles da época".

Diso Rafael Fontoira sabe como poucos. "A miña afección pola historia vénme de ter sido trinta e tantos anos o arquitecto do patrimonio histórico-artístico da provincia de Pontevedra. Queiras ou non, a historia váiseche metendo dentro".

E agora? "Agora quédame falar do século XIX e de principios do XX, ese momento tamén marabilloso da cidade, o momento do Marqués de Riestra e os seus coetáneos", avanza.

Comentarios