Raimundo González Carballo: "O Orzamento está perfectamente atado"

O Concello de Pontevedra está a piques de iniciar a licitación do seu maior contrato, o do lixo. Será "pronto", asegura o edil de Facenda, que confirma que os novos pregos incluirán agora a obriga de construír a planta de compostaxe da Canicouva. González Carballo confía, tamén, en que o novo concurso non quede deserto, como ocorreu co anterior.
Raimundo González Carballo, concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Raimundo González Carballo, concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

É o concelleiro máis veterano do Concello de Pontevedra, xunto ao seu compañeiro Cesáreo Mosquera e ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Raimundo González Carballo (A Canicouva, 1955) tamén é quen controla os cartos da Administración local. E faino como responsable da carteira de Economía e Facenda, un cargo que asume dende o ano 1999, cando o BNG lle arrebatou a Alcaldía da capital provincial ao PP. Ninguén antes ca el xestionou durante tanto tempo as arcas públicas dunha cidade en Galicia. Aínda que está xubilado e non cobra salario municipal, xamais se lle pasou pola cabeza deixar a súa actividade política: "Nunca tiven dúbidas con iso".

Os novos Orzamentos entraron en vigor o pasado 26 de marzo. Aprobáronse por decreto e con críticas da oposición polas formas. Están ben atadas as contas?
Entendo que si porque se tiveron en conta as sentenzas que había sobre o mesmo asunto, que máis ben son poucas. Tan poucas son que é unha. A maior crítica que se facía nesa sentenza é que era necesaria a exposición pública, cousa que este Concello fixo durante o prazo establecido legalmente. Entendemos que o Orzamento está perfectamente atado.

O PP ameaza con levar o novo Orzamento aos tribunais. Preocúpalle?
A oposición tivo un comportamento de bloqueo absoluto ás contas, entendendo que así lle facían dano ao grupo de Goberno (BNG), sen entender que a quenes lle facían dano era aos cidadáns. O bloqueo da oposición obrigounos a facer auténticos malabarismos para poder xestionar o Concello nos primeiros meses do ano. En todo caso, creo que sería unha mala práctica por parte do PP, pero xa nos ten afeitos a presentar denuncias nos xulgados. Pérdenas todas.

Retraso das contas de 2024 ► "O bloqueo da oposición obrigounos a facer auténticos malabarismos para xestionar o Concello nos primeiros meses do ano"

O Orzamento de 2024 tivo unha tramitación inédita: dende o rexeitamento inicial, ata a cuestión de confianza que perdeu o alcalde e a moción de censura que non saíu adiante contra el. Tan difícil foi negociar este Orzamento co PSOE?
O Partido Socialista está noutra situación. Neste momento está na oposición, mentres que no anterior mandato era membro do Goberno. As maneiras de negociar son diferentes dependendo de onde está cada quen. O Partido Socialista enrocouse nunhas posicións que eran inasumibles para este grupo de Goberno e non foi posible unha negociación.

Vostede levou as negociacións orzamentarias. Non fai autocrítica? Cedeu todo o que puido o BNG para tratar de chegar a un acordo?
Non só iso, senón que estiven negociando ata a extenuación. E cando digo extenuación digo ata o momento anterior ao Pleno de Orzamentos (que se celebrou o pasado 29 de decembro). Nós nunca demos por rotas esas negociacións, pero non foi posible o acordo por unha posición intransixente do propio Partido Socialista. Eu fixen todo o posible.

Raimundo González Carballo na rúa Michelena. GONZALO GARCÍA
Raimundo González Carballo na rúa Michelena. GONZALO GARCÍA

Era máis fácil negociar co PSOE de Tino Fernández que co de Iván Puentes?
Son situacións diferentes. Con Tino Fernández tamén houbo bloqueo orzamentario no seu día, hai dous mandatos. Outra cousa é cando estás no goberno, que unhas veces é máis fácil e outras máis difícil. Non hai unha posición fixa.

Por que non negociou estes Orzamentos co PP?
Porque había unha oposición frontal. O noso socio priotario é o Partido Socialista. O Partido Popular defende cousas totalmente diferentes. Nestes momentos está nunha posición de bloqueo absoluto. Hai tres plenos, o propio Domínguez dixo que nunca votaría a favor dunha proposta que viñera do BNG. Con esas expectativas é imposible negociar con eles.

É o PP un partido de fiar?
(Resopla). Sinceramente, eu entendo que o Partido Popular non é un partido de fiar. Pero iso non é o máis trascendente. Está o PP actuando na defensa dos intereses dos cidadáns de Pontevedra? Eu entendo que non. O Partido Popular está facendo unha política en contra dos intereses dos cidadáns de Pontevedra. Fíxoo, sen ir máis lonxe, coa compra do convento de Santa Clara. No seu momento opuxéronse á compra. E o PSOE é de fiar? Esa non é a cuestión. Para nós é o socio prioritario porque defende unhas posicións ideolóxicas máis semellantes. Aí temos puntos de encontro.

Sobre o PP de Domínguez ► "Sinceramente, eu creo que o Partido Popular non é un partido de fiar. Está facendo unha política en contra dos intereses dos cidadáns"

Hai posibilidade de que o bipartito, que uniu a BNG e PSOE durante catro mandatos, se reedite no actual?
De momento non se dan as circunstancias. A proba está no comportamento do Partido Socialista. Se facemos historia, nun primeiro mandato non gobernamos con eles. En tres dos sete mandatos non houbo coalición e gobernamos en solitario. Se volven a unha senda de consenso podería haber certo entendemento, pero non no futuro inmediato.

Coa incorporación dos remanentes, o novo Orzamento supera xa os 116,5 millóns de euros. A contía podería aumentar cunha nova modificación de crédito. Cando se fará e por que importe?
Nós queremos ter unha modificación dentro dun mes ou mes e algo. Intentaremos que sexa o antes posible para poder financiar certas necesidades que existen. Por exemplo, abrir outra liña de subvencións para os clubes deportivos. E para iso teremos que falar co Partido Socialista, que dixo publicamente que votaría a favor das modificacións de crédito.

A reedición do bipartito ► "O noso socio prioritario é o Partido Socialista. Se volven a unha senda de consenso podería haber certo entendemento"

O PSOE critica a xestión orzamentaria do Goberno local porque hai cartos que quedaron sen gastar. Tamén lle advirte de que terá que negociar a nova modificación de crédito. Teme outro bloqueo por parte do seu ex socio de goberno?
Eu supoño que manterán a súa palabra. Levan unha temporada dicindo que votarían a favor das modificacións de crédito. Entendo, entón, que teñen vontade de negociar e non de bloquear, como fixeron cos Orzamentos.

A liquidación orzamentaria sitúa a débeda municipal en mínimos históricos, pouco máis de sete millóns de euros. Por que Pontevedra nunca decide liquidala dunha vez por todas?
Poderiámolo ter feito, pero sempre se intentou aproveitar os remanentes para facer novos investimentos. Máxime nos últimos tres anos. Entendemos que o máis positivo para os intereses dos cidadáns era destinar o superávit a máis investimentos, como o Tríatlon ou a compra do convento de Santa Clara. Fixemos un gasto moi potente que serviu para mellorar a cidade.

Nova inxección económica ► "Queremos ter unha modificación de crédito nun mes ou mes e algo para, por exemplo, abrir outra liña de subvencións aos clubes"

A oposición critica que o nivel de execución dos investimentos é moi baixo...
É similar ao de anos anteriores. Se eses cartos que non se gastan se perderan, sería un problema. Pero non é así. Eses cartos se incorporan ao ano seguinte. Se nun ano teño a previsión de gastar cinco millóns de euros na factura eléctrica e gasto tres, iso é negativo? Quédanme dous que incorporo ao Orzamento do ano seguinte. O feito de que haxa remanentes pode ser un indicativo da boa xestión económica.

A prioridade do novo Orzamento é sacar adiante proxectos financiados con fondos europeos Next Generation, que teñen prazos moi estritos. Hai risco real de perdelos?
Eu teño a esperanza de que se dean prórrogas a certas liñas de fondos europeos porque estamos así a gran maioría das administracións e dos concellos. Houbo algúns fondos europeos que intentamos tramitar e non foi posible, como a reforma da Santiña e a ampliación das cámaras de tráfico, como consecuencia do bloqueo dos Orzamentos. Agora tamén temos a reforma do antigo Conservatorio e de Churruchaos e estamos a tirar para adiante con outras obras, como a renaturalización do Gafos.

Xestión de fondos europeos ► "Estamos coa reforma do Conservatorio e Churruchaos e estamos a tirar para adiante con outras obras, como a do Gafos"

Cando sairá a licitación o novo contrato de lixo?
Pronto. Nestes momentos xa está refeito o estudo económico e o plan de explotación. Faltarían os informes de Contratación e Intervención e, a partir de aí, pasaría á Xunta de Goberno para pasarllo á ONE (Oficina Nacional de Evaluación).

Que orzamento terá ese contrato e canto durará?
Durará sobre 20 anos. O importe, neste momento, non llo podo dar.

O alcalde falou de preto de 14 millóns de euros ao ano.
Pasa dos 13 millóns de euros.

Sobre a liquidación da débeda ► "Poderiámolo ter feito, pero aproveitamos os remanentes para investimentos como o Tríatlon ou Santa Clara"

Teme que este concurso poida quedar deserto por segunda vez seguida?
Agardo que non. Por que? Porque se corrixiron certas cuestións.

Póñame un exemplo.
Unha delas é a quen lle xiraría Sogama o importe do tratamento do lixo: o Concello asumiría o que fora a Sogama.

Sobre o futuro político do alcalde do BNG: "Lores ten percorrido a medio e longo prazo"

Vaise manter que a adxudicataria cobre segundo o nivel de reciclaxe que se acade na cidade?
Efectivamente. En canto á corresponsabilidade, á vixilancia, ao control e á inspección non nos movemos nin un ápice. Ten que haber unha corresponsabilidade da empresa na xestión dos residuos. O que non pode ocorrer é que a unha empresa, con independencia de como preste o servizo e dos resultados, se lle pague con diñeiro dos cidadáns unha cantidade de diñeiro fixa ao mes. E a nova Ley de Residuos vai nesa dirección.

Renunciarase de forma definitiva á construción da planta de compostaxe da Canicouva?
Vai seguir aí. A planta de compostaxe vai ir nos pregos.

Lores deixou entrever que a decisión final de facer esa planta ou non sería da concesionaria, que podería decidir se levaba os residuos a unha planta privada ou pública. Será así?
Non. Unha cousa é que vaia haber un período transitorio, pero en principio hai unha obriga de facer unha planta nos propios pregos. Aí houbo un momento no que se deixou máis aberto o asunto porque había a dúbida de se o contrato que mantiña o Concello coa Comunidade de Montes da Canicouva estaba en vigor ou non. Agora xa hai unha sentenza que di que está en vigor. Por iso o Concello pode dispoñer desa parcela.

Se a empresa demostra que ese proxecto é inviable, que pasaría?
Iso é un futurible.

Pero figurará esta posibilidade nos pregos, como xa ocorreu antes?
Nos pregos vai que ten que facerse alí (na Canicouva). Houbo matices que foron cambiando. Nun momento houbo esa posibilidade, de non facela se se demostraba que non era viable. Eu creo que neste momento xa non existe esa posiblidade. Tena que facer alí, si ou si.

Estase a usar xa a planta de compostaxe de Sogama en Vilanova?
O que se recolle no colector marrón asúmeo a propia concesionaria. Non é o Concello quen leva os biorresiduos, é a concesionaria, que os estivo levando a planta de Leiro. Neste caso, Prezero pode mandala a Leiro, a Ponteareas, onde hai outra planta, ou a Vilanova. Pero é unha cuestión que decide a propia empresa, non o Concello.

Eu pregúntolle se os biorresiduos se están a levar a Vilanova (que é unha planta pública) e non a Leiro.
Sei que hai contactos entre a empresa e Sogama para levalos alí. Pero non sei nada máis. Porque quen se encarga do tratamento é a propia empresa, como vai ser no futuro.

Haberá oitava prórroga do contrato do lixo (que remata o 9 de xuño). Negociarase con Prezero algunha mellora no servizo?
Non. Vai ser unha prórroga simple.

Por canto tempo?
Terá que ser por un ano, a expensas do que suceda co novo contrato, que será pioneiro. Non debe haber ningún contrato de residuos no Estado que se adapte á nova lexislación. Vai ser un cambio de paradigma para todos: para os cidadán, para a administración e para as empresas.

Leva case 33 anos como concelleiro, 25 no Goberno local, con Lores, sempre á fronte da carteira de Facenda. Nalgún momento pensou en deixalo?
Non. Nunca tiven dúbidas con iso.

Lores leva sete mandatos consecutivos como alcalde. Cre que ten carrete para presentarse a un oitavo?
Lores ten percorrido a medio e longo prazo.

E vostede con el?
Iso dependerá, entre outras cousas, se el e a organización contan comigo. Eu, como diría este famoso adestrador de fútbol, vou día a día, mes a mes e mandato a mandato.

Comentarios