Ramón Méndez: "Lo que les gusta a los usuarios de videojuegos es ser espectadores activos, no como en el cine"

Comezou estudando Tradución e Interpretación e rematou no mundo dos videoxogos no que el mesmo denomina un "salto ao baleiro" por mor da ausencia de formación específica nos primeiros anos. Agora é localizador, é dicir, traduce os xogos ao español e ao galego
Ramón Méndez, este mércores
photo_camera Ramón Méndez, este mércores

Ramón Méndez (Ourense, 1983) reivindica os videoxogos como un sector en auxe que merece espazo nas universidades. Por iso, onte estivo no IES A Xunqueira I para convidar aos mozos de Bacharelato a traballar nesta industria.

Cal é a situación do sector dos videoxogos? Tamén hai crise?

Debe de ser o único sector que non está en crise. Nótase en estudos moi grandes que invisten millonadas en xogos e logo non os recuperan. Aínda así, o sector está nun momento moi doce e incluso os datos do ano pasado en España indican que os videoxogos recaudaron máis cartos que a industria do cine. Esta dinámica está presente en todo o mundo e non só nos xogos de sobremesa, senón tamén nas aplicacións para móbiles. Cada vez a xente consume máis videoxogos e hai un campo amplísimo por explotar. Por desgraza, aínda está moi ignorado, non se lle dá toda a relevancia que debería ter sobre todo no ámbito académico. De feito, a maioría dos profesionais que están agora mesmo no sector son autodidactas por esa carencia de estudos específicos que había. Aínda que agora hai universidades que xa implementan estudos para que o sector conte con profesionais formados. Iso repercutirá en que siga crecendo porque ao público gústalle ser un espectador activo, á diferenza do cine, no que ten un papel pasivo. É como meterse na pantalla e vivir a historia.

Tamén hai xente que reivindica o traballo creativo que hai detrás dun videoxogo como arte.

Hai moitos tipos de xogos, pero cada vez parécense máis ás películas. Por exemplo, agora acaba de saír ‘The Order’, un videoxogo que semella un filme, aínda que recibiu moitas críticas de xogadores tradicionais. Porén, hai novos usuarios que chegaron atraídos a este mundo porque lles gusta que se lles narre unha historia como se estiveran no cine, con personaxes máis reais. E hai xogos que apostan plenamente pola vertente creativa, como ‘Child of Light’, que está feito con gráficos estilo acuarela e os textos están en verso, polo que é un poema ‘xogable’. Este pode ser un sector artístico, é cuestión de tempo que se recoñeza.

Como é o perfil das persoas que traballan creando videoxogos?

É un sector moi novo, con xente de entre 20 e 40 anos. Son persoas que comezaron a xogar, teñen interese polos videoxogos e pouco a pouco entraron na industria. Hai pouco que finou Nolan Bushnell, un dos pioneiros desta industria, polo que aínda están a morrer agora as primeiras persoas que se adicaron a isto. Iso significa que o sector está a madurar.

Recoméndalle á xente nova que estude algo vencellado co sector?

Por suposto, é un sector fermosísimo con moitas ramas que ofertan posibilidades case infinitas; podes ser tradutor, deseñador, guionista, informático… Para min non hai nada máis satisfactorio que a repercusión do teu traballo na xente, cando cho agradece sentes unha gran satisfacción.

Xogar moito será un requisito básico, non si?

Ese é un debate eterno. Uns defendemos que canto máis xogues mellor, pero tamén hai quen di que non fai falla xgar. É certo que hai xente que non xoga e logo fai moi bos guións, ou traduce moi ben. Pero a miña recomendación é facelo para coñecer mellor o que fas. Agora as empresas empezan a pedilo como requisito, aínda que hai xente que pensa que non é imprescindible.

Comentarios