Ramón Vidal Trillo: "Na negociación con Treves puidemos apretar máis"

O secretario comarcal de UGT en Pontevedra, Deza e Arousa repasa a súa traxectoria como sindicalista nunha nova entrega de Conversas na Uvi

Ramón Vidal xunto ao xornalista Serafín Alonso. RAFA FARIÑA
photo_camera Ramón Vidal xunto ao xornalista Serafín Alonso. RAFA FARIÑA

A súa chegada a Pontevedra, a precariedade laboral,a folga de mulleres ou a súa vila, Noia. Por todos estes temas transcorreu a conversa que mantiveron na tardiña deste martes o xornalista de Diario de Pontevedra, Serafín Alonso, e máis o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal Trillo –dentro do ciclo Conversas na Uvi–.

Houbo oco tamén para a autocrítica: "Equivoqueime nunha negociación con Treves. Penso que puidemos apretar máis". Así se confesaba Vidal recordando o conflito laboral polo peche, en 2009, da dita industria, con 133 empregados, situada na Avenida de Vigo. Ademais, Vidal recoñeceu que os sindicatos perderon credibilidade nos últimos anos aínda que "a xente segue defendendo os dereitos laborais", sobre todo cando lle toca de preto. "Cando un traballador se sente agredido vai ao sindicato, como se fose un servizo de urxencias dun hospital, que está aí para as emerxencias", contou defendendo o papel das organizacións sindicais. "Hai delegados sindicais de empresas pequenas que son heroes malia non ter o recoñecemento dos compañeiros", contou.

O traballador vai aos sindicatos cando se sente agredido, como se fora un servizo de urxencias ao que vas cando estás enfermo

 

De feito, Vidal comezou a entrevista sacando do peto un adhesivo –ao que chamou galleta– para colocalo á vista, na camisa, para amosar o seu orgullo de pertencer a UGT. "As veces na casa bótanme a bronca porque deixa marca na roupa", bromeou. Na entrevista Vidal deu a coñecer tamén algúns detalles da súa vida persoal. As súas orixes de Noia, a chegada a Pontevedra cando conseguiu unha praza no Avelino Montero –destino que escolleu por ser o máis próximo á súa vila natal– e dos seus fillos. "Eles foron os que me fixaron en Pontevedra, porque me custou penetrar nesta cidade e fíxeno cando eles comezaron a ir á escola e a ter relación con outros nenos", contou. Do mesmo xeito, falou de como botou en falta a familiaridade das rúas de Noia, onde "en tres quilómetros eramos todos medio curmáns" e o mar quedaba preto. "Gústame Pontevedra pero levo un cachiño de Noia sempre comigo", recoñeceu.

No encontro falaron tamén da situación laboral en Pontevedra, un concello con pouca industria e na que aos sindicatos chegan casos de persoas que "traballan na hostalaría durante 15 días sen cobrar porque, en teoría, están de proba". Neste sentido, Vidal reiterou a súa aposta para que o Concello inclúa nas súas normativas e concesións unha cláusula de respecto aos dereitos dos traballadores. "Externalízanse servizos que non deberían externalizarse e, ademais, existen empresas que cobran os cartos e non lles pagan aos seus traballadores", criticou. "Desde o Concello poderíase facer moito máis, granciño a granciño faise a praia".

Sobre a unidade sindical, lamentou que a CIG "lle vaia ben así" e non se celebren manifestacións unitarias en días como o 1 de maio o na folga de mulleres do 8 de marzo. "Os colectivos feministas interpretaron que nós quixemos apropiarnos da súa reivindicación e afastámonos para non molestalas", explicou. Neste sentido, e á pregunta sobre a presenza de mulleres en cargos destacados dentro de UGT indicou que haberá unha muller secretaria comarcal "cando o decidan os meus compañeiros e compañeiras", referíndose ao sistema de votación do sindicato para elixir aos seus cargos. Deu a mesma resposta á pregunta sobre a súa continuidade á fronte da organización na comarca. E é que Ramón Vidal é secretario comarcal de UGT en Pontevedra desde 2007.

Público asistente á conversa. RAFA FARIÑA
Público asistente á conversa. RAFA FARIÑA

 

Axenda. Ángel de la Cruz e Maite Méndez
O próximo convidado a asistir ás Conversas na UVI será o guionista Ángel de la Cruz, que acaba de estrear o filme Memorias de un hombre en pijama e será entrevistado pola columnista Diana López Varela o vindeiro 29 de maio ás 20.00 horas.

Pasará tamén pola butaca da Casa das Campás a adestradora do Arxil Maite Méndez. Entrevistaráa o xornalista de Diario de Pontevedra Xaime Nogueira o 26 de xuño.

Por esta edición de Conversas na UVI pasaron xa Ledicia Costas, Javier Porro, AnaIsabel Vázquez, Gonzalo Maceira e Gonzo.

Comentarios